mércores, 12 de marzo de 2025

Poetas na colección "O meu amigo" de Triqueta editora

A colección O meu amigo de Triqueta editora publicou Gloria (Gloria Fuertes) e agora acaba de saír Federico (Federico García Lorca).   

Así o presentan: "Todo o universo de Federico García Lorca nun conto biográfico cargado de chiscadelas á obra e vida do poeta granadino.

A colección “Os meus amigos” recrea a vida ficcionada de grandes escritores e escritoras. O delicado texto de Jesús Castro Yáñez trasládanos á Granada do pequeno Federico cando a chegada dunha compañía de teatro ao seu pobo, anima ao protagonista para montar o seu propio espectáculo. Para iso deberá reunir a diferentes actores e actrices que moitos e moitas recoñeceremos na obra de Federico García Lorca. 

Conmemorando o 125 aniversario do seu nacemento, Jesús Castro Yáñez e Iván R. homenaxean ao autor (esta vez personaxe) e todo o seu universo poético. Unha historia con dobre lectura, un achegamento á obra e vida de Federico aos máis pequenos e, por outro, unha homenaxe ao universo lorquiano para os máis esixentes."

Unha boa edición na que imaxe e texto acadan unha gran altura, dende a sinxeleza iconográfica á profundidade e as lecturas varias da narración. Lorca entra no volume con todo o seu mundo!!!

luns, 10 de marzo de 2025

Banda deseñada

As aventuras xacobeas de Simón Martel. Camiño de Santiago escrito e debuxado por Fausto e publicado por El Patito editorial.

Da presentación editorial: "Simón Martel - a heroína máis lonxeva da historieta galega- pon as botas e a mochila para vivir unha dobre aventura no Camiño de Santiago: do Cebreiro a Compostela e de alí a Fisterra/Muxía, acompañada polos seus inseparables amigos e novos personaxes que lle irán mostrando que este itinerario vai moito máis alá da peregrinación."

Dous rapaces de instituto viaxan cos tíos dela. Cada un leva consigo na mochila a súa personalidade, el queixase e semella que sempre vai á forza, ela móstrase leda e animosa. O camiño está cheo de xente diferentes, de calquera país e civilización, de diferentes idades, con diversos intereses pero sempre acompañando, sempre botando a man que se precisa. Un cómic clásico e lineal coma o camiño que percorren os seus personaxes. Os debuxos que vai realizando Brais, as fotografías para o instagram, o mapa con todos os camiños en Galicia e a imaxe final con todois os personaxes e algún máis enriquecen o relato.

Astro Rat 6. Novas do espacio. Un tebeo escrito e debuxado por Fermín Solís publicado por El Patito editorial. 

Preséntase así: "Astro Rato e a súa tripulación viaxan ata afastadas galaxias para vivir as aventuras máis sorprendentes: o mesmo loitan cunha planta que se enfrontan a un verme alieníxena... Calquera cousa pode pasar no profundo do espazo descoñecido!"

Este é o sexto título da serie de Astro Rat, despois de Parece que orballa, A chegada de Astro - Polo, Patacator cocido!, O planeta Peperete e Retorno a unha terra descoñecida.  Uns personaxes estrafalarios que tanto poden ser animais como extraterrestres, cousas ou unha pataca andan polas viñetas. Varias historias, a primeira delas é a que ten como protagonista a Patacator, unha baloca que naceu no planeta Pataca e no sistema solar Tubérculo, cando son invadidos por outra raza con malas intencións levan a todas as demais e queda el só no planeta e fuxe nunha nave como polisón, alí descubre un ximnasio de loita libre no que empeza a traballar facendo a limpeza e aprnedendo mentres traballa de tal forma que o día que un dos loitadores sofre unha lesión apúntase a adestrar co outro e mentres el vai subindo na escalafón, Camilo o Temible segue no chan chamando para que lle acudan en cada plana e no medio de todas as historias.

Inverno na selva. Unha aventura de Amorodo e Menta xira ao redor deses dous caramelos ou gomas desas cores que so enganados por Caca.

Estraña flor relata o perigo que corren cando recollen unha flor que non coñecen e que os ataca e a maneira na que deciden defenderse e como o fan tamén do verme xigante. É o que ten andar por planetas distintos ó propio...  E mentres tanto Camilo o Temible pedindo unha ambulancia. Historias sinxelas con estraños personaxes dirixidas ás criaturas.

venres, 7 de marzo de 2025

Un novo premio Agustín Fernández Paz pola Igualdade


Quen precisa unha avoa?
de Andrea Barreira Freije está ilustrada por María Montes e publicada por Xerais.

Da sinopse:"Este curso non pinta ben para Marta. O mestre quere traballar nun proxecto para o que van ter que falar coas súas avoas... Pero ela non ten avoas! E iso que, se mira ao redor, ve unha chea. Se hai tantas, por que ela non pode ter unha? Non lle queda outra: terá que secuestrar unha avoa, e nada mellor que involucrar as súas amigas para levalo a cabo. A conciliación familiar, as necesidades das persoas maiores, os afectos e a sororidade entre as personaxes son algúns dos temas desta novela fresca e divertida que, a través do humor, transmite de xeito maxistral a complicidade entre as diferentes xeracións e unha ollada novidosa sobre a vellez."

As ilustracións de María Montes sempre son unha garantía de calidade, a publicación conta cun deseño que busca atraer ao lectorado contemporáneo cunha serie de achegas que traen imitacións a cadernos, notas caligráficas con diferentes tipos de textos dende definición de personaxes ata anotacións, receitas... tipoloxías diversas que interrompen a narración presentando informacións.

A estrutura, en pequenos capítulos, distribuídos en sete partes pode animar a lectura:  Grandes males; Observar, escoitar; O meu espazo, o seu espazo; Actuar; Coidar, protexer; Ás veces as cousas saen ben; e Devolver as cousas ao seu lugar. Ou os finais felices.  Grandes acertos coma o tratamento dos coidados ou a relacións entre as avoas, esa recuperación doutro tempo no que a amizade tiña un gran valor, a reivindicación do papel das mulleres maiores e a necesidade de exercer a súa autononía, a presentación dunha familia monoparental dun xeito tan natural que nin nos preguntamos como se chegou aí...

Moi adecuado para rapazada infantil moi lectora, porque se trata dun volume moi extenso para os intereses destas idades, é dicir, que o contido pode estar algo desaxustado co tamaño. É unha opinión...

mércores, 5 de marzo de 2025

Faísca, a nena neandertal de Rosa Aneiros

 
 
Faísca, a nena neandertal de Rosa Aneiros está ilustrada por Xulia Pisón e publicada na colección Merlín de Xerais.

Da presentación editorial: "Xoel, Matilde, Diana e Carlos van de campamento a unha aldea preto de Triacastela. As vacacións preséntanse aburridísimas porque teñen prohibidos os videoxogos e as cartas do seu xogo favorito. Mais, coma sempre, a súa intuición erra de cheo. Sonche ben expertos en meterse en sarillos! A visita ao xacemento arqueolóxico de Cova Eirós serviralles de porta de entrada ao Plistoceno. Desta volta, a súa principal ameaza será unha nena neandertal, rebuldeira e divertida, coa que deberán facer boas migas se queren sobrevivir nun mundo tan hostil como fermoso. O Paleolítico galego amosaralles os seus segredos mellor gardados, onde non todo é o que parece, amigos! Logo de viaxar ao Cretáceo en Catro plumas de dinousauro, Xoel e os seus amigos viven outra apaixonante aventura, desta volta no Paleolítico, ao berro de «Mamut, cómeme o cu!».

Viaxes ao pasado, aventuras cunha gran carga de prehistoria, ciencia na narrativa, rapazada con personalidades moi distintas que se poden complementar, un grupo de nenos e nenas con interese cultural, a relación coa realidade do país, as investigacións historiográficas, as campañas de escavacións, o paleolítico... Unha serie que ten nesta obra a segunda entega e que ambientada nesa época tan afastada vai achegando coñecementos e vai espertando o interese destas criaturas que comezou cos dinasaurios e vai continuando... Agradecementos,polo tanto á autora por esta incursión e por facernos crer que en Galicia enrando por un burato podemos atopar outro tempo histórico, porque é así, bibliotecas e estudos lévannos a coñecer máis do país. Rosa Aneiros sempre se caracterizou por non rebaixar léxico nin lingua e agora fai o mesmo co coñecemento natural e histórico.

De novo introdúcense outro tipo de textos, coma o xornalístico, cunha presentación distinta. Algo que estamos vendo na narrativa actual de maneira bastante continuada. 

martes, 4 de marzo de 2025

Un álbum e unha banda deseñada

Unha de monstros de Rocío Bonilla, traducido por Bruno Martínez Pita e publicado por Algar.

Da presentación editorial: "Quen di que facer pasteis é perigoso? Aquel sábado, mentres mercabamos no mercado, descubrimos algo que nos deixou petrificados. Resulta que alí entre os postos se agochaba un segredo... monstruoso!"

Dous irmás xemelgos, iguais por fóra, moi distintos nas afeccións agás nunha que comparten: facer pasteis. Na súa visita de sábado ao mercado para mercar ingredientes pasan polos postos da señora Pepa (a dos froitos secos), do señor Paco (o froiteiro), de don Luís (o do ultramarinos), de Pilarica (a dos ovos)... pero a Teodora escapoulle a pelota que sempre leva consigo e ao abaixarse para recuperala descobren que Pepa ten unha cola verde chea de escamas... e moitas máis cousas sorprendentes, todos os seus amigos teñen algo de animal: son monstros disfrazados de persoas! teñen moito medo, moito medo ata que deciden actuar, que cres que farán? como poden saír de problema semellante? Haberá que ler o álbum, observar os xestos e expresións de cada personaxe, haberá que entrar nese mundo e pensar.

Superpataca en Enredo cósmico nas cloacas. Episodio 3 de Artur Laperla publicado por Mamut, agora en galego, para + 6 anos.

Da presentación editorial: "Nas cloacas: aquí conclúe esta triloxía espacial. Cun ladrón que case sae coa súa, unha cazarrecompensas rabiosa e naves micronianas sobrevoando os sumidoiros. E o que é peor: o rei Lesma, vitorioso e armado cun poderoso raio, está disposto a acabar dunha vez por todas con Superpataca. Conseguirao?" 

Unha historia ben repugnantiña co seu paseo polo submundo, un relato que se sitúa no universo e tamén no subterráneo, estraños personaxes cos que costa traballo identificarse...

sábado, 1 de marzo de 2025

Vila Paspán de Cota&Tomé e a BD: A mansión misteriosa

Hai libros especiais, un deles é Vila Paspán de Rodrigo Cota & Fernando Tomé que presentan como cómic aínda que eu o vexo a medio camiño entre este e o libro ilustrado. Ambos creadores coñecéronse na escola de banda deseñada O Garaxe Hermético, un como profesor e o outro como alumno. Cóntannos que o ilustrador ten unha discapacidade visual dun 53%, e que interactuaron moito facéndose moitas suxestións un ao outro e presentan así a obra: " "Vilapaspán é unha aldea, moi inclusiva, onde habitan unha serie de personaxes moi particulares (...) Aquí contamos a historia de dous deles. Un é o Señor Ingrávido, un tipo que flota como se fose un globo de helio e que vai trasladando unha meniña cunha corda ata que nunha desas se lle solta. E outra é Martiña Martelo, que é unha muller que arranxa as cousas rompéndoas". Os habitantes de Vilapaspán teñen a súa orixe nun catálogo de personaxes creado polo ilustrador , arredor dos que despois Cota construíu historias.  Tras contar a historia dos dous primeiros veciños da vila, aspiran que o proxecto teña continuidade, pois xa teñen o seguinte protagonista un gnomo que é astrónomo e recibe o nome de Astrognomo.

Moito de absurdo. Unhas ilustracións moi orixinais, cun estilo moi propio, para unha historia verdadeiramente atrevida cos seus toques fantásticos e humorísticos. Un bo libro. Agardamos que teás continuidade como piden os autores. 

As aventuras de M&M. A mansión misteriosa de Marcos B publicada por Demo editorial. 

Así se presenta na páxina de Tebeosfera: "Unha aventura para público infantil e xuvenil chea de diversión e misterio no máis puro estilo da BD francófona. Sen dúbida un novo descubrimento para a BD galega." Unha parella vai pasar unhas pequenas vacacións á aldea. El ten unha casa pero ao chegar descobren que está en estado ruinoso. Ademais chove... Nin siquera poderán visitar os lugares de interese da zona, ou si? todo é cuestión de probar: a praia, o faro, a casa misteriosa... Un encontro fortuíto cunha moza que confunden cunha serea (porque anda a tentar salvar un delfín) levaraos a esa casa chea de misterios segundo lles contan. Alí pasarán unha noite en vela. Quedan de verse ao día seguinte pero ao non conseguir contactar coa herdeira da casa deciden ir investigar e atoparán cousas, si, non as que esperaban pero outras si... Diso trata o cómic, de medos e desconfianzas de misterios e enigmas, de herdos e tíos que desaparecen sen deixar rastro. 

mércores, 26 de febreiro de 2025

Novidades de Kalandraka

 


Quero andar sen rodiñas de Tobias Giacomazzi traducido por Xosé Ballesteros e publicado por Kalandraka.

Da presentación editorial: "Un divertido álbum sobre o crecemento e a resiliencia. Rino xa non é un cágado e aprendeu a andar en bicicleta. Con todo, non está contento. Quere ir sen rodiñas e manter o equilibrio como o señor Renato, que leva o xornal debaixo do brazo, como a señora Adela, que carga coa compra sen caer, ou como Laureano, o carteiro, que reparte o correo por toda a cidade… Unha historia sobre a importancia da vontade e da resiliencia como elementos fundamentais no proceso de aprendizaxe e de crecemento, aínda que tamén sobre a relevancia da axuda colectiva e da solidariedade. Esta obra, traducida por Xosé Ballesteros, foi finalista do XVII Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados." "Unha proposta orixinal e chea de humor sobre a importancia da vontade e da resiliencia como elementos fundamentais no proceso de aprendizaxe e de crecemento." 

Un mundo de animais, unha cidade moi ben organizada arquitectonicamente, unhas imaxes moi limpas, un pequeno que quere andar na bici sen rodiñas igual que... o señor paxaro que incluso leva o xornal debaixo do brazo (e sen dicilo tamén carga unha gaiola, a propia?), unha señora que leva a compra (e, sen dicilo arrastra un carro de bebé), o avó que ten unha bici cunha roda enorme, o carteiro que reparte o correo dende a bici, o ciclista que vai a toda velocidade ou o pallaso que nunha roda vai sobre unha corda no circo (sen contar con que un rato lle roe a corda). Despois de tanto insistir quítanlle as rodiñas ... un accidente que o fai chorar. Na seguinte páxina aparecerá rindo, cal é o segredo? Teredes que ler o libro para coñecer a solución. Seguro que vos encanta!  

Un álbum enriquecido pola cantidade de datos que nos achegan as ilustracións moito máis alá dos textos.

Un libro que nos leva a outro: Veña avoa! de Gilles Baum publicado por Cumio, daquel día no que a avoa decide quitarlle as rodiñas á bici da neta.