martes, 12 de marzo de 2024

Premio Simbad para o recordo e o Alzhéimer 2022

 

O Premio Simbad para o recordo e o Alzhéimer 2022 recaeu en Raquel Castro e na súa obra Sobremesas sobre versos que aparece publicada na editorial Galaxia ilustrado por Diana Pastoriza.

Así se presenta:"Uxía e a súa avoa Sica elaboran sobremesas mentres lembran os costumes do Courel, a mocidade e infancia dunha anciá que comeza a despoboarse de saberes e recordos."

Unha muller de teatro que se anima a escribir narrativa e verso. Unha temática no medio do noso universo: as enfermidades da memoria, aquelas das que xa falou García Márquez en Cien años de soledad dunha maneira tan poética e máxica. Un premio para visibilizar o problema entre a rapazada engadindo textos aos que dende o principio están aí, pois como ben dicía Ana María Machado, só fai falla coñecer a produción. As ilustracións dunha especialista en mapas conceptuais ou como se lle chame neste momento a contar con imaxes o mesmo do que estamos falando con palabras; algo novidoso do que non sei moi ben que opinar porque por un lado é algo sinxelo e sen pretensións artísticas pero por outro na LIX sempre tentamos que a parte icónica tamén teña ese plus doutra manifestación artística.

Unha avoa e unha neta que nos conta a historia. A avoa vive na aldea e perde a memoria de forma que despois de ser o motor da casa e da familia, ha de ser atendida por unha muller que descansa as fins de semana cando a familia da filla se despraza. Pai, nai, neta e neto. A neta recupera á avoa a través das sobremesas que ela preparou toda a vida e deixou escritas nun recetario, a neta vai preparándoas buscando a súa colaboración e establécese un vínculo que a recupera cos sabores e as maneiras. Libro de cociña cos seus ingredientes e preparación. Novela na que se contan estas circunstancias contextualizadas no confinamento. Libro de poesía nos ingredientes e elaboración das sobremesas. Libro de relacións familiares, de maneiras nas que facerlle fronte ás dificultades, de diversidade sexual no personaxe do amigo da avoa que continúa ao seu lado décadas e décadas, de interxeracionalidade e memoria.

sábado, 9 de marzo de 2024

Un par de álbumes desiguais

Podes de Giusi Quarenghi e Alessandro Sanna traducido por Xosé Duncan e publicado por Bululú. Preséntase así: "A vida está chea de retos que nos poñen a proba dende que somos moi pequenos; de normas, ás veces demasiado estritas, que nos manteñen inmóbiles nun asento ou que nos ditan como e cando debemos actuar, como comportarnos. Nunha sociedade colectiva debemos respectar aos demais, pero… debemos perder a nosa liberdade de ser nós mesmos?"

Unha obra que nos debe facer pensar porque as cousas non son tan doadas como parecen, polo tanto vaise prestar a discutir ata onde podemos e ata onde non, en que circunstancias debemos exercer a liberdade e en cales é mellor deixarnos guiar... Un verdadeiro xogo entre o "podes" e o "debes" que conta contigo para toar decisións. Construído con rimas. Leamos un anaco:

Non sempre podes, pero ás veces debes, / facer o que che vén á mente. /Non sempre debes pero ás veces podes, / non facer o que diga a xente. / Mesmo podes non querer, / non deber, non poder. / Non conseguir facer isto, / querer facer, en cambio, aquilo./ Non ser de menos nin de máis, / ser tan só ti e xa está.

Familiariando xuntos de Ana Meilán e Silvina Eduardo publicado por Entrenubesycuentos é outro libro máis sobre familias pero con pouco interese (ao meu entender).  Din na presentación editorial que "a pesares de formar parte da mesma familia e vivir toda a súa vida xuntos, os Right e os Left tilñan personalidades moi diferentes" e tamén que trata o libro sobre "Inclusión e diversidade é o que descubriremos nesta álbum ilustrado no que a fotografía cobra vida nas manos de Ana y Silvina". Cada man unha familia, cada dedo un membro dese conxunto e remata falando doutras familiasncoma as dos pés. Realmente, se falamos disto o mellor é ir ao tradicional e lembrar as características de cada dedo e deda e non inventar sen ter en contao que diferencia a cada un deles. Ilustración e deseño gráfico sempre aceptableuetón, divertido e integrador de diferentes estilos e demais.

mércores, 6 de marzo de 2024

Premio de Literatura Infantil Simbad para o Recordo e o Alzhéimer

A primeira edición do Premio de Literatura Infantil Simbad para o Recordo e o Alzhéimer foi para Raquel Castro e un accésit para Rosalía Morlán coa súa obra Cando o avó esqueceu o meu nome, que aparece ilustrado por Belén Rodríguez Pazo en Galaxia.

A partir do pórtico de "Borrar o esquecemento..." do que se achega un petisco:

"Cando o avó / esqueceu a miña cara / e quedou perdido / no mundo de nada, / cando o esquecemento / lle roubou as ganas, / quitoulle os soños / e agochounos en caixas, / cando me decatei de que / pouquiño a pouco / se esvaecía a súa ollada, / abraceino moi forte / e camiñei con el / repetindo palabras."

A este seguen outros que fan referencia a cando o avó perdeu a súa casa ou lle foxen os recordos pero tamén aqueles nos que a voz infantil se dispón a loitar contra o mal e recuperar o que poda desa relación co avó lembrando os momentos pasados, procurando axuda, sumando afectos para compensar a enfermidade con toda a tenrura que está na súa man.

domingo, 3 de marzo de 2024

Dúas novidades ben distintas: unha novela infantil e unha bd que comeza serie

Refugallo o espantallo de Irene Alonso Gasalla con ilustracións de Ignacio Hernández está publicado na colección Merlín de Xerais

Sérvelle de pórtico á historia un poema de William Henry Davies, traducido pola autora, no que se fala da présa e a falta de tempo fronte á necesidade da contemplación. Comba é unha nena realmente peculiar que se serve de todo o que atopa, dende o gato abandonado a unha bicicleta escangallada, sempre disposta a dar un novo uso a calquera cousa que forme parte do refugallo, sempre aproveitándoo todo, vendo beleza no lixo. Os Bocapodres ou acosadores alcumábana Nena Lixo ou Composteira pero a ela non lle importaba, enfrontábaos igual que facía coas persoas convencionais que a miraban mal ou non a tiñan en consideración. Onde os demais vían vergoña Comba sentía orgullo. Ela ten unha amiga da alma, das que nunca fallan e sempre a defende e concorda con ela en que sentirse mal por pobre non ten sentido. Comba vive co pai, co está no paro e ten na horta un espantallo que xa non serve, ela promételle facer un novo e niso anda cando nunha xcursión atopa xusto o que lle falta: unha pedra con forma de corazón pero os rapaces de novo se divirten meténdose con ela e cando lle tiran a pedra á calzada ela bótase a collela sen mirala... Un accidente e unha historia que remata ben, pero sen esquecer que a vida ha seguir difícil así que cando chegue ao instituto (coa mochila feita á man, sen móbil nin roupa de marca) volverá a suceder o mesmo e ela seguirá nadando a contracorrente. Unha nana admirable!

Sentinelas da lúa carmesí de Andrés Castro, Ozo Perozo e Alexandre Senande está publicada por Galaxia. Así se presenta: "Desde os albores dos tempos, seres míticos e humanos coexistían en paz e harmonía. Pero un día, os homes comezaron a perseguir o que non comprendían. Tres mouras foron confundidas con bruxas e condenadas á fogueira. Unha delas fuxiu, propagando unha maldición que case acaba coa humanidade enteira. As criaturas mitolóxicas acordaron entón manter a moura encerrada mediante un conxuro ligado á non intervención do humano devir. A lenda di que unha cría humana será quen volverá unir ambos os mundos..." Penso que este argumento correspóndese á serie completa, o que nós vemos é a primeira parte: a chegada da rapaza á aldea, os soños que acoden á súa cabeza, o ambiente de rexouba ao redor da familia, o traballo do pai na farmacia e a adicción que parece telo sometido... contra todas as expectativas a nena é ben recibida polo grupo de compañeiros e primo, unha excursión na que van ter un encontro co misterio e o terror. Aí acaba para poder continuar en próximas entregas. Os debuxos son claros cando reflicten a vida normal enfrontándoos a aqueles nos que fai aparición o arcano e o oculto que son escuros e vermellos con liñas duras e irregulares que representan figuras moi expresionaistas e case abstractas.  

mércores, 28 de febreiro de 2024

Novidades nas que non nos detemos moito

 

O segundo libro infantil dunha poeta (despois de caer de cú polo universo): Abominables adorables e xigantas cantantas de Estibaliz Espinosa e Branda. Ópera prima (infantil) dunha poeta de adult@s. Non está mal a historia pero as ilustracións son moi chamativas, de cores moi vivas e resulta difícil observalas para seguir a historia. Chaman moito a atención (se é iso o que se busca), con moitos estímulos. Imaxinemos tres personaxes moi grandes: Marusía a xiganta da Marola, o Apalpador ou xigante do Courel, e o Ieti ou xigante dos Himalaias. Vivir tan afastados uns dos outros non quita que se reúnan 182 días e medio cada cinco anos (50 días cantan, levando a voz cantante Maruxía), os seguinte 590 días cociña o ieti pratos marabillosos e logo botan a durmir ata que o Apalpador os esperta cando chega o inverno e ten que ir repartir tesouriños, choran algo porque a neve se derrite nos polos e porque os muíños de vento ocupan os montes, miran o firmamento e despídense ata o próximo encontro, pero hai un problema, confunden os billetes de volta...

A lagoa máis fermosa de tódalas de Antela Cid, con ilustracións de Anabel Montouto, publicado por Fervenza. Os reis dun reino, todo marabilloso ata que o mosquito (dunha lagoa próxima) pica ao rei, daquela desécana quedando só unha gota de auga que esperta grazas a unha manta e unhas botas vellas. Esta pinga xuntarase con outras e lograrán crear unha nova lagoa. Todo volve ávida, os obxectos son reaproveitados e reciclados e a auga volve á súa canle.

luns, 26 de febreiro de 2024

As estacións: Cando chega o outono

Cando chega o outono de Marina Rey Noya publicado por Aira Editorial, Así se presenta: "Ourizo Neto camiña canda a avoa polo bosque facendo preguntas sobre todo o que observa. Entenderá como muda a natureza conforme pasa o tempo? Unha fermosa historia chea de poesía e beleza que nos achega aos cambios das estacións e os efectos que produce no bosque, cheo de luz e de misterios." O neto pregunta ante o misterio e a avoa contesta con poesía. As estacións sucédense nun ciclo eterno e repetitivo, pero as avoas non duran sempre, por iso é preciso acompañalas, escoitalas e observar o final da historia, porque é preciso sementar para que a vida conntinúe.

venres, 23 de febreiro de 2024

Cerámica como tema

A maxia da cerámica de Sabela Orgueira Viqueira está publicado por Baía. Trátase dun libro infantil no que aparece unha historia (a descuberta do que se pode facer co barro dende que o atopas nun camiño ata que o convertes en cerámica cocida), a continuación o libro deixa de ser ficción e explícache como facer á hora de traballar co barro (as características e as condicións de conservación, as ferramentas, as técnicas -modelado, churros, baleirado, placas) os pasos a seguir como a decoración e retoque ou o remate final. Para rematar, os enderezos de divulgación da cerámica e a olería e os centros oleiros que se manteñen vivos en Galicia.