sábado, 5 de xullo de 2025

Un libro máis sobre as Letras


Pandeireteiras de Nerea Gómez, Xosé Manuel e Icía Varela publicado por edicións Embora.

Da presentación editorial: "Pandeireteiras convídanos a un percorrido esencial pola traxectoria biográfica e artística das cantareiras que protagonizan as Letras Galegas de 2025. Representantes contemporáneas daquelas mulleres que inspiraran a Rosalía de Castro á hora de escribir Cantares gallegos, obra fundacional do Rexurdimento literario galego no século XIX. Mulleres que nos albores do último cuarto do século XX marcaron novos camiños para a música popular galega. Voces cuxo legado está moi vivo aínda nos espectáculos de artistas e agrupacións do século XXI." 

Unha fermosas gardas cos debuxos dos panos cas cantareiras. Unha ilustracións case esquemáticas que buscan o pop e o deseño, unhas cores que van do negro ao marrón con algo de branco, verde, vermello, laranxa...

Comeza explicando os comezos das Letras Galegas, Rosalía e a decisión das Letras 2025 para despois centrarse en cada grupo de cantareiras: Adolfina e Rosa, a súa vida, as súas pezas (con algunha das súas letras ao completo), outros músicos cos que se relacionan non faltan as referencias a Dorothé Shubarth e Antón Santamarina. O libro recolle os datos biográficos de cada unha delas, como foi a súa relacións coa música, os lugares nos que actuaron, o que caracterizaba o seu repertorio... Un libro imprescindible nas Letras do 2025.

xoves, 3 de xullo de 2025

A viaxe de Abril

 


A viaxe de Abril de Annamaria Piccione, Luis AmavistaFrancesc Rovira aparece publicado por NubeOcho.

Así se presenta: "Este álbum ilustrado explica aos máis pequenos o drama dos refuxiados. Porque as nenos e os nenos refuxiados tamén existen, e este volume dálles visibilidade. Ademáis, A viaxe de Abril publícase en colaboración con Amnistía Internacional e, por cada libro vendido, doarase un euro á loita polos dereitos das persoas migrantes de refuxiadas". "Abril debe abandonar as ruínas e a soidade que deixou a guerra e buscar un novo fogar. Só leva a súa mochila chea de recordos. Tras camiñar baixo a chuvia e a neve, encóntrase con outro neno, Xulio. Xuntos escalan montañas e dormen en casas abandonadas, ata que chegan ao mar. Sen renderse, emprenden unha nova e arriscada viaxe na busca dunha oportunidade. Un álbum para falar dunha realidade, por desgraza, demasiado común: como as guerras obrigan a nenas e nenos, que quedaron sós, a abandonar os seus fogares e viaxar cara ao descoñecido."

A nena Abril está no medio dos cascallos coa mochila de lembranzas e o coello de peluche, Xulio tamén está có coa mochila de recordos e o seu osiño de peluche. Xa son dous e camiñan xuntos... Quen escribe quere que teñan compañía, que a soedade non se os cubra coma unha noite negra. Non se renden ante nada e cando aparece o mar fan unha balsa. O mar pode engulilos pero aparece un bauquiño no horizonte. Todo é tan vulnerable que o barco é de papel (porque así son os que prestan axuda aos refuxiados), é tan livián que acaba voando e lévaos a un lugar onde alguén os acolle e poden durmir soñando un mundo en paz. O ilustrador é magnífico, e fai que as palabras case desaparezan de tan innecesarias, ese barco que se vai transformando en avión (todo de papel) e que os salva, aparece detrás da muller que os mantén abrazados, un a cada lado), ese mesmo barco está na colcha que os cubre de noite no novo fogar, nunha colcha azul o barquiño branco navegando; aí continúan os peluches na cama, un balón e un libro no cuarto (coidando de que a imaxe non sexa estereotipada), non se ven as mochilas que foron almofadas nas noites da viaxe. Reconforte ver a esperanza na obca deses nenos: "Imos buscar unha casa nova" dille Abril a Coco (o seu coello de peluche), non nos renderemos di ela fronte ao mar e Xulio engade"construiremos unha balsa".  Nese xogo simbólico, o ilustrador coloca un balón e un libro na última imaxe igual que estaban na primeira, no medio da desolación, tal vez para dicirnos que todo pode acabar en calquera momento, e tamén, que é posible recomezar. 

martes, 1 de xullo de 2025

De lectura fácil, de libros con pictogramas, de BATA e Kalandraka

Nicolás vai á biblioteca é un libro de lectura fácil, de libros con pictogramas, de BATA e Kalandraka. Así se presenta: "A biblioteca facilita o acceso a moitos servizos relacionados coa lectura e o coñecemento. Nunha inclusiva non deberían existir barreiras físicas nin de comunicación. Coa axuda dos pictogramas, Nicolás goza “día a día” de moitas actividades."

As ilustracións son de Alicia Suárez e nelas van aparecendo informacións que non achega o texto coma ese dragón mascota da biblioteca sempre presente, todos os mundos que traen dentro os libros, os libros que le Nicolás coma O galo Quirico ou A ratiña presumida (libros de sempre e para sempre), as diferentes seccións da biblioteca, entre a que destaca a dos dinosaurios. 

Libros de lectura fácil, libros con pictogramas, libros para a inclusión! 

domingo, 29 de xuño de 2025

O campionato de wáter - polo do río Mara


O campionato de wáter - polo do río Mara de Agustín Agra está ilustrado por Fon e publicado por Aira editora.

Así se anuncia: "Cada ano, o equipo dos crocodilos gaña o campionato de wáter-polo do río Mara. Nin rinocerontes nin flamengos nin ñus poden con eles. Mais desta volta un equipo de rapazas e rapaces está a piques de dar a sorpresa.  Un conto cheo de suspense e humor que nunca cansarás de ler e reler."

Se buscas información sobre o río Mara atopas que "A gran migración é un fenómeno natural que se produce entre Masai Mara en Quenia e Serengeti en Tanzania de forma cíclica cada ano. Miles de ñus, cebras, algúns antílopes e carroñeros, móvense entre os dous parques buscando pasto fresco. Ver a gran migración é un dos acontecementos máis singulares e impresionantes que se poden contemplar especialmente se a vemos cruzar o río Mara".  

Un pai tenta que o seu fillo coma pero o rapaz está instalado no NON!, e o pai vaille contando a historia dese campionato no que os crocodilos son imbatibles, nin ñus con cornamenta nin flamengos con zancas, nin xirafas nin antílopes, rinocerontes, leóns ou cebras, non perden cos crocodilos os que non xogan coma os elefantes, os chimpancés que venden golosinas nos encontros ou os gorilas que se ocupan da seguridade, pero hai un novo equipo que leva as de ganar, o dos humanos, iso sempre que o repelente de réptiles dure o suficiente,que pasará? iso é o que pregunta a criatura que deixamos na primeira páxina sen apetito. As ilustracións engaden información a ese partido que vai máis alá dun acontecemento deportivo enchendo de humor e terror as planas.  

Unha historia dentro doutra, unha realidade contada nun xogo. Un libro que conta coa intelixencia do lectorado.

xoves, 26 de xuño de 2025

VI Premio de Banda Deseñada O Garaxe Hermético


Noa e a cidade sen maxia de Angie Roa acadou o VI Premio de Banda Deseñada O Garaxe Hermético. Así se presenta: "Noa é unha nena que medra escoitando relatos sobre unha cruel batalla librada por culpa da maxia, da que todo o mundo renega. A rapaza non imaxina, ata que lle é desvelado, que ela provén dunha liñaxe de grandes magos e que chegou o momento de que coñeza os seus poderes e a verdadeira orixe do que semellaban ser só lendas. Un cómic infantil de aventura e fantasía. Unha viaxe ás orixes para recuperar a maxia."

Este premio axuda a encher ese baleiro do que se falaba hai algún tempo a respecto da banda deseñada destinada a infancia. Creada pensada nos pequenos e pequenas lectoras, neste caso, unha protagonista nena enfróntase a un mundo sen maxia na actualidade, despois dunha perda moi forte a causa dela. Unha alcaldesa ditatorial, esa nena que carga coa historia dun pai desaparecido por causa da maxia (dise), unha nai moi temerosa, unha poboación que semella non querer saber nada diso e a pequena disposta a  saber e resolver. Un agasallo (con sombreiro de maga e libro) será o apoio que leva buscando dende hai tempo. Ela vai ser esa maga agardada: a gran maga, descendente do gran mago.  Na trama unha avoa que era mala por dor pero cando esa causa desaparece transfórmase e apoiará a maxia cunha escola. A creación dunha mascota que vai ser algo máis que o ser co que comparte afectos e ese final no que ela fai unha declaración moi a ter en conta: "A nosa misión é axudar a xente a non ter medo do seu poder e a empregalo para o ben. É posible que non todos pensen igual. Pero alguén ten que dar o paso. ..Non podes cambiar o mundo sen afrontar riscos."

Protagonismo infantil e muller. Disposición para a acción. Altruísmo: sacrificio para o común. Mestura de animais personalizados e humanos. Debuxo moi claro. Cores amables... 

mércores, 25 de xuño de 2025

Unha novela xuvenil


Queridas pantasmas de Alba de Evan está publicada na colección Fóra de Xogo de Xerais.

Da presentación editorial: "Amelia múdase a unha nova vila fuxindo do seu pasado, mais... podemos escapar do que axexa no noso maxín? Entre as paredes do seu novo fogar descobre que a amizade pode transcender a morte, e que, como pasa con todo o importante, as rosas non son tan doadas de coidar como parece." 

Uns capítulos curtos con títulos moi interesantes introdúcennos nunha historia que de vez en cando nos confunde como falar dunha aldea que é concello e ten un CPI. A presenza da música, toda en inglés. Unha carga que trae a moza protagonista dende a vila da que vén e que se nos explica moi avanzada a novela o que lle confire un certo misterio, unha relación coa pantasma que vive na casa á que se mudan e que nos trae unha relación homosexual en tempos difíciles e unha evolución cara a madurez, a súa relación cun mozo que nos sitúa nunha panda de rapaces machistas que semella ben refletida, os enfados coas amigas que case sempre resultan inxustos ou pouco coherentes, un final ao que lle resulta difícil poñer a palabra fin... Accidente, valentía ou cobardía, psicóloga, o coidado das rosas, os malentendidos nas relacións persoais. As pantasmas que nos acompañan e nos condenan a castigarnos ou aquelas outras que nos acomapañan e nos apoian. 

luns, 23 de xuño de 2025

Poesía irreverente


Os nenos porcalláns de Nacho Rubio está ilustrado por Marc Taeger e publicado por Pepa a Loba editora na colección Estrofalaria. Así presentan esta editorial dende Un punto curioso: "Hai ben pouco descubrimos Pepa A Loba Editora, unha editorial independente de literatura ilustrada dende o corazón das Rías Baixas para o mundo enteiro. Fascinounos descubrir que detrás do selo comercial hai persoas que conectan con outras persoas para dar a coñecer as historias que publican e compartir os seus proxectos cun ton cercano, que tanto se agradece. Non en balde, ata o nome da editorial está escollido con mimo, xa que fai alusión á historia de Pepa a Loba, unha figura mítica de Galicia, unha lendaria bandoleira galega de finais do século XIX, que segundo a lenda conseguiu a súa fama asaltando camiños e roubando aos caciques e aos curas, actuando como unha Robin Hood feminina. Para eles, os editores, Pepa a Loba é esa figura imaxinaria que asalta nos camiños aos nenos e nenas para ofrecerlles lecturas que os acompañen para sempre no viaxe das súas vidas."

Así o definen:   

Un poemario irreverente
sobre as marranadas diarias
dun grupo de personaxes entrañables.  

Rimas, escatoloxía, grandes ilustracións no estilo propio do artista, pastas duras e gardas acaídasao gusto polo debuxo infantil... Trátase de ler textos e imaxes, de resistir a repulsión (se é que se produce) e divertirse con estes nenos que confesan os seus gustos segredos. Aoi longo do libro imos percorrendo as partes do corpo e as substancias que producen comezando polo proceso dalimpeza en "Desde que son pequerrecho", No cueiro de Agapito, As unllas de Fermín, As orellas de Orlando, O peido de Pedro, As lagañas de Laureana, A melena de Malena, As caries de Carina, A caspa de Gaspar, Os mocos de Macarena, As espiñas de Ermelinda, As felgmas de Filomena, Os zapatos de Gustavo, Os eructos de Érica, A nena das paellas, O ennodosxeados e A festa dos anos á que asisten todos os nenos porcalláns cos seus agasallos marráns.

Despois da Violeta Parapluie (e outra xente pouco corrente), un  poemario que lle dá a man, con porcalladas a esgalla.