domingo, 8 de decembro de 2024

Novos formatos, nova dimensións: "A que sabe a lúa?" e "Animais"

 

 A que sabe a lúa? de Michael Grejniec aparece, de novo, en Kalandraka, agora en tamaño G XL, seguramente para contar a un grupo de criaturas co libro mirando para eles. 

"Había moito tempo que os animais andaban a matinar a que sabía a lúa. Era doce ou salgada? Só querían probar un anaco pequeno. Polas noites, miraban ansiosos para o ceo..." Ata que un día, os animais soben uns por riba dos outros (sen importarlles cal sexa a súa natureza) para chegar á lúa. O último é o ratoque colle un anaco e o probra, despois pásalle un anaquiño a cada animal; a cada un deles sábelles tal como o imaxinaran. O peixe que o observa todo pensa que esa é unha traballeira inútil pois hai outra lúa moito máis cerca, no lago. 

Darlle unha dentada á lúa, quen non o terá soñado? 

Animais de Antonio Rubio e Óscar Villán, tamén en tamaño grande, non tanto coma o anterior pero si moito máis que no que estamos a costumados a ler a colección Do berce á lúa.

Poesía visual, rimas,  uns versos que se van alternando para repetir " Caracol caracol    crocodilo / fan xuntos     unha roda de amigos" Lendo sen necesidade de coñecer as letras pasando os dediños polas imaxes.

Da presentación editorial: "Os títulos máis coñecidos da colección 'Do berce á lúa' nun formato máis grande ideal para contar e compartir. Combinando os recursos do cancioneiro tradicional infantil e recoñecibles imaxes sobre fondos claros, esta colección para cantar e contar é xa un referente da LIX para o tramo 0-3 anos e contribúe a iniciar o camiño da prelectura de moitos nenos e nenas. Cada título é un exercicio poético para «educar o ollo e adozar o oído», como explica o seu autor, e pese á súa aparente sinxeleza, tanto o seu deseño como o seu contido a partir de temas próximos aos intereses dos máis pequenos, son froito dun longo proceso de reflexión e creación.  

Co obxectivo de facilitar o traballo de mediadores e mediadoras, Kalandraka retoma a publicación dos títulos máis exitosos da colección nun formato grande e ideal para compartir. Así, tras "Lúa" chega ás librarías "Animais" no que criaturas grandes e pequenas nos convidan a gozar do xogo, do ritmo, da rima e da amizade."

venres, 6 de decembro de 2024

Álbums infantís: OQO e NubeOcho

Mamá pingüín é a mellor de Chris Haughton, traducida por Maruxa Zaera e publicado por Nubeocho. O autor recolle un proverbio árabe para pórtico da obra "O Paraíso está aos pés das nosas nais"Pingüiniño pasea da man do pai observando o que fai a nai para afirmar unha e outra vez "Mamá Pingüín é a mellor".  Poucas palabras, só as necesarias, unhas ilustracións case minimalistas co branco de neve e xeo, co azul de mar... cores planas, colaxes, as caraterísticas propias das ilustracións deste artista, os elementos mínimos para dar fé do máis básico e fundamental. O valor dunha nai! 

Unha vez máis, a editorial non mostra o libro en galego; as linguas que aparecen na súa páxina son o español, inglés, catalán e italiano. Que está a pasar?

A colleita de ratiño de Leticia R. Gancedo e Mar Ferrero, traducido por Marisa Núñez e publicado por OQO. Asi se presenta: "Achegábase o final do verán, a terra estaba seca e os froitos escaseaban. Entón Rato atopou un garavanzo e pensou que podería preparar un bo guiso, pero un tropezón inesperado e, máis tarde, unha divertida cadea de sucesos entre os habitantes do campo, fixeron desaparecer “o seu pequeno tesouro”. Vai o garavanzo dende a tobeira dos coellos ao niño dunha pega, dunha charca á boca dunha ra da que sairá disparada ao petarlle no lombo o sapo... pasa o outono e o inverno e coa primavera ratiño atopa o seu garavanzo, pero ten sorpresa: ao erguer a cabeza descubrirá     que o campo está ateigado de garavanzos, daquela... que será o que sucederá agora?

Unha marabillosa historia que segue o ritmo da natureza e o ciclo das sementes.

mércores, 4 de decembro de 2024

O bosque é a nosa casa


O bosque é a nosa casa de Sara Fernández e Sonia Roig con ilustracións de Jesús Ortiz e traducido por Eugenia Sanmartín para Hércules de ediciones.

Da presentación editorial: "Sabes, de verdade verdadeira, como é que funcionan os bosques? Nun bosque todo está conectado. Pero ademais, todas as persoas estamos tamén conectadas cos bosques. E é que, sen dúbida, o bosque é a nosa casa. Entra neste libro e descubrirás unha chea tan grande de cousas alucinantes (e que moi pouca xente sabe) que te converterás en especialista en bosques. Garantido!"

Confesan as autoras que este é o libro que lles gustaría ter cando eran pequenas, por iso o escriben agora e encárganlle a unha personaxe, Silvia (unha nena) que sexa a guía ao longo daa páxinas, porque ela é unha apaixonada polos bosques, tamén é unha científica porque cuestiona as cousas, observa, experimenta e saca conslucións. Imos percorrendo o libro seguindo os títulos de cada un dos capítulos: 365 días para estar no bosque (as estacións), (Case) todos os bosques do mundo (diferente tipoloxía segundo a situación no planeta), Todas árbores, todas diferentes, A historia dos bosques (dende o principio dos tempos), Cando as árbores si te deixan ver o bosque (dende macro a micropaisaxe), Cos pés no chan (o solo), Como é que funciona un bosque?, Silvia e a fábrica prodixiosa, Que foi antes, a semente ou a árbore?, Sabes todo o que che conta a madeira?, Non só de árbores se vive no bosque, O bosque que nos coida, O bosque na cidade e a cidade no bosque, Bosques en perigo, Lume!, Como é que se coida dun bosque?, Novos bosques que non é pouco, Que podes facer ti polos bosques?, Algunhas cousiñas máis (con índices de vexetais, animais, materiais tecnolóxicos e personaxes famosos que pasean polo libro).  

martes, 3 de decembro de 2024

"Cousiña linda" de Anthony Browne en gran formato

Cousiña linda de Anthony Browne en gran formato, traducido por Sandra e Óscar Senra Gómez, publicado por Kalandraka na colección Tras os montes.

Da presentación editorial: 

"Unha das obras imprescindibles de Anthony Browne, un álbum tenro e con doses de humor sobre o valor da amizade e a solidariedade. 
En 1974, Koko, unha gorila adestrada na Universidade de Standford para usar a lingua de sinais, pediulles un gato aos científicos que a observaban e coidou del coma se fose o seu fillo. Uns meses despois o gato desapareceu e durante varios días Koko expresou a súa tristura a través de sinais. Este feito, que provocou a discusión sobre se outras especies poden sentir emocións humanas, serviulle de inspiración a Anthony Browne para a creación dunha das súas obras máis coñecidas.
En Cousiña Linda, coma no caso real, un gorila que sabe comunicarse por sinais, e ten todo o que desexa, séntese só e decide pedirlles aos seus coidadores un pouco de compañía. Así coñece a Linda, unha gatiña coa que toma leite e mel, pasea, xoga... Xuntos son felices, mais unha noite, mentres ven unha película, o gorila ponse moi nervioso, enfurécese, e os seus coidadores deciden separalos. Nese momento, Linda mira para o gorila e na súa reacción revélase o verdadeiro valor da amizade.
Anthony Browne sente unha gran paixón polos gorilas, e esa fascinación, que xorde do contraste entre a forza e a tenrura destes animais, reflíctese en boa parte da súa obra. Nas coloridas ilustracións deste álbum, combina elementos realistas cun toque de fantasía e humor, dando vida a dous entrañables personaxes."

Máis tenrura non é posible, nin nas ilustracións cheas de expresión nin nos textos, escasos e xustos.  As gardas a modo de papel pintado nunha soa cor con motivos vexetais achegan unha sobria elegancia. A cuberta co inmenso gorila portando na cabeza o gatiño , ambos cunha expresión plácida abren a porta da dozura. A rosa é esa flor perfecta que non admite aditivos "déixaa que así é a rosa", e o autor ingroduce o volume cunha branca que leva dentro a cabeciña do gato e outra vermella que leva a do gorila. E... empeza a historia co gorila nunha sala de estar elegante e convencional, con todas as comodidades pero só, as-í se sente e pide compañía... A bela e a besta, o afecto entre especies diferentes, o grande e o pequeno, os coidados, a delixadeza coa que se tratan, a rabia do gorila que esperta cando ve King Kon, a película, e esa maneira tan marabillosa sde resolvero conflito, cando vai ser castigado por romper a televisión, a gatiña decide asumir a culpa para que non os separen. Porque xuntos son felices! Cousiña linda... pensará o gorila e pensamos nós cando os vemos aos dous.

Un issu para facerse idea.

luns, 2 de decembro de 2024

Premio Simbad para o Recordo e o Alzhéimer 2023

 

O Premio Simbad para o Recordo e o Alzhéimer do ano 2023 correspondeu a Ignacio Vidal Portabales coa obra Sucos que agora aparece publicada por Galaxia na colección Árbore con ilustracións de Sandra Lodi.

Da presentación editorial: "O avó de Aldara, o vello Moncho, comeza a facer cousas raras.  Preocupada por el, a súa neta vaino acompañar nunha extraordinaria aventura enriba dunha padeadora amarela, coa que percorrerán camiños e leiras. Moncho ten un plan con catro ideas que mudarán para sempre a aldea de Xavestre e os seus veciños e veciñas."

Unha nena e o seu avó manteñen unha relación moi especial, el ensínalle canto ela quere saber, ela acompáñao a onde el queira ir, el chámalle parruliña ou miña ruliña... por iso ela entende que el queira manexar unha padeadora porque quere ter esa experiencia e gardaralle o segredo. Ver a avó e neta percorrendo os campos sobre o aparello, ler as conversas entre os dous ou dela co irmán, observar a actuación do concello por medio do conserxe (que fala cos seus pés: Adolfo e Rodolfo) e a corporación municipal introdúcennos nun mundo onde o realismo acada certa maxia con gotiñas de tenrura e intervención no medio, porque certamente o avó fai cousas: dende unha escultura amoreando pedras no medio dun parque que non acaba de ser, ata desviar os regos para que aí naza herba, cortar os eucaliptos para que no seu lugar podan nacer árbores autóctonas e saudables... igual facían falla máis velkos con alzhéimer para mellorar o medio.

Unha historia ben contada, cunhas ilustracións interesantes especialmente cando a fantasía entre tamén na imaxe ou nese título no que avó e neta camiñan pola O. Novas tipoloxías de texto en letra caligráfica coma os litados nos que tamén introduce a cor ou certas palabras en gran tamaño falan de deseños novidosos que se están incorporando.

sábado, 30 de novembro de 2024

Labirinto de Ramón Trigo

Labirinto de Ramón Trigo subtitúlase Diario de viaxe dun artista monocromo e está publicado por Kalandraka na colección MareMar.

Así se presenta:"Unha viaxe ao corazón de África, cuxas paisaxes, cores, sabores e segredos axudaron ao autor a descifrar o seu propio labirinto creativo"

O artista traballa unicamente co gris escuro e o negro intenso ata que emprende unha longa viaxe que lle descobre o labirinto dun continente e as súas cores: o azul do océano, o verde da selva, o amarelo das terras ou as mil tonalidades das froitas. Ao tempo que se abren para el as cores, tamén o fan os olores e sabores descoñecidos, as voces nunca escoitadas, as texturas ocultas, rituais, tradicións e símbolos propios deses mundos, as xentes que o fan posible... Nos seus rostros estaba o segredo do labirinto, eles como Ariadna, poden guialo pola brétema cor azafrán que o define. Á volta, todo iso forma parte del, do propio labirinto pero tamén da imaxe que o espello reflicte.

Un libro de artista que descobre un novo mundo fronte ao seu, que pasa do gris ao multicolor e da liña ao labirinto. Porque a calor ten cor, sen dúbida!

...Un mundo verde con espirais estivo sempre aquí dando cobixo e misterio a unha terra de ríos e mares, de rías e mansedume aprendido do animal totémico: a vaca.

mércores, 27 de novembro de 2024

Unha tradución de Nee Barros

Heartstoper. Rapaz coñece rapaz, unha banda deseñada ou novela gráfica de Alice Oseman aparece en galego traducida por Nee Barros baixo o selo de Xerais.

Este best-séller da literatura xuvenil foi definido por Nee Barros como “un comic rápido e entretido sobre a adolescencia, o amor, a saúde mental, a amizade… cunha historia que te abraza e non te solta ata que o acabas. Ademais, está a influenciar o xeito en que a ficción queer e as historias accesíbeis para público xuvenil son contadas”.

Para Fran Alonso,  director de Xerais, a tradución de Heartstopper é “un fito importante na edición galega dirixida ao público adolescente; nese sentido Xerais está a facer un enorme esforzo para poñer a disposición do lectorado os cinco títulos de Heartstopper no prazo dun ano” engadindo que “a tradución de Heartstopper ao galego supón cumprir unha débeda de historias diversas, de que o colectivo LGBTIQA+ teñamos referentes na nosa lingua en historias para todas as idades. Especialmente referentes creados por persoas do propio colectivo, porque nós tamén merecemos ter voz e axencia”.

Nesta primeira entrega da serie, que conta xa con cinco volumes publicados en inglés, o Charlie e o Nick, os protagonistas da historia que están no mesmo instituto, comezan a coñecerse. Axiña se fan amigos, e o Charlie comeza a namorar do Nick, aínda que pensa que non ten ningunha oportunidade. Mais o amor funciona de xeitos sorprendentes, e o Nick está máis interesado no Charlie do que calquera deles pensa.

Un dos principais valores da serie de novelas gráficas de Alice Oseman é que presenta unha historia LGBTIQA+ sen traxedia. “Mostran que é posíbel e está ben ser diferente, querer e ser queride. Que podemos contar historias sobre o colectivo LGBTIQA+ e a adolescencia que non estean marcadas sempre pola violencia e o tráxico. Que na diversidade tamén hai fogar, agarimo e historias de adolescentes como outras calquera!”, tal e como indica Nee Barros. A propia tradutore declárase fan do traballo de Alice Oseman. “Poder facer que estas personaxes que me acompañaron tanto falen agora galego é unha honra. Tamén unha responsabilidade moi grande, e dá moita vertixe; mais por sorte neste traballo tiven o asesoramento do Éric Dopazo e o acompañamento de Xerais, que se aseguraron de que a tradución tivese a calidade necesaria”, conta.

Nesta primeira entrega da serie, que conta xa con cinco volumes publicados en inglés, o Charlie e o Nick, os protagonistas da historia que están no mesmo instituto, comezan a coñecerse. Axiña se fan amigos, e o Charlie comeza a namorar do Nick, aínda que pensa que non ten ningunha oportunidade. Mais o amor funciona de xeitos sorprendentes, e o Nick está máis interesado no Charlie do que calquera deles pensa.

As novelas de Oseman son elixiadas por tratarse de historias coas que identificarse e moi realistas en cato ao retrato da vida adolescente contemporánea.

(De Vigo al minuto

Saír do armario ou non dar entrado nel? Do acoso á normalidade, de ser utilizado a poder ter unha relación afectiva que sucede como fai a chuvia, de forma tranquila e natural. Ben presentada e ben contada.