martes, 25 de xullo de 2023

Un libro cos beneficios para Save the children

A lúa de Kíiv de Gianni Rodari, ilustrado por Beatrice Alemagna e traducido por María Alonso Seisdedos, está publicada pola asociación ¡Álbum! (formada por varias editorias co obxectivo de promover a lectura e a cultura e que mostran o seu compromiso a través deste libro destinado á emerxencia en Ucraína e outros países).

Unha fermosa canción de Rodari

"Será que a lúa 

de Kíiv

é tan bela 

coma a lúa de Roma?

Será que é a mesma 

ou  tan só unha irmá dela...?"

E a lúa contesta...

Imaxes realizadas con ceras, como se fosen infantís, enchen as páxinas de cor. E ao final o poema de Rodari en italiano, para practicar idiomas, para dicilo como o facía el, para escoitalo co seu sotaque.

venres, 21 de xullo de 2023

Era outra vez

 

Non, non se trata da colección que contaba os contos doutra maneira. Ou si, porque se van contar tres contos dándolle unha volta. Era outra vez contén. O xigante egoísta por Ramón D. Veiga, O traxe novo do director por Bea Campos e Aladino e a lámpada tecnolóxica por Paula Merlán. Está publicado por Cumio. Unha actualiación!

Así se presenta: "'Era outra vez' é unha escolma deses contos que había antes da Internet, dos móbiles, da televisión ou mesmo da radio.

Como son os xigantes deste século? E se en vez dun emperador se tratase do director dun colexio? Necesitarían hoxe en día os xenios das lámpadas marabillosas wifi para conectarse? 'O xigante egoísta', de Oscar Wilde, 'O traxe novo do emperador', de Hans Christian Andersen e 'Aladino e a lámpada marabillosa', o conto popular árabe adaptado tamén por Andersen, son os contos favoritos de Ramón D. Veiga, Bea Campos e Paula Merlán.

Hoxe son reinterpretados con talento, imaxinación e un mundo de cariño. Unhas ilustracións ben interesantes de Xiana Teimoy completan unha peza de luxo para todos os públicos."

martes, 18 de xullo de 2023

Amar, a mar. Un poemario de Xosé Luna

 

Amar, a mar. Un poemario de Xosé Luna ilustrado por Olaya Naveira en Bolanda editorial. Un libro enorme cunhas imaxes en azul, que envolven os poemas xogando do deseño. 

A mar, en feminino. Case sempre. Un poema para abrir boca...

Mar que chora

      triste patera

      noite escura

      arela acesa.

Mar que chora   

        fusca travesía   

        medo mouro   

        parda agonía.

Mar que chora   

        cruel miseria  

        soños crebados   

        lúa negra.

 Mar que chora   

        bágoas molladas  

        cicatrices eternas 

        vidas roubadas.

domingo, 16 de xullo de 2023

O último premio Edebé de Literatura Xuvenil

Un ewok no xardín é o último premio Edebé de Literatura xuvenil. Trátase dun libro de Pedro Ramos, un autor que pasou por múltiples traballos pois semella que todo lle ten interese. Hai algo na súa biografía que non me cadra, cando afirma ser o único profesor de escritura creativa en Galicia cando outros e outras se lle tiñan adiantado e andan polos camiños de universidades, asociacións, bibliotecas e demais, sen parada. Seguirán facéndoo mentres a xente non se decida a probar con chatgpt.

Así se presenta: "Zoe, preocupada pola actitude de David, o seu irmán pequeno, escríbelle correos electrónicos para tentar sacalo do buraco de escuridade no que está afundido. A David, de dezaseis anos, cústalle atopar motivos para seguir vivindo. Durante un día enteiro, o encontro cun home que se describe como tolo, que cre que ten un ewok no xardín, levarao por camiños inesperados." Pero non é suficiente, David está moi mal e o pantasma do suicidio dá voltas ao seu arredor, semella que non hai nada ao que agarrarse... a situación familiar non axuda e os listados de razóns para permanecer vivos... igual tampouco, Berlín está lonxe. Dende alí, Zoe escribe mensaxes de móbil, David escribe unha especie de diario no que nun momento determinado plasma: "As feridas que se abren e non cerran non se poden converter en cicatrices" ou remata "Agora calquera pode ler a miña historia, pero o meu corazón, só o teño eu. Podemos pensar o mesmo, pero non sentilo." Eses dous tipos de texto complétanse cuns listados de cousas polas que vale a pena seguir vivo. Valerá de algo?


 

 

xoves, 13 de xullo de 2023

Unha biografía, unha novela, un libro de divulgación científica...

A fotografía 51 presenta, a modo de imaxes fixas na retina ou nunha cámara fotográfica, a vida, dilemas e reflexións en primeira persoa de Rosalind Franklin, o seu traballo e a ocultación machista padecida, quen malia ser a que logrou a famosa fotografía 51 da estrutura do ADN, non foi recoñecida co Nobel, que si recibiron dous homes cos que colaborara nas investigacións.

A descuberta da estrutura do ADN ten tanto valor que outorgou un Nobel a James Watson e Francis Crick por lograr o primeiro modelo correcto, a famosa dobre hélice. Grazas á cristalografía dos raios x analizouse a difracción ou dispersión  dos cristais creando patróns sobre planos fotográficos que achegan estruturas moleculares tridimensionais. Así se obtivo a "fotografía 51" determinante na estrutura da molécula do ADN. 

É un libro de divulgación científica en forma de novela, coa mirada posta nesas fotografías da vida que acompañan á que lle dá título. As ilustracións en branco e negro de Paula Mayor Agrelo e as cartas escritas en letra caligráfica achegan valor á obra.

Tal como se di na capa, en 1951 ás mulleres non se lles permitía nin acceder á sala do café da universidade, reservada aos homes, tratábanascomo a sobras e ocultaban o traballo que desenvolvían. 

Unha nova inxustiza que tempo despois sae á luz. A xustiza poética acode a visibilizar as mullers que foron minusvaloradas, aquelas das que se aproveitaron os seus compañeiros que recibiron os honores que a elas correspondía, mulleres que permaneron na sombra.

Ao final da obra, unha relación de protagonistas mostra científicos e científicas da contemporáneos de Rosalind Franklin.

sábado, 8 de xullo de 2023

Todos na miña gorida

Todos na miña gorida de Cristina Petit e Sara Campani, traducido por Marta Carrera e publicado por Picarona.

O lobo anda na busca de... Carapuchiña Vermella, os tres porquiños, os sete cabritiños e acaba por chamar a Pedro pero todos están agachados. Sen que el se dea conta (anda tan cabreado...) vánselle metendo todos na gorida e dinlle: "Lobo, agora tócache pandar a ti." E aínda que non quere ten que facelo se quere xogar con eles. Unha historia que consegue levarnos, a través dun engano que anticipamos, e un final moi diferente do agardado. Porque no bosque xógase!

Un debuxo limpo e claro.


xoves, 6 de xullo de 2023

Hábitos saudables e de convivencia

A recoller de Rocío Bonilla, publicado por Algar.

Babymoni xogou e pasouno fenomenal, mais chegou a hora de recoller os xoguetes. Gárdaos todos todos, que non quede nin un fóra do seu sitio! Recoller tamén é un xogo: encesta a pelota, os avións aterran na cesta, os bonecos gárdanse con coidado, os coches lévanse ao aparcadoiro... cando pensa que xa está todo, vai cargado e tropeza cun coche que quedou no chan... cae con toda o peso e volta a comezar. Moi bo, pouco texto, pastas duras, libro pequeno (non precisa nin máis papel nin máis tamaño).