martes, 11 de xuño de 2024

Un novo libro da colección Tucán de Edebé

A lectora de mentes de César Mallorquí con ilustracións de Sergio García, traducido por Isabel Soto, está publicado na colección Tucán de Edebé.

Da presentación editorial: "Olivia tiña catro anos cando leu por vez primeira a mente da súa nai. A partir dese momento, o poder de Olivia foi medrando aos poucos. Daquela, a cativa descubriu algo: a mente de cada persoa ten un «olor», ou un «sabor», ou un «son», ou un «tacto» distintos. Con todo, nunca topou nada tan horrible e noxento coma cando, algúns anos despois, captou a mente do monstro."

Cando revisamos a biografía de César Mallorquí atopamos perlas como esta, é fillo do autor de El Coyote,publica o seu primeiro relato con 15 anos e con 17 faise colaborador de La Codorniz. Conta con máis de corenta libros e de trinta premios.

Hai que ler o libro para ir meténdose nesa mente que vai lendo as dos outros ata case tolear co ruído cando está ante unha multitude, observar como pode superar ese problema grazas á súa alma xemelga e como xuntos han de enfrontarse ao horror de horrores: outro lector de mentes da peor calaña ao que non se lle pode ler a súa... como farán para librarse del, quen acudirá na súa axuda? Porque ás veces, os seres que semellan máis indefensos son os que gardan as forzas máis grandes, os que poden salvar asituación por difícil que sexa.

domingo, 9 de xuño de 2024

Unha novela que trata as emocións

Burbullas de calma serena de Andrea Maceiras e ilustrado por Irene Sanjuán está publicado por Cuarto de inverno.

Así se presenta na páxina da autora: "Burbullas de calma serena fala de Casiopea, unha gata doméstica, pouco afeita ás aventuras. Non pode imaxinar que será a primeira gata de Agarimo en ver un alien, tampouco que o acollerá na súa casa nin o desastre que se vai formar. Do outro lado da rúa, Alma vive con ansiedade a chegada dos seus tres terribles curmáns. Noa está sempre enfadada, Luc non para de chorar e Nico só cala e observa. Así é imposible concentrarse nos deberes de matemáticas!  Malia todo, Agarimo non é un lugar tan tranquilo como parece… E un alien capaz de fundir todas as luces da urbanización cando perde os nervios non é un segredo fácil de agochar. Se cadra, no planeta Sosego teñen razón e a calma é a solución perfecta. O problema é que, ás veces, as emocións estouran coma burbullas."

As ilustracións non defraudan, conseguen levar ao lectorado nesa viaxe por Agarimo acompañando aos personaxes por unha historia que arraigan no posible dentro do xénero infantil. Extraterrestre que pode converterse no que lle gusta, casa de astrónomos que están fóra e na que a nena veciña coida do gato, os primos que veñen para darlle a volta ao mundo tranquilo e amoroso de Alma... con ese cóctel asistimos ao mundo visto dende a mirada dunha gata que adopta a un extraterrestre; este vailles mostrar a forma de poder controlar as emocións, si farao despois de ter fuxido do seu planeta por non aguantar tanto sosego.

sábado, 8 de xuño de 2024

Obras traducidas (I) Banda deseñada: unha aventura de Ideafix o can irredutible.

Ideafix e os irredutibles en loita contra os romanos de R. Goscinny e A Uderzo con textos de M. Choquet - Y Coulon - J. Erbin e debuxos de J. Bastide - P. Fenech, traducido por Isabel Soto, Xavier Senín e Alejandro Tobar. Publicado por Xerais.

Da presentación editorial: "Ideafix, o fiel compañeiro de Obélix, protagoniza agora unha nova colección de cómics baseados na primeira serie de animación para televisión derivada do universo Astérix. Nela descubriremos a historia de Ideafix e a súa banda de irredutibles antes de que o carismático cadeliño coñeza os famosos heroes galos. Nas páxinas deste libro, Ideafix e os seus amigos (cans, gatos e mesmo aves) loitan sen cuartel contra o invasor romano, que trata de romanizar a Lutecia antiga, e establécese así un paralelismo co que ocorre nos famosos álbums creados por Goscinny e Uderzo."

Realmente chama a atención o traballo profesional de guionistas e ilustradores que funcionan a modo de equipo de guionistas de serie de televisión dando vida e continuidade á creación dun imaxinario que seguimos recoñecendo.

mércores, 5 de xuño de 2024

A última obra de Ledicia Costas, un álbum

Sete dentes de león de Ledicia Costas e David Sierra é un álbum publicado por Xerais.

Da presentación editorial: "Esta historia sucedeu cando o mundo era gris. A vella tivo sete soños durante sete noites e naceron sete dentes de león que acenderon o mundo."

Un novo mito da creación do mundo, a aparición das cores e a explicación do nome do arco da vella.  Plantas que nacen de soños e soños que provocan nacementos. Nubes que podes pescarse e gardarse.

Un libro para ler e ver, para mirar paseniño e paseniño, observando cada imaxe e cada detalle. Unhas ilustracións que poden lembrar as de artistas do Leste dunha determinada época e que colocan a historia nun mundo propio

luns, 3 de xuño de 2024

Un novo título con premio de Carlos Labraña

Carlos Labraña como moi ben explica Montse Presas escribe un teatro infantil que non só non lle fuxe á problemática actual senón que se apoia nela. Ese punto de compromiso coas dificultades que, tamén a rapazada, percibe achégalle unha dose moi importante de especificidade.

Se en Moito Morro, Corporation falaba da situación ante os bancos, en O valo faino ante unha guerra que semella non ter fin, en Mambrú volveu da guerra intérnase na memoria histórica e en Ícaras nos desafiuzamentos.

Ícaras ilustrado por Lara Méndez (de xeito moi pero que moi correcto representando eses dous personaxes femininos de maneira sinxela pero con moito acerto) é o último libro, preséntase así: "Lía garda un segredo, a súa nai fíxolle unhas ás con plumas de cores, pero non lle ensinou a voar. Ana, unha estudante universitaria que traballa na hamburguesaría do barrio, nin sequera ten ás. Nun anoitecer, vanse cruzar os seus camiños e descubrirán que hai máis cousas que as achegan, que aquelas que as separan. Indo xuntas, serán capaces de voar?" Esta obra acadou o premio O Facho de teatro infantil 2022.

Unha historia lírica para envolver a crueza dunha situación á que non debería verse sometida a infancia. Un final aberto que permite a esperanza ou a desesperación máis absoluta. Un acerto esas ás, esa acción de voar como un acto de liberdade ou de abatemento total, esa mirada á casa que foi fogar e na que agora vive outra familia...

Os seres humanos, de un en un, fronte ao que comercia coa vida, as grandes cadeas que non perdoan.

sábado, 1 de xuño de 2024

Na colección Lemos +6

Dous novos títulos: O rei Medorento de Susana Peix e Héctor Borlasca (o medo á escuridade fai que o monarca non deixe durmir aos súbditos que han de traballar pola noite e manter todas as luces prendidas para espantar os fantasmas, polo día van andar todos medio durmidos así que o rei ha de buscar unha solución que lle dá unha meiguiña que resolve o problemón) e O mellor gato da vila ("A Calcetíns encántanlle os ratos, pero non para comelos. Gústalle brincar con eles. Agarda a que saian do seu agocho e perségueos pola casa. Mais iso non é o que espera a súa dona del. Calcetíns terá que demostrar que é o mellor gato da vila para seguir vivindo na casa. Será quen de conseguilo?") da mesma autora e Brenda Figueroa en Cumio.

Da presentación editorial:"Ao rei Fear dáballe medo a escuridade. Tiña tanto medo que se encerraba na súa alcoba cada noite para non ver como o sol desaparecía no horizonte. Necesitaba atopar unha solución ao seu problema. No palacio ninguén durmía pola noite, así que decidiu buscar o sabio máis sabio do reino..."

Características pensadas e deseñadas desde a súa orixe facilitar a lectura a toda a rapazada

Lemos +6 é unha colección creada para fomentar e gozar da lectura por pracer, a través de historias frescas que teñen un transfondo cheo de valores: solidariedade, amizade, honestidade, perseveranza… Valores, que aparecerán de maneira transversal e normalizadora nuns libros que presentan todas as características de accesibilidade á lectura no que respecta ao formato, a tipografía, disposición do texto, contraste de cor e ilustracións. Características pensadas e deseñadas desde a súa orixe para facilitar o acceso á lectura a todos os nenos e a todas as nenas."

xoves, 30 de maio de 2024

Eric Carle e Amigos


 Amigos de Eric Carle é un álbum ilustrado, traducido por Iago Nicolás, publicado por Kalandraka.

Preséntase así. "Un álbum conmovedor que transmite profundas emocións e sentimentos sobre o valor da amizade, que supera ausencias e obstáculos." Porue un neno e unha nena eran amigos, dos de verdade, facían todo xuntos (xogaban, corrían, bailaban, contñabanse segredos...) pero un dia a nena marchou e o neno botábaa tanto de menos que cruzou un río, subiu unha montaña, atravesou un prado... ata  olleu un ramo de flores e atopou a aiga para darllas e volver xogar xuntos. O autor conta que escribiu ese libro acordándose dunha amiga que tiña de pequeno e á que nunca volveu ver

Deste autor tamén é Unha eiruga moi larpeira xa publicada nesta editorial en 2005, con tradución de Pilar Martínez e Chema Heras ou A araña moi ocupada  e Da cabeza aos pés e as ilustracións de Oso pardo, oso pardo, que ves aquí? todos eles con tradución de por Iago Nicolás.