domingo, 21 de abril de 2024

"Nós estamos aquí. Apuntamentos para vivirmos no planeta Terra" de Oliver Jeffers

Nós estamos aquí. Apuntamentos para vivirmos no planeta Terra de Oliver Jeffers, publicado por patasdepeixe.

Así o presenta a editora: "Oliver Jeffers escribiu este libro para o seu fillo Harland antes de que nacera.
Sentiu a necesidade de escribirlle unha guía sobre o que había atopar no mundo nada máis chegar a el. É unha guía que nos leva desde o máis afastado, o espazo e os planetas, ata o máis íntimo, os afectos, pasando polos mares, paisaxes, corpos e demais fundamentos da vida. Debuxado e escrito co humor e beleza que caracteriza a Jeffers, este libro fainos reflexionar sobre as esencias da vida, e a importancia de coidarmos o planeta para podermos coidar entre nós. É unha lectura divertida, fermosa e fundamental
que non debe faltar en ningún fogar." Dende a mesma cuberta se nos presenta o planeta e se explica onde estamos e onde non. Nas gardas, sobre un fondo azulde firmamento na noite explícase, por medio das estrelas, como podes facer para atopar o teu camiño cando te perdas (no hemisferio norte e no hemisferio sur, pois para todos vale).

Lede o ton:

Nós estamos aquí (sinala no mapa celeste cunha flecha). A ver... Ola! Benvido a este planeta. Chamámolo Terra. É o gran globo queflota no espazo onde vivimos. Que ben que nos atopaches! Porque o espazo é moi grande. Hai moito que ver e facer aquí, na Terra, así que, para comezar, imos dar unha voltiña. O planeta consta basicamente de dúas partes: terra (rocha e solo) e mar (auga). Imos comezar primeiro pola terra. É onde estamos pisando agora mesmo. Da terra sabemos un montón (e vainos ensinando dende os volcáns ás lagoas). Despois está o mar, que está cheo de cousas marabillosas. Do mar sabemos un pouquiño, pero xa falaremos máis do tema cando aprendas a nadar.  (un buzo, os galeóns afundidos e todo tipo de animais mariños, icebergs). Tamén está o ceo. Máis aquí a cousa xa che é algo máis complicada... moi ben, seguimos loguiño. No noso planeta hai xente. Unha xente é unha persoa. Ti es unha persoa. Tes un corpo. Vóidao ben, porque a maioría das partes non volven medrar. As cousas máis importantes que temos que lembrar as persoas son: comer, beber e estarmos quentiñas. A xente vén en moitas formas, tamaños e cores. Pode que o nosos aspecto sexa diferentes, nos comportemos de xeito diferentee soemos diferente... mais non te enganes, todos somos persoas. Tamén hai animais. E aínda veñen en maís formas, tamaños e cores. Non saben falar, pero iso non é motivo para non sermos bos con eles (e di un loriño pequerricho nunha esquina "eu si que sei"). Pode que ti tampouco saibas falar aínda , malia que teñas a cabeza chea de preguntas. Non teñas présa, has aprender a ausar as palabras ao seu tempo. Polo xeral, a cousa vai así: ando hai sol, é de día e facemos cousas. O resto do tempo é de noite, cando está escuro (de non ser pola lúa) e durmimos. äs veces as cousas poden ir amodiño aquí na Terra (paisaxe rural) pero as máis das veces van rápido, así que aproveita ben o tempo. Pasará antes de que te decates. malia o que avanzamos, aínda non o demos entendido todo, así que che quedas oito para faceres ti. Hai moitas cousas que descubrirás por ti mesmo. Só unha cousa: non esquezas deixar apuntamentos para os demais. Parece grande a Terra pero soos moitos os que estamos aquí (7,327,450,667 e subindo). Así que sé bo e xeneroso. Hai abondo para todos. Pois así, este éche o planeta Terra. Asegúrate de coidares ben del, porque é todo o que temos. E se precisas saber algo máis... ti pregunta. Non che vou andar lonxe. E se non estou... sempre lle podes preguntar a outra persoa. Na Terra nunca estarás só" (e tedes que ver que xente lle presenta, case en fila para que poda preguntar: buzos, apicultores, monxas, xentes de todos os continentes, gordos e flacos, con paraugas e sombreiros...)

De seu pai recolle unha frase: Só precisas tres palabras para vivir, fillo: respecto, consideración e tolerancia." Así se entende... non é?

sábado, 20 de abril de 2024

Libro ganador do Premio Asubío. Infancia e Mocidade pola inclusión.

Palabras de pedra é o libro ganador do "Premio Asubío. Infancia e Mocidade pola inclusión". 

O premio de novela Fundación María José Jove (FMJJ) Infancia e Mocidade pola Inclusión é unha iniciativa de carácter bienal da FMJJ e de Hércules de Edicións que conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e que ten como obxectivos promover o fomento e a creación de obras literarias que aborden o tema da infancia e da mocidade en risco de exclusión social e que favorezan o coñecemento sobre este tema, nomeadamente entre a xente nova.

Así se presenta: "Palabras de pedra é a historia dunha decisión. O protagonista, un home con autismo de alto rendemento, decide realizar unha viaxe acompañado do seu fillo Guille —moito máis afectado—, o que suporá para el ter que tomar decisións en solitario, renunciando á seguridade de todos aqueles que sempre estiveran pendentes del (pais, irmáns, nai do neno e exmuller). A odisea que nos propón Palabras de pedra non é a viaxe en si, senón todas as vicisitudes que o personaxe principal debe sortear ata que chega o momento mesmo de atoparse fronte a ese mar (océano Atlántico) co seu fillo.

O relato está narrado en primeira persoa, o que obriga o lector a mirar tanto o contorno coma o resto de personaxes a través da pupila dun home con autismo, con todo o que iso supón: literalidade na linguaxe, problemas de socialización ou nivel baixo de empatía. Ao mesmo tempo, invítao a entender que o mundo pode ser visto e vivido doutras maneiras igualmente enriquecedoras.

Palabras de pedra pretende visibilizar a realidade de todas as persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA) e das súas familias, nun mundo que non está deseñado para elas e ao cal deben adaptarse, ás veces dende a soidade máis absoluta e a pesar da incomprensión e mesmo do rexeitamento.

Trátase dunha novela acerca do autocoñecemento, da asunción das propias limitacións e de como é posible aceptar o risco que supón atreverse, a pesar delas, a soñar".

Unha boa novela, da que aprenderemos todo tipo de lectorado. A tradución é de María Fe Gonzñadez Fernández e aparece publicada dentro da colección sen fronteiras. A ilustración da cuberta de Marcos Viso. O seu autor Ginés Cruz. Cruz xa publicou anteriormente Rosas negras.

venres, 19 de abril de 2024

Dende o punto de vista dunha árbore

O outeiro do amieiro de Anjel Lertxundi, traducido por María Ramos Salgado e publicado en Costa Oeste de Galaxia.

Preséntase así: "O protagonista desta novela quere coñecer o mundo, viaxar dun lado cara a outro, gozar das paisaxes e cidades máis fermosas. E non é que sexa moi raro, moitos libros falan disto. Pero o protagonista desta novela non é unha persoa coma ti ou coma min. Non é nin sequera un rato ou un golfiño. Trátase dun amieiro, unha simple árbore. E unha árbore teno moi complicado para ir polo mundo adiante, aínda que sexa o carballo máis ergueito.
Mais a árbore desta novela sempre quixo deixar o lugar onde naceu. Sempre quixo moverse, camiñar dun lado ao outro, coñecer sitios novos.
E, daquela, a natureza ofreceulle unha apaixonante aventura. E aquí a tes, a narración do amieiro que quixo coñecer o mundo e o seu percorrido. Cada páxina é unha porta, e a chave para abrilas todas é a lectura."

É o que ten recibir visitas, apoiado no amieiro un rapaz le en voz alta novelas de aventuras (As aventuras de Tom Sawyer, A illa do tesouro...), unha muller aproveita a súa sombra para cantarlle ao bebé, un namorado grava un corazón con dúas iniciais, a xente fala de cidades afastadas... e a árbore ponse a soñar. Non lle chega co que ve dende a súa atalaia no outeiro. Quere máis. Na súa cabeza están os mares, os mundos das narracións, os afectos das anainas e aínda que non pode facer nada por moverse da terra na que están clavadas as súas raíces ponse feliz cando medran as augas e o levan con elas, daquelas  mostra toda a súa solidariedade salvando a quen pode (sexa animal ou surfista)... tamén el é axudado (as mulleres semellan ser as máis ecoloxistas) a vivir unha nova vida na que seguirá botando de menos navegar polo mar.   

O narrador en terceira persoa está atento aos sentimentos e emocións do amieiro. Cóntao todo para que nos fagamos idea de como o ve a árbore. As augas asolagan o val e as expectativas deseser vexetal as páxinas do libro.

mércores, 17 de abril de 2024

Novela xuvenil sobre meigas

Este é a título: Meigas de Esteban Folgar Brea. A primeira novela deste profesor de Secundaria que está publicada na colección Costa Oeste de Galaxia.

Así se presenta: "Esta é unha novela sobre meigas, pero non son como ti cres. As desta novela non rouban nenos, non invocan diaños, non botan mal de ollo nin lle fan mal á xente… que non o merece. As meigas desta novela viven entre nós, fan grupos de WhatsApp, vixían que ninguén salte unhas normas determinadas e axudan a quen o pida, pero tamén discuten e se enfadan unhas veces, e bailan e van xuntas de festa outras. Nesta novela coñecerás a Xiana, unha rapaza de 16 anos, neta de meiga, que se vai presentar ás probas de selección para tamén se converter en meiga e ocupar un dos postos no aquelarre. Pero xunto a ela hai máis candidatas que queren o mesmo, e só hai dúas prazas!"

En terceira persoa cóntasenos o que sucede cando as meigas se reúnen para cubrir as prazas que lles quedaron libres (han de ser sempre 52) por medio dunha serie de probas a respecto das cales non todas están de acordo. Despois poderán facer o aquelarre.  As diferenzas entre unhas e outras, os lugares e especialidades de cada unha delas, as mestras que preparan ás novas e o traballo en común para enfrontar os problemas que poden xurdir coma ese trasno ou demo que foi invocado e do que semella vai ser moi difícil mandar de novo ao seu lugar. O mundo actual, esa realidade paralela ao que vemos todos os días, o pasado e o presente (ou máis ben a ficción e a actualidade) uníndose e todo sucedendo ao longo e ancho da nosa xeografía que tanto se percorre en coche como en basoira, as novas meigas facéndose amigas a pesar da competitividade e as malas mañas... 

Seguramente nos sentiremos algo máis seguras sabendo que ese cento de meigas andan a ocuparse do noso pequeno mundo!

luns, 15 de abril de 2024

Clásicos universais en galego

 

Anne, a de Tellas Verdes de L. M. Montgomery, traducido por Moisés Barcia e publicado por Sushi Books. Esta obra fora publicada en 1908

Da presentación editorial: "Matthew e Marilla Cuthbert, irmáns de mediana idade, pretenden adoptar un neno que os axude coa granxa.

Por equivocación reciben a Anne Shirley, unha orfa fraca e rubia de once anos, chea de enerxía e vitalidade, que deixará unha pegada imborrable ó seu redor, grazas á súa vívida imaxinación e constante charla.

Anne, a de Tellas Verdes é un clásico literario do século xx para todas as idades, levado á pantalla en varias ocasións". Anne é maís que iso, é a fantasía en estado puro, a sensibilidade extrema, unha capacidade inmensa para erguerse sobre a realidade e tamén para descubrir o que se agacha detrás de cada unha das personalidades coas que vai atopándose. O muller que a acolle é seca, non quere mostrar os seus sentimentos e trata de impor o principio de realidade na cabeciña da nena, inoculando disciplina no corpo da imaxinación pero acaba sucumbindo aos seus afectos. El, o irmán, xa se entrega no primeiro momento, adora a nena e cre nela para sempre. Os veciños con todas as diferenzas, a amiga que Anne decide vai ser a mellor e para sempre e nunca falla, a vella señora á que divirte... Todo un mosaico de sociedade polo que campea Anne dende ese momento no que entra na comunidade ata que se converte na mestra; unha aventura no que aparece o amor nunha evolución contada marabillosamente. Anne vainos descubrindo unha serie de razóns que agradecemos, por exemplo, cando lle regalan uns caramelos pregunta. "Podo darlle a metade deles a Diana, verdade? Se lle dou a metade a ela, os restantes hanme saber o dobre de ben. É marabilloso pensar que teño algo que regalarlle", "Hai unha morea de Annes diferentes en min", "non é agradable pensar que mañá é un novo día no que aínda non hai erros?", a descuberta das almas xemelas á primeira ou un pouco máis tarde, a súa sinceridade sen voltas... pero tamén vaille poñendo nomes fantásticos aos lugares polos que pasa (Senda dos namorados, Lagoa dos Salgueiros, o Val das Violetas, o Carreiro dos Bidueiros, a Burbulla da Dríade, o Bosque Enmeigado, o Lago das Augas Escintilates

"Marilla notárao e estaba lixeiramente preocupada, posi decatábase de que esa alma impulsiva probablemente soportaría mal os altibaixos da vida, e non entendía que unha capacidade para o deleite igualmente grande podería máis que compensalo" Os fracasos afundíana Anne nos abismos da desesperación e o cumprimento dunha esperanza exaltábaa ata acadar os vertixinosos reinos do deleite. "Hoxe hai algo en min que me fai amar a todo aquel que vexo. Non sería marabilloso que durarapara sempre?" "Pasei unha tarde fascinante. Sinto que non vivín en van" "Se puidese botarlle a culpa a alguén sentiríame moito mellor"    "Eu preferiría parecer ridícula como todo o mundo a ser a única normal e como ten que ser" "Imaxinaba que Deus non tería tempo para preocuparse polo vestido dunha orfa" Alguén dicía que Anne "que falaba sen parar consigo mesma ou coas árbores e as flores, coma unha tola" Ela afirma que "esperar as cousas con impaciencia é a metade do pracer que producen. Quizais non consigas esas cousas, pero nada che pode quitar o pracer que sentiches ó esperalas con impaciencia (...) eu coido que é peor non esperar nada que quedar defraudada" A señoa Linde opina que ""Quen criou nenos sabe que non hai ningún método infalible e rápido que valla para todos. Pero quen non os criou pensa que é tan simple e tan doado como unha refla de tres: pos os tres valores no seu sitio e sáeche o cuarto. Pero os seres de carne e óso non se rexen pola aritmética." Afirma Anne "É moitísio máis doado ser boa se vas á moda" "Diana e eu estamos pensando seriamente en prometernos a unha á outra que non casareos nunca, senón que seremos unhas amables solteironas e viviremos xuntas sempre.Pero Diana non se decidiu porque cre que quizais sería máis nobre casar con algún mozo desenfreado, salvaxe e perverso para reformalo" Anne conprendeu que perdoara e esquecera sen decatarse (...) canto o lamentaba e canto desexaba que naquerla ocasión non se mostrase an orgullosa e repelente". Canadá. Club de debate. "Arranxas un asunto e xorde outro inmediatamente despois. Cando epezas a facerte maior hai moitísimo que matinan¡r e decidir" Os coñecementos novos aparecían "como iuteiros asomando tras o outeiro e os Alpes alzándose sobre os Alpes" Marilla ve que a nena que aprender a querer desaparecera, quería a rapariga tanto como quixera a nena, pero experimentaba unha estraña e triste sesación de perda" Usaba palabras grandilocuentes e falaba moito, de pequena. A señoa Linde di "Se non podes estar alegre, está tan alegre como podas" Odio e competencia con Gilber, atración; de bos inimigos pasan a ser bos amigos. "E non parecen ter fin... En canto cumpres unha ambición ves outra brillando aínda máis alto. É o que fai a vida máis interesante". A vella di "gústame a xente que se fai querer. Afgórrame o esforzo de ter que querela eu." O pracer da loita. O mellor, despois de inentalo e gañar, é intentalo e fracasar" Sente vergoza e remordemento cando pode sentirse feliz despois da perda de Matthew. "Querido e vello mundo, es moi fermoso, e alégrome de estar viva en ti" Remata a obra murmurando Anne "Deus no seu ceo, e todo en paz na terra."

Chámanos a tención descubir que hai unha edición deste libro, unha tradución, tamén en Hércules.


domingo, 14 de abril de 2024

Obra xuvenil traducida por Eduard Velasco

Cabalgaremos toda a noite de Carlota Gurt acadou o premio Mercè Rodoreda 2019. Aparece agora traducida por Eduard Velasco (cunha axuda do Institut Ramón Llul) e publicada na colección Costa Oeste de Galaxia.

Así se presenta: "Carlota Gurt debuta na literatura con Cabalgaremos toda a noite, un talentoso libro que nos achega á liberdade, un abismo de desexos e medos ao que nos asomamos transitando por unha corda frouxa, con personaxes próximos, que poderían ser calquera de nós, cos seus amores e medos. Un avanzar ás escuras cara a metas aparentemente inalcanzables, que ao final non o son. Un traballo cheo de humor, retranca e mala uva, que nos trae sorrisos e desacougos."

Unha colección de relatos, cada un dende un narrador diferentes (primeira ou persoa). Situacións dispares (historias de veciños para visibilizar mundos: un tímido profesor de catalán e unha enxeñeira alemá con clases de lingua e dúbidas ante unha relación que non se define ou a muller e a piscina noutra relación en potencia;  un túnel ao misterio, o encontro de dous seres con deformidades na cara,  unha manada e a vinganza e modo churrasco, a atracción hiperbólica do mar, a máquina borradora, as obsesións levadas ao máximo extremo, aquilo ao que acceden os nenos e lles cambia a visión, 

Case todas protagonizadas por mulleres e case todas cun punto de crueldade e perversión. A busca de situacións radicais nas que a convención desaparece, a dúbida que envolve, as teimas... o surrealismo tocando no cotián. Todo se move na corda frouxa, tal como aparece na imaxe de portada. 

Non vai deixar a ninguén indiferente, porque se trata de historias pouco comúns que poden lembrar outras, por exemplo dentro da literatura xuvenil A soidade das medusas de Iria Collazo.

venres, 12 de abril de 2024

Un novo libro de El Hematocrítico

Un novo libro de El Hematocrítico: Dona Problemas traducido por Anaír Rodríguez está publicado en Sopa de Libros de Xerais. 

Dona Problemas non se chama así porque os teña senón porque os resolve. Ela está na escola do narrador, Xoán, que vén sendo o axudante da nena protagonista. Ela é tan importante como a directora, o conserxe ou o administrador, conta el... eu diría que moito máis, sobre todo despois de resolver o problema de acoso do que semella non darse conta ninguén.

Que problemas? Pois, por exemplo os que se contan na presentación editorial: "unha mochila estragada por un iogur que se derramou dentro, un cromo que non se dá conseguido ou un veciño que escoita a tele a todo volume e non deixa durmir. Non hai nada que se resista aos recursos e ao enxeño de Carlota e do seu axudante Xoán. Ou si? Porque sempre hai problemas máis difíciles de solucionar ca outros..." Non o creades, Carlota soluciónaos TODOS!

Incluso pode substituír ao axudante para que el pase a formar parte dun grupo de baile que resolverá certas dificultades de comportamento e... non quedará aí a cousa. Semella que con ela poderiamos mellorar a convivencia nos centros, porque descubre cal é o problema de cada un e como os demais poden solucionalo. Ben é certo que non pide solidariedade gratuíta e protagonismo activo por parte dos outros compañeiros (como na cadea de favores) debe ser porque é moi consciente de como somos e nos comportamos, pero ese amaño co rapaz abusón, esa petición de perdón e esa creación de grupo cun obxectivo trae esperanza. Dende o realismo de cada día ata o idealismo dunha personiña dedicada aos demais, que garda os seus misterios e que semella un anxo sen ás.  

As ilustracións de Paco Roca con esa personalización de cada personaxe non nos van defraudar.