mércores, 28 de febreiro de 2024

Novidades nas que non nos detemos moito

 

O segundo libro infantil dunha poeta (despois de caer de cú polo universo): Abominables adorables e xigantas cantantas de Estibaliz Espinosa e Branda. Ópera prima (infantil) dunha poeta de adult@s. Non está mal a historia pero as ilustracións son moi chamativas, de cores moi vivas e resulta difícil observalas para seguir a historia. Chaman moito a atención (se é iso o que se busca), con moitos estímulos. Imaxinemos tres personaxes moi grandes: Marusía a xiganta da Marola, o Apalpador ou xigante do Courel, e o Ieti ou xigante dos Himalaias. Vivir tan afastados uns dos outros non quita que se reúnan 182 días e medio cada cinco anos (50 días cantan, levando a voz cantante Maruxía), os seguinte 590 días cociña o ieti pratos marabillosos e logo botan a durmir ata que o Apalpador os esperta cando chega o inverno e ten que ir repartir tesouriños, choran algo porque a neve se derrite nos polos e porque os muíños de vento ocupan os montes, miran o firmamento e despídense ata o próximo encontro, pero hai un problema, confunden os billetes de volta...

A lagoa máis fermosa de tódalas de Antela Cid, con ilustracións de Anabel Montouto, publicado por Fervenza. Os reis dun reino, todo marabilloso ata que o mosquito (dunha lagoa próxima) pica ao rei, daquela desécana quedando só unha gota de auga que esperta grazas a unha manta e unhas botas vellas. Esta pinga xuntarase con outras e lograrán crear unha nova lagoa. Todo volve ávida, os obxectos son reaproveitados e reciclados e a auga volve á súa canle.

luns, 26 de febreiro de 2024

As estacións: Cando chega o outono

Cando chega o outono de Marina Rey Noya publicado por Aira Editorial, Así se presenta: "Ourizo Neto camiña canda a avoa polo bosque facendo preguntas sobre todo o que observa. Entenderá como muda a natureza conforme pasa o tempo? Unha fermosa historia chea de poesía e beleza que nos achega aos cambios das estacións e os efectos que produce no bosque, cheo de luz e de misterios." O neto pregunta ante o misterio e a avoa contesta con poesía. As estacións sucédense nun ciclo eterno e repetitivo, pero as avoas non duran sempre, por iso é preciso acompañalas, escoitalas e observar o final da historia, porque é preciso sementar para que a vida conntinúe.

venres, 23 de febreiro de 2024

Cerámica como tema

A maxia da cerámica de Sabela Orgueira Viqueira está publicado por Baía. Trátase dun libro infantil no que aparece unha historia (a descuberta do que se pode facer co barro dende que o atopas nun camiño ata que o convertes en cerámica cocida), a continuación o libro deixa de ser ficción e explícache como facer á hora de traballar co barro (as características e as condicións de conservación, as ferramentas, as técnicas -modelado, churros, baleirado, placas) os pasos a seguir como a decoración e retoque ou o remate final. Para rematar, os enderezos de divulgación da cerámica e a olería e os centros oleiros que se manteñen vivos en Galicia.  

domingo, 18 de febreiro de 2024

A esencia do humano e algo máis

 

A esencia do humano é un libro moi especial. Escrito por Victor D. O. Santos. Está ilustrado por Anna Forlati (cunhas imaxes moi interesantes e diferentes unhas das outras, destacaría aquela na que se fala da relación da lingua co ser humano dende que nace ata que é moi maior (pouco sebías de min, f´çuchesme coñecendo mellor, ao facéresta maior pode que comeces a esquecerme cunha madeixa de lan ao que xoga, calceta, viste o xersei ou vaino desfacendo tirando do fío), a da torre de Babel (ase mínimal), a das aves levando signos no pico, as que mostran a diversidade de etnias e civilizacións, a do libro sen letras...

Está traducido ao galego por María Reimóndez, unha activista en defensa da lingua galega que ademais de escritora é tradutora e traballa con oito linguas máis. Publicado por La Maleta e pola ONU para a UNESCO.

Cal é a esencia do humano? Vaise presentando "Existo dende hai moito tempo. Dende antes de que existisen os xoguetes, os cans ou calquera persoa que coñezas." Dando pistas: "Estou en todas partes. En todos os países, cidades, escolas e casas. Estou certa de que me viches hoxe. De que me escoitaches. De que me sentiches." (...) "Podo amosar amor. Mais tamén ferir. Ai comezo, era unha. Mais agora adoptei moitas formas e variantes. Desféxenme en miles. Nas máis novas e nas moi antigas. Algunhas están a desaparecer axiña. NO tempo en que ti medres poderían desaparecer moitas. E cando desaparece unha, desaparece tamén unha cultura enteira. Unha forma única de ver e comprender  mundo. Perdida. Para sempre. (...) Son a maior creación do mundo. Sen min, o resto non existirían, nin sequera os libros infantís que tanto che gustan. Podo conectarte co pasado, co presente e co futuro. Son a esencia que te fai ser humano. Son a linguaxe"

Apéndice. De que trata este libro, entre outra información, apunta: "Todas as linguas son importantes. Todos os alfabetos son importantes. Todas as culturas son importantes, Cantas máis linguas, alfabetos e culturas teña o mmundo, maior riqueza terá a humanidade. Este libro é unha contribución humilde ao feroso mosaico das linguas do mundo, os seus alfabetos e culturas e  noso xeito de render homenaxe a todas as persoas que as preservan." Por iso, o autor cede parte dos dereitos derivados da venda deste libro a organizacións que traballan para conservar e dinamizar linguas en todo o mundo. 

Remata cunha nota da UNESCO: "Para poñer en valor a importancia das linguas, a Asamblea Xeral das Nacións Unidas declaru o periodo 2922-2032 a Década Internacional das Linguas Indíxenas. Esta Década busca centrarse na preservación, dinamización e promoción das linguas indíxenas e propias, dado que moitas delas están en perigo de extinción. Todas as persoas temos un papel que desempeñar para garantir que as nosas linguas formen parte do futuro."

Este libro está incluído no catálogo The white ravens 2023, en portugués, ao lado do libro galego A lebre mecánica de Ledicia Costas.

Un libriño disco moi axeitado para os tempos de Nadal, publicado pola Asociación de Gaiteiros Galegos (hai uns anos) baixo o título de Contos para o Nadal. Quiquiriquí. Botando man de cantos recollidos (entre outras por Dorotea Shubert), das voces de múltiples cantantes (Uxía Senlle e Pedreira, Guadi Galego, Mini, Mero ou Tino Vaz e dos múltiples músicos, vaise facendo un percorrido polos cantos de Nadal, as tradicións, a gastronomía... Un produto que hai que ter a man, para estes tempos.  


Un segredo entre as nubes de Victoria García con ilustracións de Nuria Díaz está publicado por Hércules. "Só hai 26 persoas no mundo que coñecen esta historia. Agora, contigo, imos ser 27. O que che vou contar é difícil de crer, pero prométoche que pasou de verdade, vivino eu. Seguramente estarás preguntándote por que decidimos non explicarllo a ninguén. A resposta é moi sinxela: se o contásemos tomaríannos por tolos, así que acordamos gardar o segredo e xamais falar deste tema con ninguén. Ata hoxe..." Agora lelo ti e poderás dicir se o cre ou non.

venres, 16 de febreiro de 2024

Nai e Pai na editorial Algar

 

Pai. Unha sílaba, tantos significados. O orgullo que un sente, o medo a meter a zoca, a dozura que ousa revelar, o amor que demostra a cada momento. Hai moitos tipos de pais diferentes, mais todos ansían o mesmo: que os seus fillos sexan os máis felices do mundo.

Nai. Unha das primeiras palabras do mundo. Un nome único que levan millóns de mulleres. Unha palabra para nomear o amor, a tenrura, o vínculo, quizais a ausencia. Hai tantas nais como criaturas. No entanto, en todos os continentes, unha vez collen o seu bebé no colo, todas as nais se parecen.

Dende diferentes lugares, tipos de pais e nais distintos que se ven reflectidos nas ilustracións pero tamén nunstextos que falan de que os une aos fillos (a cada un deles e a todos en xeral). Libros fermosos que dan que pensar, que fan sentir,  

Hélène Delforge e Quentin Gréban para Algar.

 

martes, 13 de febreiro de 2024

Inventario de bruxas

Inventario de bruxas da avoa Maruxa está escrito por Ramón D. Veiga e ilustrado por Isabel Muñoz. Publicado na colección Meigas de Minicumio.

Preséntase así: "Con case cen anos, a avoa Maruxa tivo tempo abondo para coñecer ananos, xigantes, cíclopes, atlantes e tamén algunha fascinante bruxa: meigas elegantes; outras, arrepiantes; cun humor brillante; con peor talante… mais ao final todas se facían querer.
Entre viaxe e viaxe, fixo un inventario algo estrafalario, mais aqueladiño, das meigas que foi atopando no camiño.
Cando o rematou, vendeullo a un anticuario e, co que que gañou, mudouse a un balneario. Din que alí segue aínda hoxe Maruxa. Non será ela tamén un pouco bruxa?" "
Un excéntrico inventario. Un orixinal texto rimado cunha alta dose de humor"

Entre tanta historia de bruxas un inventario marabilloso, tal como sintetiza a presentación con moito humor, rima e excentricidade. Un inventario canalla no que textos e ilustracións teñen calidade e con eles imos percorrendo ese itinerario dunha ducia de bruxas, unha por mes. Veiga continúa traéndonos esa poesía infantil con algo de escabroso e escatolóxico, con moita orixinalidade e pouco convencional. Seguro que estas bruxas lles encantan á rapazada!

sábado, 10 de febreiro de 2024

Segunda parte dun premio Xuventude Crea de Novela Curta

Na segunda parte do Premio Xuventude Crea de Novela Curta, Cando sangren os lobos, aparece a novela xuvenil Aqueles corpos nosos nos que continuamos as aventuras dos irmáns Fernán e Xandre Malvís, os Garrido, Breogán coa súa nai meiga e a comisaria Ana.

Seguimos cun lobishome bo que quere controlarse e acabar cos malos, cunha compañeira que non o comprende e non quere vivir nun mundo no que o misterioso se faga dono da realidade, dous rapaces namorados, o sacaúntos aparecendo dende a mitoloxía galega do medo, uns paramilitares que teñen como misión acabar cos que non sexan humanos convencionais, e o mal... sempre o mal tratando de xogárnola. 

Compostela como espazo polo que se move todo este grupo de personaxes que van da realidade á ficción e viceversa, enchendo a cidade do sobrenatural, máis alá dun corpo santo e unha tumba. 

Sinopse da presentación editorial: "Todos os actos teñen consecuencias. Fernán e Xandre Malvís buscan recuperar a normalidade nas súas vidas e sandar as cicatrices inflixidas polo enfrontamento cos irmáns Garrido. A cidade, pola contra, non esquecerá con tanta facilidade o conflito entre as dúas familias, e as fauces de Compostela escolleron unha nova vítima. Os Malvís terán que facer uso de todo o seu coñecemento do mundo sobrenatural para resolver a desaparición de Sandra Valverde antes de que o seu corpo se engada á lista de necrolóxicas. Polo camiño farán fronte a unha pregunta que o cambiará todo: ata onde están dispostos a chegar para protexer o que queren? Logo do éxito de «Cando sangren os lobos» (I Premio Xuventude Crea de Novela Curta), Adrián Gómez Ramos regresa á escrita con «Aqueles corpos nosos»."

Estes libros de Adrián Gómez Ramos están publicados na colección Fóra de Xogo de Xerais.