sábado, 21 de xuño de 2025

Primeira convocatoria do premio Jaime Olmedo Limeses


Pernascochas de Ramón D. Veiga está ilustrado por Blanca Millán e publicado por Antela editorial co patrocinio de Avigal. Pernascochas resultou ser a novela infantil ganadora do premio Jaime Olmedo Limeses. 

Da presentación editorial: "«Marcelina: ese é o meu nome. E esta é a miña historia. Ou parte dela. Un anaco de vida que non durou nin unha semana, pero que algo me di que vai ser difícil de esquecer. Ou, se cadra, imposible.» "Pernascochas é unha novela sobre o poder da amizade, os sentimentos e, alá no fondo, tamén sobre o primeiro amor." 

Unha novela que semella situada no tempo das novelas infantís, cunha nena protagonista que é orfa e vive cuns tíos (que cumpren as expectativas deste tipo de obras) e tres primos que tamén cumpreno seu papel (dous estraños e unha moza amiga) nun pazo. Esta descrición ambientación complétase co acoso escolar que se ve de lonxe e o nó establécese cando un sobriño dos gardiáns a quen ela adora vén pasar unha semana no pazo. É el quen lle pon Pernascochas por como as leva cheas de moratóns  e marcas e é a el a quen lle pon tres retos para que se os supera pasar a ser amigos para sempre: sacala do pazo un día enteiro, levala a un lugar fantástico e contarlle unha historia que a sorprenda. Non sei que opinades, se é mellor chamarse Pernascochas ou Marcelina, se chorar polo aigo que se vai ou permanecer nese estado de indiferencia non que nunca pasa nada... Teredes que ler a novela para opinar! 

mércores, 18 de xuño de 2025

Un libro pop - up

Unha eiruga moi larpeira de Eric Carle en formato pop - up, traducido por Chema Heras e Pilar Martínez e publicado por Kalandraka.

Asi se presenta: "Unha pequena eiruga percorre as páxinas perforadas deste libro devorando todo canto atopa ata converterse nunha fermosa bolboreta. A obra máis emblemática de Eric Carle, agora en edición pop-up." 

Unha pequena xoia para  saborear e coidar, chea de posibilidades para que a historia se faga máis realista e sorpresiva, para ir abrindo fiestras e solapas, para que cada páxina nos vaia asombrando mentres persorremos os días da semana e imos aprendendo os números, os nomes das froitas e outro vocabulario sabrosón (torta de chcolate, xeado de cornete, queixo suízo, piruleta, pastel de cereixas, madalena...) así como diferentes tipos de porción nas que se pode presentar (dende anaco a cacho, rebanda, porción ou tallada). Tamén aprendemos que despois dun empacho é preciso tomar algo vexetal. E, sobre todo, coñecemos o ciclo da eiruga, cando despois de nacer dun ovo e comer desaforadamente tece un casulo ao seu redor ficando dentro máis de dúas semanas, e sae convertida nunha fermosa bolboreta que se presenta a toda plana impoñendo a súa presenza.

luns, 16 de xuño de 2025

VII PREMIO DE LITERATURA INFANTIL CARLOS MOSTEIRO 2024

 

Cando o mundo é azul de Óscar Reboiras acadou o VII PREMIO DE LITERATURA INFANTIL CARLOS MOSTEIRO 2024. Aparece publicado por Galaxia e  ilustrado por Carolina Nickelle Lois.

Unha obra moi interesante polo que se nos conta e como se fai.

Unha historia de semellanza sinxela ata o punto de traballar co mínimo de recursos, de limitala na mesma forma na que o neno protagonista só utiliza a cor azul. O núcleo familiar é monoparental e non se fala de máis familia agás ese avó que aparece cando el ten oito anos. Só lle coñecemos a un amigo e non se citan compañeiros ou amigos da nai nin do avó tampouco. O pai é un silencio, algo do que non se fala porque semella non ser necesario. 

Un relato con varias lecturas, no que non é evidente a historia, que en ningún momento se nos explica, simplemente déixase que avance a narración con novos sucesos que achegan información ao paso.  

Recolle a diversidade, nas características de Nuno (con síndrome do espectro autista)no  amigo que vai en cadeira de rodas ou no tipo de familia. O neno  ten tan asimilada a súa situación que lle di ao avó: “Non es raro. Es especial, coma min.”

Hai unha poesía interna, nas conversas, na maneira de entender a realidade, nese azul co que pinta todos os debuxos (o azul do ceo e do mar), no misterio dese astrolabio, nas ensinanzas do avó (como só se ven as luces do ceo cando non as hai na terra)

Porque Nuno é un neno especial que non aguanta os ruídos nin o barullo de xente nin que o toquen. Vive coa nai. Un día chega o avó, mariñeiro que vai botar unha man coidándoo. Lévao á escola asubiando (a Nuno seméllalle que vai chamando a atención), chéiralle... pero acostúmase a el ata o punto de ofrecerlle que compartan cama porque o sofá élle moi incómodo. Resulta dicertida a maneira na que explican cada un deles o problema que lle crea o outro á hora de dumir pero como non dersisten de facelo xuntos. "Os avós traen agasallos", dille o amigo a Nuno, e cando lle pregunta ao avó, este dálle un astrolabio que converte nun tesouro que pode transformar en mil cousas e a historia segue. Un final inesperado.

sábado, 14 de xuño de 2025

Para contar números e historias

Dez coelliños de Maurice Sendak está traducido por Iago Nicolás e publicado por Kalandraka

Así se presenta: "Un divertido álbum para aprender a contar cara adiante e cara atrás coa maxia e co humor do extraordinario Maurice Sendak.

Mino avanza, fai unha reverencia, amosa o seu chapeu baleiro e, por arte de maxia, co toque da súa variña vai saíndo un coello, e outro, e outro máis… Os primeiros divírtenlle e mesmo se gaba da súa mestría artística, pero cantos máis coellos saca da súa chistera, o seu malestar vai en aumento: inquedos e rebeldes, estes orelludos animais brincan enriba da súa cabeza, cóanselle entre as pernas e ata chegan a cubrilo por completo. Dez coelliños de Maurice Sendak é un relato visual que, cun mínimo apoio narrativo, anima a contar do un ao dez en sentido crecente e decrecente, e a coñecer a grafía dos números. Así, tralo décimo coello, o mago Mino fainos desaparecer un a un, exteriorizando o seu disgusto cun truco que se lle foi das mans e recuperando o sorriso pouco a pouco a medida que avanza a resta.

O humor é a principal calidade desta obra publicada en España en 2024, doce anos despois do pasamento do autor. Agás polos tons azuis, ocres e grises que colorean os coellos, predominan o branco e negro. Tamén sobresae por amosar dun xeito expresivo o amplo abano de emocións —dende a presunción inicial ata a desesperación e a impotencia posteriores— que experimenta o personaxe principal. Precisamente, o neno desta historia —alter ego do propio Sendak— identifícase cos protagonistas de «Onde viven os monstros», «Na cociña de noite», «O un era Xoán», «Sopa de polo con arroz» ou «Miguel, conto exemplar». Dez coelliños é, por tanto, un libro co que iniciar as nenas e os nenos máis cativos na obra deste xenial autor e que sigan descubrindo os seus clásicos imprescindibles."

Sumar e restar, de un en un, iso si. Contar avanzando e retrocedendo. Observar moi ben as imaxes para descubrir o que sente o mago a través das súas expresións. Un debuxo moi limpo e sinxelo que fala por boca do autor cun texto mínimo pero suficiente. Aí está a xenialidade, en expresalo todo cun mínimo de recursos.

martes, 10 de xuño de 2025

Varios

Unha boa amiga de Laura Suárez está publicado por Tambre na colección Ala Delta.

Da presentación editorial: "Era unha vez unha nena que un día coñeceu unha raposa. Ou era unha vez unha raposa que un día coñeceu unha nena. Si, se cadra eran moi distintas. E, aínda así, decidiron achegarse unha á outra.Pasaron semanas e meses enteiros xuntas. Debuxaron, leron e xogaron. Mais un día certas cousas entre elas empezaron a mudar." Porque é difícil que unha ceda todo o tempo para que a outra sexa feliz no seu medio, hai que chegar a un acordo, despois de pasar semanas enteiras facendo cousas de raposas, pasaron meses enteiros facendo cousas de nena, cabreáronse e ao cabo do tempo volveron buscarse e desculparse porque son coma a noite e o día pero boas amigas. 

Unha historia curta, unhas imaxes nas que o ocre protagoniza o mundo de nena e raposa. Pouco texto, moi escollido. Unha historia simbólica acerca da amizade entre diferentes, difícil pero posible.

Mica, Cuarzo e Feldespato de Antonio M. Fraga está ilustrado por Bea Gregores e publicado por Triqueta Verde na colección Petos.

Da presentación editorial: "Que agradable é ser unha ratiña de vertedoiro! Agás se unha bandada de gaivotas decide roubar a comida que cada anochecer trae un camión desde o supermercado. Isto é o que lles ocorre ás ratiñas desta historia que, desesperadas, deciden pedirlle axuda a Mica, Cuarzo e Feldespato, tres gatos que viven na canteira próxima ao vertedoiro. Gatos e ratiñas unen as súas forzas para defenderse das gaivotas, pero necesitarán a axuda doutras criaturas. Atreveraste a ser unha delas?"

Ben, vai de ratos de vertedoiro, dun problema cas gavotas que lle comen a comida, de como van en comitiva buscar o conselllo da Honorable Rata do Cumio, de como esta lles anima a que falen con tres gatos que viven felices alimentados pola velliña da casa escangallada a carón da canteira, polo medio dous ratos exploradores que van ter un pepel importante). Que, quen son os tres gatos? Pois os dos nomes dos compoñentes do granito: Cuarzo (branco, vello e sabio), Feldespato (laranxa e preguiceiro) e Mica (nova e intrépida); trespersonalidades ben distintas. Despois varios animais que tamén van ter o seu papel, pero o mellor é a forma de contarnos a historia que ten Fraga, ese entrar e saír da historia para falarnbos, esa maneira de presentarnos o escenario e cada un dos personaxes e ese final "E aquí acaba esta historia, que aconteceu no lugar máis feo do mundo. Mais vouche contar un segredo: tras coñecer os seus habitantes, este lugar xa non me parece tan horriblemente feo. E ti que pensas?" Certamente, cada é horrible cando te aproximas e o comprendes, todo ten o seu aquel...

As ilustracións de Bea Gregores mostra outro marabilloso mundo do seu imaxinario. Esta muller que é quen de renacer unha e outra vez, que non se preocupa por demostrar un estilo propio porque pode ter varios e todos eles levados con moita dignidade. Esta é un deles: delicado, con pequenas imaxes, xogando a impoñelas no deseño... Un luxo!  

domingo, 8 de xuño de 2025

Unha caixa misteriosa


Unha caixa misteriosa de Jordi Gastó e Christian Inaraja está traducido por Xosé Ballesteros e publicado por Kalandraka nos acartoados. Libros duros para dedos gordechos con bordes redondeados para non magoar, ilustracións limpas e divertidas sobre fondos brancos e unha historia.

Rimas sinxelas que unen unha páxina a outra. Que pasa cando Ana atopa unha caixa no xardín? O impostante é o que pensa mentres a bre para saber o que hai dentro, porque a imaxinación bota a voar pensando en todos os obxectos que lle apetecen, as viaxes posibles con eles mentres observa o mundo e todo o que nel pode suceder (tempestades, bruxas, illas, os polos e os bosques, os gnomos e os xigantes, festas...) e o enigma: que hai dentro? Igual só aquilo que lle permite a ela saber o que leva no seu interior? Final aberto?  

Libros que permiten compartir tempo de calidade, dialogar, lerlle e escoitar todo o que el ve e vai anticipando ata chegar a ese marabilloso momento no que a criatura se solta a memorizar un pequeno texto para lernos a nós. 

Oslibros de Jordi Gastó acompañan moi ben estas primeiras idades, tal como temos visto con Un gran día de pesca ou Se che pica un mosquito.

 


sábado, 7 de xuño de 2025

Reino Fungi. Mundo entretido

REINO FUNGI. Mundo entretecido de OctaviaMosciatti e Loreto Salinas, traducido por Victor Mascato está publicado por Cumio. Un libro que vén de Chile...

Magníficas ilustracións a toda cor, para falan de claridade para un libro de coñecemento.

Partindo do cemento máis básico “Os fungos non son plantas nin animais, compoñen o seu propio reino chamado Fungi. Cando falamos de fungos coñe non nos referimos só ao típico champiñón, os fungos poden ter moitos aspectos!”

E seguindo pola distribución do libro nos capítulos seguintes: Introdución, Que é un fungo? (explicándonos a súa asombrosa capacidade de adaptación ao non depender da luz), Partes dun fungo, Fungarium (unha inmensa variedade), Que nos contan os micólogos? (Pois que hai fungos con cogomelos e sen cogomelos, con cogomelos baixo terra e sobre o chan, con sombreiro ou en forma de copa, de soporte, poliporos e tipo terraza pero tamén tipo niños, colmeas e gaiolas; fungos sen cogomelos coma os mofos, os fermentos), Dime que comes e direiche quen es (saprófitos, parásitos, simbióticos...), Reprodución por dispersión, Segredos da natureza (a súa forma de relaiconarse con todos os seres vivos da súa contorna), As poderosas microrrizas (relación coas raíces das plantas), Que teñen que ver os fungos con nós? (alimentación, medicina, enfermidades, comida á que lle saen fungos, agricultura), Un futuro fungi, Fungos por todas partes, Protocolo de recolección (Algo oi interesante a ter en conta para non acabar con eles) e Dispersión (a modo de vocabulario para saber máis dos fungos).