sábado, 3 de maio de 2025

Brunilda e Brunildo de Ánxela Gracián


Brunilda e Brunildo de Ánxela Gracián, ilustrado por Jessica Mera está publicado por Edicións Fervenza.

Preséntase así: "Álbum ilustrado a toda cor e en tapa dura, no que os lectores descubrirán a importancia da adaptación, respecto e tolerancia." 

Unha ra que ha de viaxar con súa nai a outra lagoa porque aquela na que vivían secou pola sede do sol. Bota de menos o bosque, a escola, os seus compañeiros e comoañeiras e, sobre todo a Bru, o seu mellor amigo. Como unha ladaíña sentimos a súa queixa detrás dunha expresión triste, unha e outra vez. O proceso de adaptación é difícil. Por moito que aanima a nai a buscar novas amizades na escola ou nos arredores da lagoa, nada lle resulta apetecible. Ela busca alguén que queira acomapañala a escoitar o canto dos paxaros, como facía Bru. Vai á fervenza e fala coas ras pero non consegue convencelas. Máis alá do muro alto que pecha a lagoa un día escoita un ruído, pregunta quen é e a resposta é Brunildo, falan e caen na conta de que coinciden en moitas cousas: case se chaman igual, en que lles gusta saltar, cales son os momentos do día preferidos, o que botan en falta... tamén se acaba de mudar. Son almas xemelgas e deciden coñecerse, como se recoñecerán cando se atopan no mesmo lado do muro? os dous son verdes e teñen as patas moi longos, candose atopan levan unha sorpresa, descobren que non son iguais pero poden seguir compartindo os seus gustos: o paseo e a escoita do canto dos paxaros.

O libro está dedicado aos seus fillos que tamén deixaron atrás un lugar para vir vivir a outro coa carga da saudade e a necesidade de adaptación. Un libro auténtico, sentido e que pode servir de desculpa para tratar estes procesos de cambio, porque a rapazada múdase por razóns poderosas, non porque queiran facelo e han de atopar as redes de afecto que as unan aos novos lugares e amizades, á nova familia e á escola. O que atopan nunca é o mesmo, pero tamén é válido e co tempo descubrirán que foi a mellor opción que había nese momento.  A rabia ante o afastamento, o que senten como inxustiza pola perda do que era familiar, transformarase no pracer de atopar almas xemelgas vaian onde vaian, porque os seres vivos temos moito en común e, sobre todo, a capacidade de adaptarnos a novas situacións.

domingo, 27 de abril de 2025

Unha serie en BD

Dila crocodila 2. Son xenial de Ana Gómez Hernández está publicado en Triqueta Verde na colección "Aprendendo a ler co meu primeiro cómic".

Todo escrito con letras maiúsculas. Presenta os protagonistas (Dila a cocodila, Mapi o gato, Miñoca, Ovella e Ovella) co que lles gusta e o que non. O gato é moi positivo, a miñoca anda de malhumor e as ovellas son pasotas, todo lles dá o mesmo e semella que non se enteiran moito de case nada.

Da presentación editorial: "Dila vive xunto aos seus amigos Mapi, Miñoca e as Ovellas en Brañavella, un lugar minúsculo onde teñen lugar aventuras MAIÚSCULAS. En SON XENIAL!, Dila e os seus amigos aprenderán que todos podemos ter un talento, aquilo que se nos dá ben facer e co que se nos pasa o tempo voando. En cada libro, atoparán situacións que se parecen moito ás que se poden atopar no patio dun colexio: amizade, rifas, xogos e trampas, xestión da frustración, descubrir os propios.talentos..."

Dila crocodila 1. Espremer os miolos.  Da presentación editorial: "Dila vive xunto aos seus amigos Mapi, Miñoca e as Ovellas en Brañavella, un lugar minúsculo onde teñen lugar aventuras MAIÚSCULAS. En ESPREMER OS MIOLOS (volumen 1), Drila e os seus amigos aprenderán que, para resolver calquera problema, o mellor é pararse a pensar (espremer os miolos) e atopar a mellor solución. E tamén que, pensando en equipo, sempre saen as cousas mellor!"

venres, 25 de abril de 2025

A nena do pixama estrelado

A nena do pixama estrelado de Eduardo Santiago está ilustrado por Eli García e publicado por Xerais na colección Merlín e no tramo de máis de once anos. 

Da presentación editorial: "Unha historia de superación sobre as mudanzas familiares e a axuda da amizade, a imaxinación e o amor." Da sinopse: "Cando espertou, a nena do pixama estrelado decatouse de que non podía mover as pernas. Calquera outra, na súa situación, asustaríase, mais a nena do pixama estrelado non se asustou, non gritou, non se puxo nerviosa, non chorou. Só pensou en cal podía ser o motivo de que as súas pernas non se movesen. No seu décimo aniversario regaláranlle cousas moi valiosas economicamente e tamén un pixama azul poboado de estrelas. Por algunha misteriosa razón, aquel pixama foi o agasallo que máis ilusión lle fixo e, talvez, un dos motivos polos que agora non poida mover as pernas. Hai outros motivos, claro que si, e a nena do pixama estrelado está disposta a descubrilos todos." 

Xa sei, o primeiro no que pensamos é no neno con pixama de raias, ese pixama que podía parecerse ao uniforma que colocaban aos presos nos campos de concentración nazis. Pero non, un pixama de estrelas é algo do que non quere desfacerse a nena, el é coma un amuleto, un obxecto marabilloso que ten o significado do agasallo que os pais lle fixeron no derradeiro aniversario no que estaban xuntos e ela compartíaos na mesma casa. As cousas cambiaron. Certo e resulta difícil adaptarse, a quen non? Esta é unha dificultade á que teñen que enfrontarse os fillos nestas xeracións e o fan con todo a súa capacidade de adaptación, pero ás veces algo falla.

"Cando espertou, o dinosaurio aínda estaba ali" escribiu Monterroso nese microrrelato que é a síntese do xénero. Neste caso "Cando espertou, aquela mañá, a nena do pixama estrelado decatouse de que non podía mover as pernas". Aínda podía ser peor, como lle pasou ao personaxe de Kafka que  "Cando Gregorio Smasa espertou unha noite dun sono intranquilo, encontrouse na súa cama convertido nun monstruoso insecto"  A nosa nena perdeu as forzas e non se pode mover, tirada na cama observa o teito. Xa a noite anterior non era quen de cortar a carne, algo se anunciaba. Un videoxogo, Los Sims, pode ter a clave

A referencia a outras historias como a Raíña das Neves ou Alicia. A curación por amor. A necesidade dunha irmá, dunha amiga coa que compartir o agasallo que máis importa, non o que máis custa. Unha pequena historia chea de auténtica emoción.

mércores, 23 de abril de 2025

El Hematocrítico continúa agasallándonos cunha nova entrega de Dona Problemas

Dona Problemas, rescatadora de mascotas de El Hematocrítico aparece da man de Paco Roca, igual que nas entregas anteriores. Traducido por Anaír Rodríguez co asesoramento literario de Ledicia Costas.  Despois de Dona Problemas e Dona Problemas salvadora da escola aquí está Dona Problemas, rescatadora de mascotas.

Preséntase así: "Tras o seu enfrontamento coa mestra «influencer», que foi retransmitido por televisión, Carlota (Dona Problemas) converteuse nunha celebridade entre nenos e nenas. Recoñécena pola súa cidade e mesmo lle piden selfies e axuda para problemas cotiáns. Así e todo, nin Dona Problemas nin Xoán, o seu axudante, esperaban recibir na escola a visita dunha nena preocupada pola desaparición da súa mascota: unha cacatúa chamada Riqui, pola que agora lle piden un rescate que ela non pode pagar." 

Neste caso, Dona Problemas xa ten que auxiliar máis alá da propia escola, porque xa todo o mundo a coñece e lle pide axuda: ha de botar unha man no cine para colocar a todo o mundo de forma que podan ver ben a pantalla, descubrir a un timador que entregan á policía, dar cunha nova maneira de conseguir cartos ao dar co que pode ser un bo agocho (o sofá, debaixo dos coxíns), atopar a cacatúa coa axuda dunha especialista en paxaros... A súa fama vai en aumento cando unha xornalista decide facerlles unha entrevista a dobre páxina (a ela e ao seu axudante). De todas formas, ese engado de colaboradora marabillosa disposta a axudar onde sexa necesario ou de crítica precisa e observadora do momento actual cando deixa en ridículo á profesora influencer queda nas nosas mentes. Ben é certo que o tema das mascotas tráenos á cabeza o libro de Diego Ameixeiras co que se estrea na LIXG, Xulia Belavista. detective animalista.  

domingo, 20 de abril de 2025

Varios títulos para crianzas

 

Un par de mulleres que escriben e ilustran. Un par de libros. Un par de editoriais

Eli García presenta a banda deseñada O grande aviario en Antela editorial. Imaxes moi boas porque a ilustradora é unha especialista en natureza. Seguindo o paxaro que recolle a moeda que a elas lles caera, Íar e Lea dan cun lugar máxico no medio da cidade, un bosque e unha paxareira inmensa na que as aves poden entrar e saír como e cando queiran. Lea inventa a historia dun hotel de paxaros e Íar, unha gorida na que estes gardan un tesouro... Para finalizar atopamos a referencia á realidade con actividades, máis información relacionada coa historia e un caderno de paxaros para familiarizarse cos nomes populares e científicos, as súas carateristicas e costumes. Ficción e información nun volume. 

Se queres que a crianza se habitúe a recoller os xoguetes e a deixar o seu cuarto limpiño e ben, igual non está de máis O pesadelo de Mateo, porque este neno non recolle (xoguetes, roupa e demais) e ten todo feito un desastre. Cando a nai lle pregunta bótalle a culpa a Pesadelo, pero unha noite aparece ese pequeno monstro e fai o seu traballo de verdade, daquela Mateo ten un segundo problema pero serviralle para darse conta de que hai que actuar doutra maneira, sen esquivar responsabilidades (incluso porque todo ten unha segunda volta e podes atopar a inversa). O pesadelo de Mateo de Estefanía Padulles está publicado por Belagua.


xoves, 17 de abril de 2025

Variedade

Volcán, o cabalo salvaxe da illa de Sálvora de Paula Carballeira, ilustrado por Xoana Almar e publicado por Triqueta Verde.

Da presentación editorial:" Na illa de Sálvora vive Volcán, o cabalo máis salvaxe de todos os que viven alí. Un día Volcán veu algo que flotaba na agua e comezou a correr. Corría ao galope, máis que nunca, e os outros cabalos, eguas, gaivotas e corvos quedaban sen alento vendo o que facía.

Unha divertida historia para coñecer un pouco mais a fauna e a flora das Illas Atlánticas a través da historia de Volcán, un valente cabalo que soña que é libre para correr ao galope sen límites por terras onde acontecen cousas extraordinarias."

Cando a nai lle pon ao seu poldro o nome de Volcán sabe o que fai, cando el corre semella que o fai unha bóla de lume, por iso non dubida en acudir a salvar unha criatura que está a piques de afogar, daquela galopa galopa ata internarse na superficie de mar e agarrar a meniña pola roupa cos dentes para traela de volta á terra. Logrouno! Os pais recupérana felices, Nadia (a nena) volve cada vez que pode para estar con Volcán e contarlle historias para que poida soñar; Nadia significa esperanza e esa é a que mantén Volcán porque non quere ter ningunha atadura e correr sen límites e poder volver "porque sempre hai que ter un lugar onde volver e un amigo ou amiga que te espera". Unha boa ensinanza, non é? 

Rolando, un fío resistente de Alba de Evan e Xabier Domínguez, ilustrado por Paula Cheshire e publicado na colección Árbore de Galaxia.

Da presentación editorial:"Rolando é un artista que tece obras de arte co seu fío en Preto-da-Fonte. Inesperadamente, vese arrastrado a un espazo hostil do que deberá escapar. Ao longo do traxecto atopará aliados inesperados como Silvina, que lle axudará a volver ao seu fogar. No camiño urdirán unha historia de aventuras minúscula onde o máis grande é a amizade. Atréveste a acompañalos?"

Unha historia de animais, arácnidos e artrópodos, arañas, formigas e cascudas, familias que recuperar, exércitos dispostos a cargar co que sexa, animais independentes que pensan que non necesitan de ninguén e outros que tecen redes de solidariedade, buscadoras de liberdade e creadores de beleza que chegan á mesma conclusión "o fío máis resistente que podían tecer era o que os unía: o da súa amizade" 

mércores, 16 de abril de 2025

Paulo está de mal humor


Paulo está de mal humor de Natalia Shaloshvili está traducido por Iago Nicolás e publicado en Kalandraka na colección Tras os montes.

Hai días así, nos que espertas de mal humor e semella que todo é gris e a nube non se vai ir do ceo. Iso lle pasa a Paulo. Todas as propostas da nai lle parecen mal. Para todas ten desculpa: os bambáns balancéanse demasiado, o areeiro está cheo de area, o tobogán esbara moito, a auga está mollada... 

Daquela a nai decide que o mellor é dar un paseo. Aparece unha amiga de Paula que se alegra tanto de velo que lle dá unha aperta fortísima e xuntos vanse animando uns e outras. Porque para o mal humor hai remedio, porque así como ven pode irse, porque non hai nada como unha boa compañía para cambiar a cor do día.

En formato grande, con letras e parte do debuxo en releve... un marabilloso álbum sobre o humor. As ilustracións moi expresivas e ricas vannos levando por mil detalles coa presenza dos ratos aí, á volta da esquina da familia gato, os xoguetes de Paulo, os alimentos, as roupas e complementos que adornan o mundo, o resto dos animais que forman parte desa sociedade e a gran pregunta: como poden ser tan suxestivas as manchas? como se pode conseguir tanta expresión sen apenas detalle?