mércores, 30 de outubro de 2024

Un libro para gozar da natureza e os seus ciclos.

Osa de José Ramón Alonso e Lucía Cobo é un album traducido por Manuela Rodriguez e publicado por Kalandraka.

Da presentación editorial: "O ciclo da vida e o da natureza fúndense nun tenro relato poético. Osa está soa e coa chegada do inverno busca un lugar para durmir. Unha mañá, a luz inunda o seu agocho, a súa tripa axítase e non é de fame…" 

Outono, soedade, comer para resistir, frío, os días acortándose, unha cova, a neve, un sono que dura o inverno, coa luz da primavera esperta e sente algo especial, que será?

Unhas ilustracións marabillosas (coa escolla perfecta dos planos, os motivos e as cores) para unha historia chea de tenrura e sabiduría. A vida superándose e o álbum facéndose mínimo e completo.

luns, 28 de outubro de 2024

Álbums ilustrados

En álbum ilustrado atopamos produtos en galego en diferentes editoriais, moitas delas foráneas. Esta é unha pequena mostra...

Os libros non son para os osos de Mark Barry e Katy Halford, traducido por Vanesa López e publicado por Miau. Escrito en letras maiúsculas.

Da presentación editorial: " Oso atopa un libro en metade do bosque. Correndo, vai ver ao seu aimigo Bufo para que lle ensine a ler. A partir de aí... Oso dáse conta de que quere máis e máis libros. Sen pensarllo moito, colle unha bici que atopa e diríxese á cidade a por máis, pero a xente da cidade o único que lle di é que os libros non son para os osos." 

Oso aprendera a ler con Bufo, o sabio, e na lectura atopa a cousa que máis lle gusta no mundo, por iso busca libros por todas partes sen atopar ningún máis ata que viaxa a cidade. Na escola hai libros pero non o deixan entrar porque os libros non son para os osos, na libraría dinlle o mesmo... ata que chega a unha biblioteca, case non se atreve a entrar pero a bibliotecaria que o ve pregúntalle: -"Apetéceche entrar, meu rei?" e lévao da man e dille iso que el quere oír "Os libros son para todos", así que ademais de ler alí, fanlle o carné e pode levar un lote de libros para o bosque "teño que devolvelos dentro de tres semanas pero podo traer moitos máis". Unha felicidade!, si, unha felicidade tan grande que lles le aso seus amigos "Había unha vez un oso moi feliz..." O libro ten máis do que se ve, cando oso atopa, de novo, a bicicleta pensa "Igual é que está destinada a ser miña" e volve nela ao bosque, pero tamén podemos observar que só os nenos e as nenas quedan irando para o oso que vai en bicicleta no meido do tráfico, os adultos non se se dan conta. 

Max & Mía cos dragóns de Roser Calafell e Vita Dickinson, traducido por Ramón García Mallo e publicado por La Galera.

Así se presenta: "Somos Max e Mía e dentro da Yellow Van vivimos. / Cada noite viaxamos cando durmimos. / Despois de almorzar imos explorar. / Veña, pasa páxina xa e empeza a xogar."

Cuns debuxos moi expresivos nos que cada personaxe mostra a través da imaxe o seu carácter. Max e Mía (a súa irmá pequena), Irmán (o máis vellos que gusta ler e o fai a todas horas), a nai que baila a todas horas e o pai que é un "manitas". Unha historia rimada (bastante mal, por certo). Nesta aventura a pequena está empañada en aprender a xutar, aparecen nun lugar con animais imaxinarios e tres dragóns; os dous pequenos montan nun deles que lles queima a torre facendo unha broma, mentres tanto os pais e o irmá máis vello que permanecen na camioneta son invadidos por unha praga de volvoretas e outros insectos ata que os outros dragóns lles botan unha bocanada de vento, aparece un cabaleiro repartidos de pizza que aproveita para enfrontarse ao dragón lanzalumes para defender á princesa pero é Lía quen o golpea xutando co balón e o desixa aparvado, así que todos se poñen a comer a pizza. Remata a historia cando na noite se van na camioneta deixando atrás dragóns, castelo e princesa. Daquela comezan as curiosidades e os xogos coa solución ao final. 

Terra tómase un descanso de Emily House, traducido por Silvia Obelleiro e publicado por Picarona. Preséntase así: " Terra atópase mal polo que vai ao médico. O que lle receita o médico parece imposible ata que, ao día seguinte, esperta cun cambio sorprendente. Unha fábula moderna inspirada no confinamento de 2020, Terra tómase un descanso é un conmovedor álbum ilustrado repleto de divertidas ilustracións e cuxa trama leva consigo unha mensaxe esperanzadora." A receita era descanso, ela considera que non pode facelo porque todo o mundo precisa dela, pero cando esperta ao día seguinte non hai coches nas estradas nin avións no ceo, todo está en calma, non había ninguén en ningures e así varios días. Dille un paxariños que os humanos están enfermos e teñen que quedar na casa un mes enteiro. A Terra tamén descansa e todo vai a mellor, incluso os humanos prometen portarse ben e coidar da Terra pois saben que foron eles quen a enfermaron... 

Un par de faltas de ortografía, imaxinamos que erratas, ensucian o texto.

sábado, 26 de outubro de 2024

Un estraño realismo

Marta Villar asina Os peidos máxicos de Sultán con ilustracións de  Lucía Barros, publicado na colección Merlín de Xerais.

Preséntase así:"Unha disparatada aventura chea de humor escatolóxico e amor polos animais."

Por que realismo estraño? Non ten nada que ver co escatolóxico pero si con que os peidos teñan uns efectos inesperados; está relacionado cos gustos tan estrafalarios de Sultán, e como se resolven os problemas unha vez creados. Deixamos sen preocupación a aparición misteriosa do can ou o enigma que deixan sen resolver para poder darlle continuidade á narración nunha próxima entrega. Falamos dun realismo que se ve atravesado por algo como as mentiras dun neno. 

Agora deixamos que outros e outras lectoras nos dean a súa opinión, porque igual todo vale na LIXG, igual non hai límites para os xéneros, igual nos gustan as babas dos cans e os peìdos co sorpresa...

Houbo un tempo no que a maioría dos escritores e escritoras eran docentes, daquela Manolo Rivas tivo que aclarar que Avilés de Taramancos erataberneiro e el xornalista. Hoxe, asistinos á entrada triunfal dos xornalistas na literatura infantil, haberá que estudar as consecuencias desta icursión. Saben escribir, fano rápido... que máis?

martes, 22 de outubro de 2024

Poesía: Máxica lúa de Xoán Neira

Poesía: Máxica lúa de Xoán Neira con ilustracións de Lucía Barros e publicada por Medulia

Que ten a lúa que os poetas a cantan? Ademais de todos os poemas e libros de Antonio García Teijeiro, doutras alusións á lúa noutros libros de Neira, agora aparece este completamente dedicado ao satélite. Para maior abondamento, Xulio López Valcárcel engade un epílogo no que percorre a historia da literatura canonizada buscando as referencias máis destacadas relacionadas coa lúa.

Así se presenta: "Lúa Máxica, de Xoán Neira e Lucía Barrios, integra versos de deseños en mutuo diálogo plástico-literario. O cromatismo nocturno resólveo a artista con cores frías, suaves, apagadas: violetas, azuis, grises..., mentres que as horas solares aparecen representadas con cores amarelas, intensas e vivas. Adáptanse ao texto sen por iso perder carimbo e identidade propias. Son, en suma, dúas achegas independentes integradas nunha unidade harmónica". 

Xogando coa rima, dunha ou outra maneiras, vai percorrendo un universo de bicos, musas, insomnio, fumes, lobos, vestidos, vixías,  a súa cara oculta, a superlúa, farois ou influencers; as relacións entre a lúa e a Terra, o sol e as estrelas, os eclipses ou as cores con que se cobre (sangue, azul, verde, laranxa amarela). Un universo ao redor da lúa, 

Unha obra enriquecida! 

Un pequeno petisco: 

A Lúa reina de noite, / o Sol reina de día  /  e fixeron un trato  /  para compartir a vida.

Partillaron o tempo, / como dous irmáns, /  repartiron o ceo  /  de verán a verán.

(...)   

sábado, 19 de outubro de 2024

Novela infantil, finalista do Merlínque anuncia o futuro premio

Liliam Strawerry e o paxaro da morte foi finalista do Merlín 2022, está escrita por Abel Tomé e ilustrada por Blanca Vila.

Así se presenta: "Cando Liliam Strawberry contaba con catro anos faleceu e, tres días despois, no medio dunha treboada, apareceu viva diante da súa casa. Por este feito excepcional é coñecida en toda Tanzana e máis alá. Agora, con dez anos, volve ser protagonista doutro suceso: ela, Franz Apple e Gloria a Musaraña atoparon un cadáver con roupas doutro século na lagoa dos Colonos. Este non será o único corpo sen vida que aparecerá na vila. Liliam, atraída polos enigmáticos cadáveres, incitará a Franz e a Gloria a investigar pola súa conta sen sospeitar que ela vai ser unha peza clave no curso dos acontecementos. Unha fascinante novela de intriga e misterio, con doses de fantasía, medo e humor, dirixida a ese lectorado infantil que xa camiña cara á adolescencia".

Certamente, trátase dunha novela para bos lectores, para lectorado experto que gusta de ver acompañadas as boas historias de ilustracións pero que contan cunha boa competencia lectora e gustan de novidades na maneira de contar, como esta de introducir despois de cada capítulo un titulado "O que debes saber" no que se achegan diferentes datos sobre os protagonistas, os lugares, a historia da comunidade... O autor non só crea unha historia senón tamén unha certa civilización, un ambiente que nos afasta do noso presente e doutros pasados coñecidos. Nenas que volven da morte, nenos traumatizados polo que lles pasou cando se perderon varios días e nunca contan... Tres personaxes, cada un deles máis estraño, os compañeiros que queren acosar e levan nos dentes porque Liliam é como a nena do exorcista, alguén empeñado en erguer os vellos mortos... e os pais, uns personaxes entrañables de tan vulnerables. Nenas valentes e nenos que non o son tanto, que poden mexarse ou quedar coa boca aberta pero a este trío non lles importa, eles quérense e están dispostos a todo por non separarse.  

Os capítulos titúlanse coa frase que lles dá comezo. As ilusrracións magníficas de Blanca Vila, danlle ocontrapunto como se lles pillara a alma aos personaxes, non pretende que se lle vexa a ela senón a eses nenos marabillosos cunha personalidade física e psicolóxica tan especial que desborda. Demostra tanto afecto por eles que sempre os deixa quedar ben, tal vez se centre demasiado nos tres nenos sen mostrarnos a ningún dos pais porque o estudo que fai de cada un deles é inmenso...

xoves, 17 de outubro de 2024

Un novo libro duro, de pastas, para esas mans pequerrechas e redondeadas

Queres xogar comigo? de Eric Carle traducido por Ballesteros aparece da man de Kalandraka como o están facendo todfos estes clásicos infantís. Volvemos a narración encadeada, un ratiño que quere xogar e busca con quen, é pequerrecho e vai seguindo rabos (que nos obrigan a adiviñar de que animal se trata) -Ol, amigo, queres xogar comigo? pregunta ao cabao, ao crocodilo, ao león, ao hipopótamo, á foca, ao mono, ao pavo real, ao raposo, ao canguro, á xirafa... ata chegar a xunta unha ratiña que por fin acepta xogar sen poñer ningunha desculpa, póñense a xogar ás agachadas e daquela descubrimos que esa tira verde que viramos na parte baixa das páxinas ao longo de todo o percorrido era unha serpe que queda sen merenda cando os dous ratiños se agachan no tobo. 

Na primeira versión o título en inglés equivalía a algo así como "Queres ser o meu amigo?" pero tal vez o xogo se preste máis a compartir ese tempo necesario para facerse amigos. E a amizade, xa vedes, salva de perigos, ademais de divertir e envolvernos en afectos. Queremos xogar, todos os animaliños queren xogar e han de buscar o tepo para facelo porque se pode compartir xogo e traballo, xogo e outras tarefas. 

Un libro que vai permitir continuar o xogo coas crianzas porque poden ser moitos outros animais (dos que debuxar rabos) e podemos buscar outros finais, pero, sobre todo,  podemos repetir a lectura con eles unha e outra vez ata recoñecer cada animal e as palabras que se repiten.

martes, 15 de outubro de 2024

Unha serie en BD

Nerea. O príncipe da sorte (Xerais, 2021), resultou gañador (xunto co guionista Miguel Rojo) do II Premio de Banda Deseñada O Garaxe Hermético. En 2023 publícase a segunda parte: «Nerea. A invasión dos trastos».

Pablo Prado xunto con Miguel Rojo retoman a serie.

Así se presenta cada unha das entregas: 

"Unha poza sen fondo, un príncipe que pide ser rescatado, uns monstros que non se sabe o que din... Ou pode que si? E todo por non facer caso dos consellos dos seus pais. Acompaña a Nerea nesta aventura chea de lambonadas, mocos e pingüíns, moitos pingüíns." 

"Tes mensaxes de no móbil pendentes de ler? Algún capítulo da túa serie favorita sen ver? Pasaches esa fase tan difícil do videoxogo de Súper Cario?... Que tal se miras o que está a acontecer ao teu redor? A invasión dos trastos comezou! Nerea regresa cunha nova aventura chea de humor sobre os excesos no uso das novas tecnoloxías."

O avó de Nerea está na residencia, obsérvao todo e descobre o que ninguén é quen de ver, por iso colle a neta da man e alá van os dous: destruír os trastes por medio dos que nos queren invadir. Ao final todo remata ben, puidemos co mal e os autores adxuntan un apéndice en branco e negro no que ante a queixa de Nerea que se aburre sen redes sociais e pantallas, o avó móstralle todos os xogos posibles, e Nerea     que é unha nena avispada queda feliz, de novo. Porque iso é o que ten Nerea, que tan pronto poden enganala como espertala da mentira para que colabore na loita polo común, niso anda...

A obra de Pablo Prado vai dende O derradeiro libro de Emma Olsen ou A batalla de Rande