domingo, 24 de novembro de 2024

Teranga ou hospitalidade

Teranga de Beatriz Maceda é unha novela xuvenil de Beatriz Maceda publicada na colección Fóra de Xogo de Xerais.

Da sinopse:"Vencerse é cousa de se tratar." Este verso da escritora Xela Arias é o xermolo da historia dun grupo de rapazas que son quen de superar todos os atrancos que xorden na súa vida persoal e no instituto grazas á «Teranga» e á riqueza de compartir as palabras que nos definen nas distintas culturas. Aquel fora un curso escolar inesquecible para todas, porque o amor, o compañeirismo e o traballo en equipo lograran vencer fronte ás persoas que non entenden que na diversidade está a mellor das riquezas. E tamén porque formaran un grupo musical, Seneregue, que as unira para sempre." 

Seneregue, unha palabra composta de Senegal e regueifa, de alá e de aquí, dun país de orixe en África e dunha forma de canto improvisada neste que recibe.  Diferentes voces contan a historia dun grupo de rapazas e rapaces dun instituto que se supón da Coruña. Conforme avanza a historia vanse unindo dúas rapazas africanas á que acaba de chegar, esta á compañeira de pupitre que é unha adoptada, en familia monoparental, coa nai mestra responsable e comprometida con todos os valores democráticos. Xa son tres, pero amigo de la é Iván, un rapaz que supera o acoso por homosexualidade grazas ao grupo, igual que o fai as rapazas por diferentes etnia.

"Teranga" é unha palabra en wolof que significa hospitalidade ou acollida. Así se sinten as persoas deste grupo e as que se unirán a elas: ben acollidas. Iván e o seu mozo, Maimouna e Xandra que poden mostrar a súa homosexualidade de forma natural; Maimouna, Fatou e Adama que son de fóra e han de loitar fronte ao grupo de presión dun rapaz que as odia por inmigrantes, seguindo a ideoloxía paterna; Uxía que asiste aos malos tratos por parte de seu pai tanto á nai como a ela. Diversidade sexual e étnica, unha sociedade na que abundan as persoas que están dispostas non só a recibir senón tamén a integrarse nesas outras culturas que chegan para que non sexan sempre os mesmos os que han de adaptarse. Profesorado consciente e disposto a traballar a favor dos valores educativos,a  abrir os currículos aos novoa contidos que nacen dese encontro de culturas e seguir ao alumnado disposto a traballar. Familias que teñen pasado ou están pasando pola violencia de xénero e van saír de aí coa axuda dos demais. Nais e avoas que aceptan sen gretas situacións que non son tan convencionais. Un grupo de música con isntrumentos e ritmos de aquí e de alá. Todo vai ben, de vez en cando a pandilla do "matón" fai acto de presenza pero será quen neutralizado que está pensando en cambiar de instituto.

Tal vez sexa un mundo demasiado bo no que a bondade pesa moito máis que a maldade e se nos faga moi difícil crer nel porque se isto fose así non habería extrema dereita nin votos que a avalaran, non habería acoso escolar nin violencia de xénero porque as persoas e as institucións estarían prestas a intervir. Tal vez sexa case un mundo ao revés onde as relacións homosexuais son maioritarias (as dúas parellas que aparecen), as familias monoparentais (as das dúas protagonistas), todo o mundo disposto a botar unha man e facer posibles os soños da rapazada (facendo música, querendo visitar á avoa africana...) e a presenza da intelixencia feminina coas mulleres que contan, cantan e curan no centro da escena. Ogallá sexa posible, ogallá teña que retirar esa visión negativa, ogallá podamos axudarnos e acabar coas discriminacións,sexan do tipo que sexan... se esta é a maneira de logralo benvida sexa!

venres, 22 de novembro de 2024

Un álbum ilustrado de Flamboyant

E se me come unha balea? de Susanna Isern e Rocío Bonilla traducido por Tamara Andrés e publicado por Flamboyant. Así se presenta:"Martín ten unha imaxinación desbordante que ás veces lle xoga malas pasadas. Imaxínase que ocorrerán cousas catastróficas e, do moito que se preocupa, tirita como un flan. E se explotan todos os globos na festa? E se se perde na excursión coa súa clase? Pero entón a súa nai decide darlle a volta aos seus medos... E se o mellor está por chegar?"

Un rapaz temeroso que busca seguridade total, que non quere expoñerse a ningún perigo así que fica na casa, tranquiliño. Menos mal que a nai decide falar con el, que lle conte a razón verdadeira pola que, unha vez máis, busca unha desculpa para non apuntarse -por exemplo- a unha excursión. E el vaise abrindo: E se me cae unha piña na cabeza? E se me perdo? E se caio á auga? E se me come unha balea? E se os piratas me capturan? E se non podo saír da illa? E se aterro en Marte? E se o extraterrestres non me deixan volver? E se caio na copa dunha árbore? A todo isto María dálle respostas que animan a correr esa aventura ata que Martín di: "Pero... e se nada disto sucede?" tamén para isto ten resposta a nai, pero... cando semella que vai entrar no autobús, o rapaz volve. Uiuiui... por que será?

As ilustracións engaden moita información á historia, tanta que poderiamos crear sete ou oito ao redor da principal.  

A pesar de ter o libro en galego (para vender) toda a información aparece en castelán como é común nas editoras de fóra (e algunhas da casa), incluso nas librarías que o of¡ertan en galego. Ata cando?

martes, 19 de novembro de 2024

Publicacións... ao paso

Óscar. O unicornio famento de Lour Carter e Nikki Dyson, traducido por Raquel Mosquera e publicado en Picarona.

O unicornio cómeo todo, ata o propio cortello ou o libro no que aparece, difícil acollelo: piratas, fadas e dragóns non lle ven xeito, pero cando ao comer unha ponte vai caer nas mans dos trolls cae na barco da princesa Oola que o rescata e acolle. Pode que unicmaente as princesas podan dar de comer a semellante tragón e sigan encantadas de ter un unicornio aínda que sexa gordecho e glotón. Orixinalidade nesa maneira de comer sen parar que se adianta ao texto nas imaxes aínda que a estética ´çe un tanto rosada e abrillantada... Vexo que ten continuidade, igual non era necesaria, ou non tanto.

Xela, a superheroína de aldea de Inma Soto no texto e Clara Cerviño nas ilustracións. Dise que Xela é unha nena de aldea que vive aventuras todos os días da semana e que este é un conto para por en valor a vida na aldea. Unha edición de autora na que a natureza ten moito presenza. En que consiste ser unha heroína de aldea? pois en salvar gatas que soben a árbores fuxindo de cans e despois non saben como baixar, en resolver a comida para 25 cando chegan visitas inesperadas (porque nunha casa de aldea sempre hai unha ampla despensa con conservas e ovos das galiñas, en prepararlles comidas aos paxariños para o inverno, en encher de cores os días grises ao abrigarse ben e saír a pasear coa súa capa amarela... enfrontándose a Dracma o desalado que ameaza a natureza facendo desaparecer as fragas e os animais e empuxando a xente cara ás cidades... pero Xela consegue enganalo agasallándoo con algo que el quere poseer: os pendentes que brillan, así consegue que marche e a aldea vovle ser o que foi sempre: o mellor lugar no que vivir. Ben levadas as ilustracións de natureza, aínda ue as construcións non sexan moi nosas (ou non o parezan). Nas gardas os animais e no total unha historia demasiado sinxela pero seguramente feita coa mellor intención. Á reivindicación da aldea imos ter que darlle máis voltas!

 

luns, 18 de novembro de 2024

Varios e de varios tipos

O androide Simón de Alba Rozas e José Manuel Dopazo con Ilustracións de Iago Torres está publicado por Boadicea editora. Un libro trilingüe: galego, portugués e inglés. Así aparece a historia en cada páxina, cos tres idiomas. O androide que vive en Plutón anda na busca dun planeta para pasar as vacacións, ha de ser algo quente porque o seu fogaar é frío; vainos èrcorrendo todos ata quedar en Mercurio.

Drago. Aventura na montaña de Susana Peix e Seta Gimeno na colecciñón Lemos +6 de Edicións do Cumio. Na presentacións editorial: " A Draco gustáballe atravesar a grosa capa de nubes e voar por riba delas. Desde alí semellaban de algodón! Pero, unha mañá, non se decatou de que as nubes eran grises e, ao intentar atravesar a tormenta, mancou unha das súas ás... Conseguirá Draco regresar á súa cova?" Xa vos digo que si, non vos preocupedes, o castor vaille axudar e non lle faltan as patas para camiñar e seguir correndo aventuras. Sempre se aprende algo e Drago tamén o fai. Lembramos que aos libros desta colección sempre os relacionan con valores resultando bastantes didácticos no bo e no mal sentido: "Valores, que aparecerán de maneira transversal e normalizadora nuns libros que presentan todas as características de accesibilidade á lectura no que respecta ao formato, a tipografía, disposición do texto, contraste de cor e ilustracións." segundo a editora.

Favonio de Carmen Rey Núñez con ilustracións de Pura Villar está publicado por Toxosoutos. Así se presenta: "Favonio é un burriño que vive nunha granxa xestionada por un home moi malo que, cando algo lle sae mal, a emprende a golpes co becho que teña máis preto. E a nai de Favonio, por saber do cotián que lle agarda ao seu fillo, animouno a que fose na procura da Fraga Encantada, lugar onde ningún animal é maltratado. Malia ter que se enfrontar aos perigos do camiño, aló foi..." Acompáñao un paxariño que o guía; unha bruxa axúdao e ata a nai se vai animar a seguilo despois de que o dono o perseguise a el. Aventuras, perigos e chaegada á Fraga Encantada, a utopía á que hai que chegar e sempre se fai coa axuda dos bos seres coma esa veciña que polo camiño reencontra en forma de bruxa, coma ese merlo Chanteiro que vai con el.

domingo, 17 de novembro de 2024

Novela gráfica: Os suicidantes

Quen pode recibir ese nome de suicidante? Que é o que fai para chamarse así?

Os suicidantes de Diego Ameixeiras e Tomás Guerrero está publicado por Xerais. Preséntase así: "

Ambientada en Compostela, mirala, lela supón ir percorrendo as rúas. Por iso remata cun roteiro pola cidade, xunto cun texto de cada un dos autores ("A morte que no obriga a vivir" de Ameixeiras e "Chámenme despois de ler esta banda deseñada" de Guerrero) que vai seguido do apartado "Bosquexos, rarezas e caras B".

A sinopse: "Nunha cidade do futuro, devastada por un réxime económico fóra de control, os individuos son arrastrados cara ao abismo. Un camiño que ninguén querería percorrer: o camiño da morte autoproducida, executada coas propias mans. As mentes están atravesadas por unha angustia indefinible e centos de vidas causan baixa definitiva cada día para un sistema que só busca a supervivencia da produción. Pero Marion, a pesar de todo, é unha resistente. E non só porque estea evitando inflixirse a morte, senón porque nela comeza a nacer unha resposta a esa tiranía que alimenta, contra os seus propios intereses, a propagación dunha doenza chamada «A gran dor». Aínda que non está orgullosa do seu traballo, Marion leva tempo sendo unha suicidante. Unha operaria da destrución. Aplaca o suplicio mental dos seus clientes a cambio de diñeiro. Mata, elimina, liquida. Pertence a unha banda armada que opera contra o réxime, pero sen cuestionar a súa brutalidade. Ata que chegue o día en que quizais mude o vento da traxedia."

En branco e negro, cun debuxo duro, cunha historia distópica que nace na mente do escritor a partir dun conto de Quiroga (Los buques suicidantes) e da novela de McCarthy (A estrada). Define "a gran dor" (nas súas palabras) como o encontro entre os medos que todos levamos dentro e unha sorte de virus mental inoculado pola maquinaria do poder para manternos insatisfeitos e podemos recoñecer o seu xermolo no cotián, nos medicamentos para a alma e nos suicidios invisibilizados. Recoñecemos, tamén, como en 1984, a perversidade do poder, esa capacidade para sacar proveito ata do suicidio do outro, esa competencia para infrinxirlle máis dor ao deixar máis vulnerables aos seus, ao non poder legarlles nada.

venres, 15 de novembro de 2024

Álbums de lobos e caranguexos

O lobo feliz de Miguel Guido e Olaya Naveira está publicado na editorial Cabo Norte.

Así o presentan: "Había unha vez un lobo grande e negro que vivía moi lonxe da xente e moi triste, porque ninguén o quería cerca. As historias do temido lobo feroz asustaban a xente que o xulgaba sen coñecelo. E el só quería SER FELIZ, así que lle preguntou a outros animais do bosque como facían para seren felices. Mais as receitas dos demais non valían para el, ata que a sabia curuxa deulle un consello que cambiaría a súa vida..."

Lobo grande e negro, de día non sae e si de noite. Vive só porque lle teñen medo. Ás veces era bo e ás veces malo (coma todos). Anda preguntando como ser feliz. Dinlle que sorría. Chñámanlle feroz e el quere ser feliz. A curuxa dille que ser feliz depende dun non dos demais e menos dos humanos. En vez de baixar á aldea sube ao monte e cántalle á lúa a súa felicidade. Humor. Xogo co conto da avoa. Interesante o deseño e a tipografía.  

O tesouro do caranguexo de Alba Rosa e J. M Dopazo con ilustracións de Iago Torres, publicado por Boadicea.

Preséntano así:"O caranguexo da pinza de ouro é o dono dun gran tesouro feito de cunchas. Non obstante, fáltanlle sete para que estea completo. Por iso falará coa ameixa, a vieira, o berberecho, o longueirón, a ostra, a zamburiña e o mexillón. Queres saber como son as súas cunchas e se logrou completar o caranguexo o seu tesouro? Mergúllate nesta aventura chea de sorpresas."

Para coñecer algo máis aos habitantes do mar...

martes, 12 de novembro de 2024

Unha xoia: "O fabricante de sombreiros" por Pinto & Chinto

O fabricante de sombreiros de Pinto & Chinto é unha desas xoias que cando aparecen sempre nos alegran os días. Unha obra para permanecer, chea de orixinalidade, imaxinación e bo facer. Este dúo de creadores (David Pintor e Carlos López) tan coñecidos pola viñetas de humor no xornal como polos libros infantís, agasállanos, de vez en cando, con materiais dunha calidade superior ante os que non nos queda outra que sacar o sombreiro e saudar (aínda que vos vou contar un segredo: o señor Martus creou un sombreiro que saúda el só, sen necesidade de ter que erguelo coa man).

Esta é a historia do mellor fabricante de sombreiros do mundo. Vánsenos presentando os seus produtos. Imaxinemos un sombreiro de nube que pode refrescarnos cando vai moita calor pero ademais pode ir tomando diferentes formas co que semella que quen o leva ten varios, un sombreiro con forma de tellado para a chuvia cuns canlóns para desaguar, un sombreiro para pescador que era tan atractivo que os peixes ían admiralo e caían no anzó, un sombreiro de palla para labregos que poden salvar a colleita coas espigas que xerminaban nel nos malos anos, un sobreiro de pelo de coello que se mete no sombreireira igual que se se tratase dun tobo, outro de pelo de castor para leñadores que roía os troncos das árbores mentres estes descansaban, o de cazador que leva dúas plumas de aguia para voar e atrapar no aire as perdices, un de músico de rúa coas moedas incorporadas... e así moitísimos máis. Cada sombreiro a súa imaxe no estilo inconfundible de David Pintor que engade detalles como a atadura dos canlóns ou a forma de libro no sombreiro tellado, os peixes tentando admirar o sombreiro por detrás para non ser pescados, o cazador que voa sobre a perdiz... e outras veces engade un mundo propio coma no do gondaleiro que non aparece sentado senón na postura característica a modo de surf de pala,o de buscador de ouro que coloca sobre un home en bicicleta que leva sobre o manillar un rapazote igual que o de praia que podía usarse como frisbi ou modelo para a fabricación de castelos no que o neno coa pala divírtese sobre as costas do pai ou aquel outro de froitas no que unha criatura nas da nai estende o brazo para alimentarse.

O remate do libro non pode ser mellor porque forma un círculo perfecto, esa figura sen principio nin fin que nos fala desa mesa redonda do rei Artur na que todos os cabaleiros eran iguais oou deses libros nos que podes comezar a ler por onde queiras.

Sombreiros estrafalarios, estravagantes, fabulosos e inimaxinables tal como corresponde a ese humor que está sempre presente nas súas obras, unha comicidade coa que espertan e gusto pola lectura visual e textual. A imaxinación ao poder ou o poder da inventiva envolto na orixinalidade que os identifica facéndonos recoñecelos en cada obra. Cando o vou lendo, vánseme ocorrendo outro modelos de sombreiro e con iso podemos xogar coa rapazada, coa posibilidade de seguir creando sombreiros a cada cal máis orixinal: para outras profesións, para diferentes situacións, para cada tipo de persoas, para distintas necesidades... o señor Martus pode argullar calquera cousa que nos pase pola cabeza en sorma de sombreiro. Que nunca falte a fantasía!

Da presentación editorial: "O señor Martus sempre dicía que lle gustaría ter duascentas cabezas para lucir douscentos sombreiros ao mesmo tempo. Fabricou ,   moitos, ao cal máis estrafalario. Os seus sombreiros eran para quitar o sombreiro. Tan extraordinarios que ata as cabezas de allo os levaban. Se queres coñecer algúns deles, entra neste libro. Pero antes deixa o teu sombreiro no colgadoiro do vestíbulo".

A prensa fíxose eco da aparición deste libro da Baía edicións: Nós diario e La Voz de Galicia, pero tamén o c´ritico Ramón Nicolás no seu Caderno da crítica.