mércores, 23 de outubro de 2019

MVM Homenaxe das Letras


Foron aparecendo os libros que corresponden ás Letras dese ano, os libros que tratan biografía e obra da escritora homenxeada.
Un libro realmente traballado, froito da documentación de todo tipo pero tamén da reflexión profunda arredor desta muller adiantada ao seu tempo, tal como a autora declara. 
Mestura biografía e obra tal e como sucede a vida, mestura a análise histórica e o compromiso que MVM para ofrecernos o  seu  retrato, o da súa obra e o da época que lle tocou vivir.
Demostra a seu compromiso coas causas inxustamente tratadas coma o galego,  os libros e a literatura en xeral, a literatura infantil e xuvenil en particular, a muller e a infancia, o alumnado e a mocidade, unha escola renovadora,... e como a súa rebeldía contra o estado das cousas fan dela unha pioneira e muller imprescindible.   
Un luxo de tratamento!

martes, 22 de outubro de 2019

Unha historia de Jack Mircala

Jack Mircala, ilustrador pero tamén facedor de historias. 
Jack Mircala, o creador que esconde o seu propio nome (Fernando Gómez) para utilizar o de Jack como homenaxe ao protagonista da película "Pesadelo antes de Nadal" (Jack Skeleton) e Mircala por unha vampira que aparece nun dos relatos do escritor irlandés Joseph Sheridan.
As súas obras son inconfundibles: constrúe con cartolinas de cores as personaxes e decorados que posteriormente fotografará, sempre cunha estética gótica ambientada no século XIX.  
Neste caso, Pánico no Bosque dos Corazóns Murchos (O romance arrepiante de Fastío e Bladís) estamos ante unha obra especial na que as follas con case de cartón recollendo as gardas interiores que reproducen parte do decorado e unha historia que se conta acompañada de imaxes en cada par de páxinas, todas elas en branco e negro. Agora, imaxinemos o Bosque dos Corazóns Murchos cheo de criaturas pánicas que podían ser espantos, tormentos, agonías ou medos todos eles formados polos soños perdidos nos que se chantaba unha espiña dunha matogueira deforme. Estes seres grotescos e aberrantes non poden durmir, de noite ouveaban no bosque e de día baixan á cidade de Malvadía a asustar aos veciños aguilloados polos acordes de violín do seu líder Fastío. A partir de aí, buscando algo de descanso darán cunha moza, xurdirá o amor e todo cambiará... 
Cando pechedes o libro entenderedes a razón pola que ás veces espertades algo asustados no medio da noite.   
Unha hsitoria traducida por Maruxa Zaera e publicada por Bululú.

mércores, 16 de outubro de 2019

Cando se acerca o tempo do Samaín: libros para ti e para minn











Ídesme permitir unha publicidade, un recoller a imaxe sen máis para poder mostrar diferentes libros que tratan este tempo desde diferentes puntos de vista e sempre dende o galego.
Grazas e ogallá sigamos celebrando o samaín, aínda que andemos nadando no plurilingüísmo, entre conversadores estranxeiros (que estarán encantados de estudar a nosa tradición, se son cultos) e estrañas asociacións que minten ata nos estatutos.
Non foi posible, negouse o servidor, así que me tocará ir listando os títulos:
Os esqueletos divertidos
O gatipedro
Coraline
A meiga Chuchona
Operación Frankenstein
Mortiña e Mortiña. Un curmán repugnante
Aurelio
Pánico no bosque dos corazóns murchos
Mitos e lendas da Galicia máxica
Corre, corre, cabaciña
O noso samaín 
O samaín
Indo para o samaín
Violeta quere ser vampiro
Esmeraldina, a pequena defunta
Seis barbudos  
A min non me comas
A bruxa regañadentes
Que susto!
A fugueira de pelostortos
O ano que os pitos perderon a cabeza
A visita dos domingos
A casa da miña avoa
Teño medo!
Hop Frog
As manoplas de Carapuchiña
Verlioka
O aprendiz do home do saco
... 

venres, 11 de outubro de 2019

Libros de teatro. Premiados

 
A Biblioteca Dramática Galega conta un novo título: O valo de Carlos Labraña, ganador do IX Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil 2016.
Cunhas ilustracións de Nuria Díaz que buscan a sinxeleza para mostrar o fundamental da historia, as expresións que nos falan da evolución do pessonaxe principal e dun espazo "mínimal" como corresponde ao deserto.
Alí, no deserto atópanse un soldado que andaba a poñer un valor por orde superior, para separar un país doutro para crear fronteiras e unha moza que fuxe da guerra e a fame. As conversas entre eles e as miradas ao ceo na noite, a comida compartida e o teito provocarán un cambio necesario.
Unha historia que lembra o Valados de Agustín Fernández Paz, onde tamén unha nena e un neno se empeñan nun ímprobo traballo... pero igual teñen que ser eles, os que ven en coiro ao emperador os que comecen a tirar valos e dicir verdades.
Sahara, a rosa do deserto e o Soldadiño de chumbo han ser personaxes  lembrar. 

xoves, 10 de outubro de 2019

Unha novela de adultos dunha autora de LIX

Tardei en lela. Había algo escuro nesa colección de contos, Un animal chamado néboa, que xa partía do título; algo desacougante. Xa o fora Recinto gris aínda nunha colección xuvenil. Mundos dunha dureza diamantina nos que resulta difícil ver saída.
Se algo caracteriza a literatura para a infancia e a mocidade é a esperanza. Cando se traballa con persoas que non teñen demasiada experiencia hai que manter a esperanza non só porque aínda todo é posible, senón, e sobre todo,  porque hai que entregarlla cada día e aínda nas peores circunstancias para que aprendan que o que hoxe é negro mañá pode ter outra cor. Ledicia Costas sábeo. A autora asume outro destinatario cando quere mostrar a crueldade máis absoluta e semella descargar nestes relatos o veleno máis mortífero e letal. Escolle unha época, a II Guerra Mundial e "a condición humana en situacións límites". 
Leningrado sitiado pola fame coa imaxe dos antropófagos buscando alimento. A derradeira criatura que nace e morre deseguida xunto ao pai co que debeu repartir o leite materno. A vida nos campos de concentración, as torturas que conducen á morte producindo a maior dor, a falta de todo tipo de escrúpulo ou sentimento, o sadismo ata límites insospeitados. Hai relatos onde a autora nos quere dar un respiro como o que relata o encontro entre unha xaponesa descendente dun supervivente da radioactividade e o fillo do que comandaba o avión soltou a bomba atómica, recolle o nome Hope da esperanza e unha chiscadela á fábrica de chocolate de Dahl, ou aquel outro no que a xustiza actúa contra un torturador e podemos albiscar un final feliz. Pero son os menos, pero é unha luz moi débil no medio da noite escura, porque os xuízos aos nazis deixan portas abertas, porque non son só os nazis e fascistas os que nos fan desconfiar do xénero humano, os norteamericanos tampouco fan xustiza cos seus e a historia do capitán que conduce a bomba sen saber o que leva e que será conducido con toda a súa tripulación á morte remiten, de novo, á vergonza de ser humanos.
Alguén me comentou que non o puidera ler. Entendino, tan ben escrito, tan ben descrito o horror... e sen escapatoria.  

mércores, 9 de outubro de 2019

Pioneiras, un libro imprescindible

Agora que están a aparecer biografías sobre mulleres galegas, bravas e notables, atopámonos con estas
Pioneiras galegas que abriron camiño de Anaír Rodríguez, con ilustracións de Nuria Díaz
Non é moda, é responder ás demandas das persoas mediadoras que levaban tempo pedindo cubrir este oco, tan necesario para que as rapazas teñan espellos onde mirarse e modelos aos que tender, pois sempre hai retos que quedan por salvar.
Así que antes de nada agradecer o esforzo que varias editoriais están a facer, desde Urco a Lela e Xerais.
As pioneiras preséntansenos:
Exeria, a primeira escritora e viaxeira que no século IV vai de Galicia a Oriente Medio e nolo conta.
Isabel Barreto, almiranta no mar e gobernadora en terra, en leno século XVI.
Isabel Zendal, a primeira enfermeira en misión internacional, popularizada en Os nenos da varíola.
Sofía Casanova, a primeira correspondente de guerra que informa da revolución rusa e as dúas guerras mundiais.
Marcela e Elisa que protagonizan a primeira voda entre mulleres, empeñadas en oficializar o seu amor.
Irene González, a primeira futbolista nun equipo masculino a principios do século pasado
Áurea Rodríguez, a primeira gaiteira que crea cos seus irmáns o grupo Os Maravillas.
Mª Luz Morales, a primeira directora dun xornal en plena guerra.
Olimpia Valencia , a primeira muller galega que presenta unha tese doutoral.
Celia Rivas, a primeira condutora de camións, levando o peixe desde Fisterra ata diferentes cidades.
Ángeles Alvariño, a primeira científica nun buque de investigación internacional.
PIONEIRAS!!!!!!