Biscoito de castañas de Lucía Mojón e Lucía Barrios. Un álbum ilustrado no que asistimos a unha situación familiar nunha tarde de outono. Cóntanolo a neta (ou bisneta). Vai de excursión ao souto coa bisa e o pai, pisan follas, observan as pólas dos castiñeiros e canto se move. No souto atopan un enigma: os ourizos que están no chan aparecen todos abertos e sen as castañas. A bisa cóntalles que seica hai unha meiga que as recolle para preparar os seus feitizos. Para atopala hai que pasar por un carreiro protexido por serpes, atravesar un regato ateigado de sapoconchos e escalar polas costas do Xigante Vixiante. A nena convenza ao pai para facer o percorrido e èdirlle á meiga que comparta as castañas. A avoa non os vai acompañar pois quere recoller unhas castañas e ir prender a cociña. Os perigos non son tales, a meiga non é tan feiticeira como contan e o que atopan son as pegadas dun porco bravo, desa maneira descóbrese o misterio. Pero o bo foi o camiño, as onomatopeas, as repeticións, as metáforas... camiñar en compañía de quen queremos e volver á casa para contar o que pasou e compartir o biscoito de castañas da bisa. Remata o libro coa receita da torta de castañas para o outono sexa saboroso.
O volume 3 de Heartstopper, o best seller da autoría de Alice Oseman traducido por Nee Barros e publicado por Xerais. A continuacións dos cómics anteriores.
Esta é a sinopse que aparece na editorial: "O Charlie nunca pensou que puidese gustarlle ao Nick, mais agora son mozos oficialmente. O Nick mesmo encontrou o valor para saír do armario coa súa nai. Porén, saír do armario non é algo que pase só unha vez: está o irmán máis vello do Nick e unha viaxe do instituto a París, sen esquecer todas as outras amizades e familiares... e a vida pode ser difícil, mesmo con alguén que te quere ao teu lado. Á medida que os seus sentimentos se fan máis profundos, o Charlie e o Nick precisarán o un do outro máis que nunca." Nesta serie séguese a relación romántica entre Charlie Spring e y Nick Nelson, ambos personaxes aparecen en Solitario (o seu primeiro libro publicado cando tiña dezasete anos). O primeiro volume de Heartstopper publicouse en inglés en outubro de 2018, o segundo en xullo de 2019, o terceiro en febrero de 2020, o cuarto en maio de 2021 e o quinto en decembro de 2023. Polo tanto aínda nos queda un par de volumes máis. O seguinte a este vaise centrar no problema alimentario.
Proximamente falaremos do volume 4 e 5 desta serie.


Ningún comentario:
Publicar un comentario