mércores, 10 de setembro de 2025

Álbumes de varias editoriais foráneas, ou non?

Os pantalóns de Luisa de Susana Isern e Esther Gili está traducido por Iria Carballo e publicado por NubeOcho

A vida de Luisa Capetillo ben merecía un álbum. Unha portorriqueña, filla de español e francesa, que é unha adiantada ao seu tempo; comeza poñendo pantalóns nun tempo no que iso non se facía, traballou como lectora en fábricas de tabaco, foi sindicalista e anarquista... unha verdadeira icona das loitas libertarias.

O álbum está moi ben realizado, deténdose neses aspectos que máis poden interesar á rapazada como as razóns para tomar a decisión de poñerse pantalóns, o que lle gusta facer e como se aburre coas tarefas que ás demais rapazas lles agradan, as súas lecturas e o seu enfronntamento ás costumes da época. Unha muller que dou un paso impresionante cando decidiu cambiar a súa vestimenta. Unha decisión que supón axuda para o resto das mulleres que poden seguir o seu exemplo. O traballo da ilustradora é moi bo, con planos axeitados a cada contido mostrando a mellor maneira de representar a situación, con alegorías e metáforas visuais que fan avanzar a narración, con varias imaxes nas mesma páxina para ampliar a visión, co paso do tempo amosado na plana de forma que cando avanza camiñando é como se o fixese no calendario, con planos de detalle como ese das pernas camiñando con pantalóns para manifestar o avance social ao que se unen máis mulleres. 

E esa canción: "Luisa Capetillo, con razón ou sen razón,  / montou un bo sarillo coa súa saia pantalón"

Un bo álbum pero unha mala práctica por parte da editora: publica en galego pero non mostra ese produto no oso idioma na súa páxina na que podemos acceder a información en español, catalán, inglés e italiano, pero non en galego. Esa falta de respecto cara á nosa lingua é algo que debería repensar...

Cando abres un libro de Caroline Derlatka, ilustrado por Sara Ugolotti foi traducido por Silvia Obelleiro e publicado por Picarona. Dous irmáns, ela máis vella e el pequerrecho, ela morena e el pálido, un texto que fala do que sucede cando abres un libro (as viaxes que podes facer a todas paertes sen moverte, como se desbloquea a maxia ao abrilo, todo é posible cun libro na man porque el é a chave a diferentes mundos e a marabillosas experiencias...) e cando o pechas: volves á casa, de novo, ao fogar. Eses camiños, de ida e volta, poderás facelos sempre que queiras, porque os tes á man, sempre que collas un libro. As ilustarcións acompañanmoi ben o texto, enriquéceno ampliando os horizontes deses persorridos.  

Cono can de Sarah Howden e ilustrado por Carmen Mok aparece publicado por Patasdepeixe. Esta é a historia dunha cadela á que na clínica de veterinaria lle colocan un cono na cabeza. Ao longo do relato imos vendo como se sente estraña, como quere desfacerse del tal como fixo outras veces con outros obxectos que cos que sentiu atrapada, pero por moito que o intente resulta imposible. A adaptación é difícil porque vai batendo nas esquinas, non lle deixa furar na terra, seméllalle que todos se rin dela... ata que descobre como se pode aproveitar esta situación para recoller as pelotas dentro da lámpada ou utilizalo como casco para dar pinchacarneiro ou utilizar como pala para furar... incluso pode xogarlle unha mala pasada ao esquío co que se leva mal. Como só tiña que levar o cono por un tempo, un bo día o seu amigo humano quitoullo e ela volveu facer as cousas de sempre.

luns, 8 de setembro de 2025

Novelas traducidas para a adolescencia e mocidade

O faro da muller ausente de David Fernández Sifres  foi premio Alandar en en 2011 e aparece agora traducido por Isabel Soto. Este é a primeira inncursión na novela xuvenil do seu autor. Unha historia de misterio anclada no 2001 pero coas raíces na segunda guerra mundial. Unha viaxe de estudos leva a un grupo de rapaces a Normandía, alí o protagonista é testemuña dunha escena sanguenta que non terá explicación ata que, coa axuda do seu grupo de estranxeiros, consiga descorrer o velo. Aliados e nazis, ingleses e alemáns semellan traer as diferenzas ata a actualidade, os rapaces representan cada un dos papeis e terán que ser os ex combatientes moi vellos os que lles dean as claves para vivir en paz. Unha historia de amor, o tempo detido un mausoleo banker, as mensaxes nunha tumba, as flores que nacen no xardín inhóspito dun faro, un home que suplante a outro para sobrevivir ou a transformación dun botín de guerra nunha empresa solidaria. Contada en primeira persoa tráenos todas as dúbidas e inquietudes para poder acomapañar ao mozo na súa descuberta (incluso do amor). As diferenzas entre os xoves, a ansia por ligar, a indiferenza ante a situación dos demais ás veces, as verdades agachadas que ficarán como lembranza dolorosa.eses primeiros amores que custa esquecer pero se fai de forma case natural... Todo está na novela!

Así o presenta a editora:"Un disparo nos cantís, unha muller que non existe, un fareiro misterioso e o segredo dun nome. Agora Hugo ten sangue nas mans. Que viu realmente? Cando tenta comprendelo, vese fronte a un enigma que enraíza na Segunda Guerra Mundial. A súa visita a Normandía pode converterse nunha viaxe á loucura. Para atopar respostas terá que remover lembranzas dolorosas e abrir vellas feridas que amosarán o peor e o mellor da condición humana. Hugo xurou non contar nada, pero é o momento de facelo." 

O burato de Walpurgis, tamén é a primeira novela xuvenil de Ronaldo Menéndez, tamén está traducida por Isabel Soto e publicada na colección Catavento de Tambre (selo de Edelvives en Galicia). Imaxinemos unha vacacións de verán, dous primos compartíndoas cos avós e unha panda que busca aventuras. Cóntanolo o primo máis novo que ve ao maior como o seu heroe, Sherlok Holmes deixándose acomapañar por Watson. Unha novela introspectiva na que o rapaz vai analizando cada unha das emocións que sente (se se chegan a enteirar os publicicstas das emocións que andan polo ensino adiante van tolear aínda que seguramente non o queiran ver porque é máis doado pedilas de encarga). Un relato reflexionado np que o rapaz busca entenderse e, de paso, comprender as xentes e situacións que o rodean. É posible que as pelexas resulten un tanto longas e infantís (tal como é a vida nesas idades) pero a loita de sentimentos colorea a escena cunha profundidade desacostumada. Imaxinemos ese burato nun sanatorio abandonado no que houbo moito sufrimento, no que se falaba ou inventaba (para meter medo aos máis novo) unha monxa pantasma que ía matando aos enfermos dunha maneira ad hoc. Imaxinemos que podemos mirar o noso futuro a través dun burato e o que isto nos pode marcar. Os primeiros pasos no namoramento con todas esas dúbidas de se é a ti a quen quere a outra persoa ou está namorada doutro personaxe, ese seguimento que vai da euforia á desesperanza e, por riba de todo, as boas intencións, os bos sentimentos que saen a flote (a pesar de todo) e poden salvar aos demais e a nós mesmos.

Así o presenta a editorial, recollendo  moitas das notas que atravesan a narración: "Nas ruínas dun sanatorio situadonun lugar perdido da serra de Madrid agóchase un segredo arrepiante que ninguén deberíadesvelar. Sebas, o seu curmán Álvaro e a cuadrilla dos Furtivosignoran que asomarse a un inquietante burato marcará assúas vidas para sempre. Aínda que esa non será a única descuberta do verán; tamén, o medo á morte, o amor, a traizón, o sentido da amizade e todos os sentimentos que converxen ao fío da adolescencia."

Isabel Soto leva tempo traducindo  e facéndoo cunha calidade excelsa, a homenaxe do Salón do Libro (xunto ao Premio Nacional Xabier Senín nunha chiscadela ao traballo conxunto nos Asterix) resulta absolutamente merecido sobre todo se temos en conta a indiferenza doutros premios ante as persoas que versionan as historias infantís e xuvenís doutras linguas na nosa sen recoñecer este traballo para o que non é a primeira vez que solicitamos sexa seleccionado na Lista de Honra do IBBY ou nos premios Follas Novas. Pode que seste sexa o momento doce e empecen a sumarse outros recoñecementos. 

domingo, 7 de setembro de 2025

Máis


Non o fagas, Tarbi! de Ana Meilán e Agustina Matta está publicado por entrenubesycuentos.

Da presentación editorial: "Tarbi é o rato máis atrevido da camada e, a pesar de que a súa nai e os seus irmáns lle advirten dos perigos do outro lado do burato (o veleno, as trampas, o gato), a súa curiosidade empúxao a saír." 

Seica é un libro para falar de “Díxoche que… Xa cho dixo!” E as repeticións: 

"- Non o fagas, Tarbi!- berráronlle os irmáns. Pero Tarbi non era bo escoitando consellos e..." unha vez e outra vez, conforme se achega ao perigo (e... pasa o que pasa e que xa adiviñas). Ilustracións un tanto barulleiras e moi coloristas, realmente pop. A dúbida de se é o conveniente para crianzas que están acostumados ás pantallas ou sería máis interesante algo máis de calma para relaxarse e entrar na lectura, nese divertimento para o que se precisa concentración.  

 Miña nai é unha bruxa de Helena García con ilustracións de Jess Rose, traducido por Silvia Obelleiro e publicado por Obelisco Picarona.

Da presentación editorial: "UNHA FASCINANTE HISTORIA SOBRE OS PRECIOSOS MOMENTOS MATERNAIS, CUNHA BOA MIGA DE MAXIA. Os máxicos momentos entre nai e filla son aqueles para ser atesourados. Disme que  túa nai é unha bruxa? Dende xeado de dente de león ata perfume de cabaza e baños en caldeiros, é a historia que se conta a través dos ollos dunha pequena bruxa sobre a súa máxica nai que sabe espertar ao sol e facer que as estrelas brillen." 

Porque todo pode ser cousa de maxia e iso é o sinte a nena cando mira a súa nai, porque todo o que ela fai está envolto en feiticeiría, dende a roupa que viste e os adornos que usa, o arrecendo que ten, a maneira na que esperta o sol para que naza o día e poda erguela, as comidas con meigas, coa imaxinación viaxando polo mar ou polo bosque mentres buscan cogumelos montadas en lobos, ata o baño nocturno, está cheo de ilusionismo, e os contos de adormecer teñen pantasmas, demos e trasnos que se coan nos soños cando ela non voa coa nai sobre unha escoba rodeadas de morcegos. A relación nai e filla ten moito de maxia e niso profunda este álbum ilustrado.  

venres, 5 de setembro de 2025

E... máis


Os tomates de Mila de Sanne Dufft está traducido por María Herrero e publicado por Ing edicións co selo de Lectura fácil.

Da presentación editorial: "Unha historia inspiradora para que os máis cativos descubran o amor pola natureza e valores como saber esperar, o esforzo ou a cooperación. O avó faille a Mila un agasallo moi especial: unhas tomateiras. Ela aprenderá a plantalas e coidalas. Día tras día, Mila irá descubrindo, feliz, como as súas plantas van cambiando e crecendo. Grazas ao seu esforzo, dedicación e amor, as tomateiras daranlle moito máis que os seus froitos: tamén lle ensinarán leccións que a acompañarán para sempre."

Un bo libro. Magníficas imaxes, sinxelas e fermosas (en cores suaves) vannos introducindo no tempo lento da colleita, porque para cultivar é necesario coidar pero tamén darlle tempo ao tempo, agardar as estacións e estar atenta a todo o que sucede ao redor: a chuvia, o sol...

O avó agasállaa co mellor, coa posibilidade de ver medrar a vida, de ver como unha planta se desenvolve ata producir flores e froitos; observar como medra pero tamén aguala ao longo do verán para que non seque. Se te queres ir de vacacións terás que buscar colegas que che axuden e atoparalos. Logo, cando cheguen os froitos deberás repartir entre todos eles. Disfrutarás de comer tomates de todas as maneiras posibles e cando rematen sabes que o próximo ano poderás repetir a experiencia. O tempo cíclico das estacións. O tempo lecto das colleitas. Ver como hai que esforzarse para que as plantas non murchen...  Ao final do libro, nagarda hai unhas instrucións para facer caixas fermosas nas que gardar e repartir os tomates, caixas como as que utiliza a nosa protagonista.


 

A porqueira de Margarita del Mazo e Guridi está traducido por Iria carballo e publicado na colección Somos8 da editorial NubeOcho. Unha vez máis en todosos idiomas (español, catalán, inglés e italiano) menos en galego a información editorial.

Da presentación editorial: "Os porcos son animais felices, viven moi tranquilos. Pero fanse preguntas como todo o mundo, e unha delas e por que as nenas e os nenos só contan ovellas para durmir e non porcos. Fálano coas ovellas quen, moi fachendosas, afirman que é un traballo duro que eles non saben facer. A porqueira decide poñer en marcha diferentes plans para demostrar que contando porcos se durme tan ben ou mesmo mellor que contando ovellas". Son os porcos os que contan esta historia de animais con ganas de ser ou facer outra cousa que non sexa a que está marcada para eles; os porcos queren facer de ovellas, ou mellor, conseguir que o neno Xoán conte porcos en vez de ovellas, pero descobren que ese non é un choio tan bo como pensaban... Algunha ensinanza? Será cousa de pensalo. Unhas boas ilustacións e unha histria ben contada. 

xoves, 4 de setembro de 2025

Outros varios


 

Aloia e a súa estraña dor de barriga de Ruth Froufe Lagoa e Stela Navarro está publicado por Babi Di Bu. Trátase dun "libro para", neste caso contra o acoso escolar. Co ilustracións sinxelas e significativas.

Aloia sofre acoso escolar, métense con ela por levar pelo curto e prendedores, pero podería ser por calquera outra cousa. Dóelle a barriga cando lle pasa, cando o pensa... porque se está enferma poderá quedar na casa, terá desculpa para non estar cos demais. Todo cambia cando o seu amigo decide colocar tamén un prendedor no pelo; esa noite Aloia  decide contar o que lle pasa cando lle doe a barriga, ao día seguinte dirallo á nai e á mestra. Faino. É valente e remata co poder dos demais. 

Porque como se di na presentación editorial: "Falar é a clave para liberarse e atopar a valentía interior"; grazas a iso, Aloia libérase e a escola únese para loitar contra o bullying. "A través da historia de Aloia, preténdese destacar a importancia da valentía para afrontar os problemas, así como o poder do apoio dos amigos e a relevancia da empatía e da comprensión na loita contra o acoso escolar. Ademais, sublíñase a necesidade dunha comunicación aberta e a solidariedade para crear un entorno escolar seguro e respectuoso.

Nesa escola celebran o 2 de maio, Día Internacional contra o Acoso Escolar, colocando todos e todas un prendedor de cores no pelo. Remata cun aviso: se algunha vez che pasa isto, pon un prendedor e conta o que che sucede. Moi didáctico (excesivamente) pero moi clariño a pesar das elipses. 

Que enleada coa pipada de Blanca Millán e Rita Doallo publicado por Canica Books. Da preserntación editorial:"Menuda lea se armou na selva con tanto pío pío! E todo porque dous monos pequechos espertaron esta mañá con moita fame e acordaron cambiar o seu almorzo habitual de piña, aguacate e banana por uns cocos. Ao papagaio, que casualmente, estaba a oír a súa conversa, sorprendeulle tanto ao enterarse de que os monos tolearan e decidiran comer os mocos, que correu contarlle a nova ao guacamaio. O guacamaio contoulla ao tucano. O tucano á cotorra. A cotorra ao colibrí… Por suposto, cada un transmitiu a mensaxe ao seu xeito. E para cando o rumor chegou ao periquito, os moniños xa non eran cocos os que ían comer, se non… seguro que o queres saber?"

As repeticións ao longo da narración: "-Mi madriña,  / o que hai rir! / Non o podo permitir!!" e "O que contas é verdade? / É a pura realidade!"

Moi colorista tal como se adiviña a selva e o mundo paxaril, a confusión creada cando se vai cambiando o relato segundo quen o conte de tal maneira que o final ten moi pouco que ver co comezo, as repeticións que axudan a acompañar a lectura dos adultos e a rima que nos axuda a lembrar os textos... 

martes, 2 de setembro de 2025

Rosalía oculta, premio Castelao Banda Deseñada

Rosalía oculta acadou o premio Castelao de Banda Deseñada en 2023. Aparece agora publicada pola editorial Galaxia.

Así se presenta:

"Unha obra que afonda na verdadeira identidade de Rosalía de Castro, máis aló do mito, ofrecéndonos unha visión íntima e reveladora dunha das figuras máis importantes da nosa literatura.
A través dunha coidada investigación e unha narración visual envolvente, Rosalía oculta reconstrúe a vida da autora a partir das súas experiencias e da súa obra. 

Amosa unha muller que loitou contra as inxustizas do seu tempo. Rosalía de Castro foi unha pioneira. No século XIX, cando as mulleres estaban confinadas ao fogar, ela ergueuse como unha voz poderosa que denunciou as inxustizas do seu tempo. A súa obra fala da terra, da opresión e da marxinación, de cuestións tan actuais como o feminismo, as diferenzas de clase, a emigración ou a androxinia. Pero quen era realmente Rosalía?

Esta novela gráfica non pretende dar unha resposta definitiva, senón construír, a través da banda deseñada, un relato fragmentado e cheo de matices sobre a súa identidade, os seus conflitos e as súas loitas. Porque a súa figura, coma a súa poesía, é un quebracabezas que nunca deixamos de reconstruír.

Paula Mayor, artista e ilustradora coruñesa, emprendeu unha intensa viaxe documental para achegarse á verdadeira Rosalía. Tras dous anos de investigación, presentouse ao Premio Castelao de Banda Deseñada cun proxecto que reinterpreta a vida da escritora desde unha perspectiva nova e valente. O resultado é este libro: unha obra que desafía as imaxes preconcibidas e nos convida a redescubrir a unha Rosalía máis humana, máis real e, sobre todo, máis viva ca nunca.

Con Rosalía oculta, Editorial Galaxia reforza o seu compromiso coa banda deseñada galega e coa reivindicación das nosas voces máis icónicas. Non perdas a oportunidade de descubrir esta novela gráfica única.

Rosalía segue a falarnos. Só hai que saber escoitala."

A nivel visual xoga cunha iconografía simbólica e romántica de flores, máscaras e orlas, moitas veces con fondo negro ou escuro que lle achegan dramatismo e beleza. Debuxos en branco e negro e apenas cor para relatar a biografía nos momentos menos luminosos a nivel persoal e social. Xogos plásticos como esa herba case puntillista para a natureza nos días de festa cos Pondal ou no banquete de Conxo traxes patrimoniais para a festa e o baile, a brillantez do teatro, a alternancia de cores e a súa ausencia para separar as emocións de cada tempo, os fondos realistas das cidades a modo de decorado, o expresionismo das bocas enormes cando son murmuradoras asemellándose amáscaras de morte ou os enormes ollos de Rosalía que lembran o manga, variedade e cantidade de metáforas visuais e sempre a palabra de Rosalía nos dous idiomas certificando o relato. Moitas das planas servirían para magníficos cartaces. Doce capítulos nos que dividir unha vida curta e frutífera, un contido extra con "A xustiza pola man" e un esquema xeral feito de debuxos en branco e negro a modo de guión xeral.

Un libro no que non se escatimaron esforzos, documentación e creatividade ao redor da poeta nacional, unha obra digna da escritora que busca envolvela nas luces e sombras do seu tempo e a propia biografía. A ela haberá que vover en moitas ocasións e dará moito que pensar e preguntar ao lectorado novo.   

luns, 1 de setembro de 2025

Unha novela de misterio


Dormen baixo terra de Alba de Evan aparece publicado na colección A miña primeira novela de Monstros, na editorial Boadicea.

Así se presetna: "Erea acábase de mudar a Leiro, unha vila no medio das montañas onde nada é o que parece. Na mina aberta no alto do monte non deixan de se suceder ataques sanguentos sen que as autoridades consigan atopar un culpábel. O perigo, soterrado na fraga, emerxe coa néboa e axexa os habitantes do lugar. Cando Erea descobre que os seus dous mellores amigos, Héitor e Anaír, están relacionados co responsábel das agresións, non dubidará en arriscar a súa vida para descubrir que segredos do pasado agocha a mina e tratar de protexer a xente, dun xeito ou doutro."  

Familias ligadas a estraños seres que coidan das terras, minas ás que se lle da permiso a pesar de saber que aí hai patrimonio que gardar, persoas comprometidas con esa defensa que non conseguen paralizar (a mina, pero podía ser a pasteadora ou os eólicos). Cando nada está nas nosas mans xa só queda cederlle o coidado da terra ao misterio. Neste caso un monstro. Un gran risco aparecerá porque cando algo proba o sangue non sabemos as súas consecuencias. Tamén se dicía que cando alguén está nunha guerra e aprende a matar xa non o olvida, xa non lle resulta difícil, xa o converte en costume... Pois ben, unha novela de medo e misterio. Tres adolescentes: dous autóctonos e unha que acaba de chegar, cada un coas súas características e aficións pero dispostos a axudarse e defender a súa amizade.