venres, 3 de xaneiro de 2025

Unha de detectives e misterio

A maldición do papiro alexandrino de Beatriz García Turnes está publicado na colección Forá de Xogo de Xerais.

Da presentación editorial: "Nadal de 1918. Ao finalizar a Gran Guerra, Atenea Donadieu regresa a Francia para iniciar os seus estudos universitarios. Axiña, a súa intelixencia e os seus coñecementos chaman a atención na Facultade e levan a súa compañeira Olga Aleksandrova a facerlle unha encarga moi especial: debe axudarlle a recuperar un antigo papiro roubado. Deste xeito, Atenea non só lle fará un gran favor á súa nova amiga, senón que evitará o cumprimento da maldición que ameaza o novo dono do manuscrito."

Unha historia que bebe no misterio e a maldición que semella cumprirse, unha época complicada con crise incluso nos países vencedores, a volta das colonias á metrópoli, unha familia na que mortra a nai viaxa co pai polo mundo na busca de tesouros arqueolóxicos, a entrada na universidade cando eran moi poucas as mulleres que o facían, a aristocracia rusa fuxida en Francia, a recomendación de que como muller non debe destacar pola súa sabiduría ou non vai haber ingún home que queira compartir o futuro con ela, unha oza proactiva e disposta a enfrontar calqueraproblema ou dificultade como a dúbida que a ataca a respecto do traballo de seu pai... de todo isto hai e tamén un final que pode sorprendernos porque, que fai o teatro no medio dunha historia detectivesca? 

Personaxes históricos como Alexandre o Magno e obras clásicas como A Iliada  achegan riqueza ao texto.

mércores, 1 de xaneiro de 2025

De parrulos

Un parruliño sen sorte de Gemma Merino aparece publicado por Picarona, traducido por Silvia Obelleiro.

Un parruliño sen sorte, que despois de varios accidentes decide buscar a Moucho Sabio para que o aconselle. Fai o camiño preguntando por el, vai atopando ao raposo (que, á súa vez lle encarga que lle pregunte ao Moucho polo ruído que fai a súa barriga), ao árbore (que, á súa vez lle encarga que lle pregunte ao Moucho a razón pola que esta primavera non lle apareceron as follas), ao cisne no lago (que, á súa vez lle encarga que lle pregunte ao Moucho por que está tan triste). Cando atopa ao Moucho, este contéstalle que se volve polo mesmo camiño atopará a boa sorte porque o cisne precisa un amigo, porque debaixo da árbore hai un tesouro e que o raposo debe comer porque ten fame, pero o parruliño segue con présa e non queda a xogar co cisne, nin a desenterrar o tesouro... menos mal que cando o raposo o vai comer lle ensina o tesouro e fuxe. A sorte sempre estivera ao seu lado, pero hai seres empeñados en non vela. 

Contos que ensinan.