martes, 16 de xaneiro de 2024

Os libros das Letras para a infancia (I): Luísa Villalta, a literatura envolta en música

Tres libros levan aparecido antes deste fin de ano.

De Xerais, Luísa Villalta, melodía de palabras de María Canosa con ilustración de cuberta de Laura Romero (colaxe no seu estilo cunha Lúisa moi recoñecible) e fotografías no interior. Trae consigo un código QR que dá acceso a unha pequena intervención de María Canosa presentando a biografía da escritora á que se lle dedican as Letras Galegas 2024. Un libro que analiza a biografía da autora en base a núcleos temáticos relacionados coa música: pentagrama, cada unha das notas DO (de dozura), RE (de reservada), MI (de militancia e amizade), FA (de formación académica), SO (de sólida), LA (de latexo), SI (de silencio) e Harmonía, para rematar cunha selección de poemas de Villalta, un apartado de outras publicacións desta autora non mencionadas no texto e unha páxina de agradecementos que fala da xenerosidade e gratitude de María Canosa.

Tal como comenta no vídeo, María conta esta historia tal como ela quería que lla contasen.  Unha vez que ten toda a información posible ao redor de Luísa decide organizala explicándonos como foi a súa vida e os seus grandes empeños: a palabra e a música. Estrutura a documentación e vainos presentando cada etapa e ámbito despois dunha introdución relacionada coa música, na que nos explica ese aspecto dunha maneira realmente rica e interesante, algo que ten que ver coa súa capacidade para a escrita de non ficción, informando do realmente atractivo e valioso. A escrita de teatro (Concerto para un home só, O representante, O paseo das esfinxes publicados nos Cadernos Dramáticos Galegos, As certezas de Ofelia e Os doces anos da guerra; a traducion de Manifesto por un novo teatro de Pasolini ou o estudo O Don Hamlet de Cunqueiro: Unha ecuación teatral) poesía (Música reservada, Ruído, Rota ao interior do ollo, Apresados sen presa, Estudo das sombras, Modulación de Orfeu, En concreto...), ensaio (O outro lado da música, a poesía: relación entre ambas partes na historia da literatura galega, Poética. Sobre un certo estado de conciencia (2002). A lingua dos sons (2003), A Música e Nós e artigos xornalísticos (Libro das colunas), as amizades que a enriqueceron (Beiras, Pillado, Fernán Vello, Pilar García Negro, Pilar Pallarés, Pepe Cáccamo... os poetas dos oitenta e dos noventa), os compromisos adquiridos co país e a súa cultura (especialmente coa lingua), a defensa dos valores democráticos e da identidade lévana a converterse nunha persoa responsable coa sociedade e o tempo no que lle tocou vivir, participando nos movementos sociais e actuando ante os problemas colectivos coma o Prestige, a guerra, o problema palestino...

Unha obra sobre a autora das Letras realizada dende unha mirada diferente, dende unha óptica que ten que ver co seu outro amor: a música; porque di a autora que "unha arte só se pode explicar desde outra arte".

martes, 9 de xaneiro de 2024

Cando a adolescencia é realmente un problema


Teño 14 nos e non é unha boa nova
de Jo Witek móstranos ese mundo no que ser muller e adolescente non é unha boa nova.  A novela está traducida por Antía Veres Xesto e ilustrada por Jimena Estívaliz. Preséntase como "Una historia chea de esperanza sobre unha terrible realidade que sofren cada ano doce millóns de nenas no mundo: o matrimonio infantil." e tamén "Efi é unha das millóns de rapazas que anualmenteson privadas de autonomía e liberdade. Coa súa voz, libre e progresista, resoa unha potente denuncia, un chamamento para cambiar as cousas..."

Esta denuncia dos matrimonios forzados, recibiu o premio Bibelio 2021 na categoría xuvenil. Narrada en primeira persoa, a rapaza, vai contando como sae do colexio e volve á casa na aldea; mentres o fai vaise sentindo parte da comunidade, un elemento esencial que saiu a formarse e que quere mellorar o seu entorno (talvez facéndose enxeñeira), vai acordándose de todos aos que botou de menos nestes seis meses que pasaron separados, as notas son boas, leva tres libros que lle prestou a profesora que é o seu referente no mundo da cultura occidental, soña con ver as amigas para xogar e poñerse ao día. Remata o primeiro capítulo con "(...) teño o convencemento de que o mundo é meu. Aínda non sei que estou trabucada e que son eu a que lle pertence ao mundo dende o día en que nacín." Deseguida se dá conta de que todo cambiou, xa non é unha nena e non vai poder facer as cousas de sempre, rematou a liberdade, todo pode resultar perigoso, non vai poder ir á carpintería axudar ao pai porque tampouco está ben visto que unha rapaza faga iso. Un vestido, "roupa de muller, porque xa es unha moza casadeira" dille a nai cando llo entrega, algo que a aprisiona. Todo cambiou, as amigas xa non son as mesmas, unha delas xa ten amañado o seu matrimonio cun vello e afirma "As rapazas non deben pensar na súa felicidade persoal, senón que primeiro han de tratar de buscar a da familia", mentres lavan no río saben que as mulleres da aldea as vixían, elas son o elemento represor que reprimido polos homes exerce de control das máis novas. Mulleres asoballadas que se conforman co seu destino e tentan que ningunha vexa outro horizonte, mulleres que son castigadas se as súas fillas non cumpren as expectativas dos homes, mulleres para o traballo da casa e a crianza dos fillos que semellan converterse en harpías vítimas convertidas en verdugos. Ás que desobedecen á familia só as agarda a desgracia máis absoluta: rexeitadas por todos, castigadas ata case a morte, responsabilizadas a familia do comportamento da filla (especialmente as nais) han de repudiala en público e din que rematan exercendo a prostitución na cidade. Todos os cambios que ve chegan ao cumio cando atopa aos pais amañando o seu matrimonio cos pais dun home 15 anos máis vello ca ela e descoñecido, séntese traizoada e cando abre "a xanela  que dá ao planeta promete que nunca deixaría que ninguén a pechase. Son unha rapaza con moitas luces e nunca podería vivir na escuridade". Unha rapaza que pensaba nas novelas de aventuras ve como a súa vida se transforma nunha obra de teatro tráxica, acaba de levantarse o pano para a representación. Son unha moza casadeira, ofrecéronme en matrimonio a un descoñecido e, mentres agardo o casoiro, a miña propia familia retenme como prisionaeira. Teño catorce anos, e non é unha boa nova. Vanme casar e non é unha boa nova. Son unha nena, e non é unha boa nova". Tradición ás veces ten moito que ver con traición, cando unha violencia xorda a arrodea, cando a alienación das mulleres constrúe unha cárcere contra as outras mulleres porque para todas elas as tradicións son inalterables, son a súa única riqueza nun mundo que xira sen elas, o único que lles deixaron foron uns cantos ritos seculares".

Ela agárrase a un poema de Emily Dickinson coma o raio de esperanza mentres o prometido lle fala, métese no cuarto da poeta como espazo de liberdade. Porque a literatura pode salvar, así o fai cando decide converter ao prometido en ogro, cando recita para si os versos, cando fuxe a un xardín interior que é só dela (e tal vez doutras mulleres que tampouco queren cumprir as expectativas sociais)

A novela, tal como se nos di, denuncia actos delitivos, que atentan contra a autonomía e a liberdade das mulleres e as envolven en entornos de violencia física e psicolóxica; non só busca sensibilizar e expor esta situación atroz a un só sector da poboación (como as nenas e adolescentes), senón envolver a todo tipo de lectorado dentro desta conversación, co fin de abrir o dialogo ante este tema que incomoda crenzas e costumes de culturas, por actos que deberon terse abandonado co avance, a evolución moral e cultural da sociedade.

Atención ao final. Ábrese a conversa! 

domingo, 7 de xaneiro de 2024

Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil

O Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil recaeu en Lois Pérez pola obra A tribo do mar. A historia de varios rapaces africanos que soñan con fuxir dunhas situacións demasiado duras para poder resistilas, dunha moza caboverdiana en Burela e outra do primeiro mundo: unha influencer que acaba crendo a sofisticación e artificiosidade que a rodea. Varios mundos coincidentes no tempo que nos falan das necesidades máis básicas ao lado das tonterías máis absolutas, da manipulación á que nos sometemos polo propio gusto ou daqueles pequenos que continúan sendo esclavos nas mans de diferentes tipos de poder. O mundo dos africanos que queren pasar a Europa e para iso se ven envoltos en mafias, rodeados de mala xente sen sentimentos, á que unicamente lle importan os cartos, de situacións máis levadeiras como a desta rapaza que xoga a fútbol sala e se vai facendo cunha parcela de éxito (por fin alguén gana!) ou da que non pode vivir sen o seu can que está sendo sometido a unha residencia cura con psicólogos e coidadores. 

A tribo do mar é a daqueles que soñan con atravesalo, a da que o mira para calmarse e soñar, porque o mar está sempre aí separando pero tamén como presenza inconmensurable, imposible de medir e contar, salvando e matando, dando a benvida ou despedindo. 

Na presentación editorial dise que o mar pode ser infranqueable pero o deserto tamén "é unha boca que ten sede nun mundo que ten fame" e fálase de "Unha aventura que mira as feridas do mundo e navega polas súas historias invisíbeis." 

A novela xuvenil que toca ler, agora publicada na colección Forá de xogo de Xerais. As historias que toca chorar (ou rir). As persoas que salvan, que sempre as hai coma eses avós que contan ou cociñan, que cosen os fíos familiares e de relación co mundo que foi; ou eses referentes que salvan sen dicir ren, tentando rescatar o que de bo hai no mundo. E a crueldade rodeando as vidas inocentes coma rapiñas ou carroñeiros atentos ao desfallecer das criaturas para acabar con elas e engordar algo máis os seus petos. Todo vale nun mundo inxusto no que a rapazada tamén é mercancía.

venres, 5 de xaneiro de 2024

Os minilibros de Kalandraka

 

Os minilibros de Kalandraka son un conxunto de sete libriños que veñen nunha caixa. Títulos realmente imperdibles que se distribúen da seguinte maneira:

A primeira caixa contén os seguintes títulos: O coelliño branco, A galiña roxa, Chibos chibóns, A casa da mosca chosca, A ratiña presumida, Garavanciño e O poliño da abeleira.

A segunda: Orellas de bolboreta, A cebra Camila, Os ratos da casa, Gato Guille e os monstros, Un agasallo diferente, Xaime e as landras e Os de arriba e os de abaixo

A terceira caixa ten: A árbore da escola, O fío, Amelia quere un can, Os tres porquiños, Paco, O patiño feo e Once damas atrevidas. 

A cuarta: Animais de compañía, Cera, O pirata Pata de Lata, A escada vermella, Os tres osos, Ser amigos e Tomás, o bromista.  

A quinta:  Distinta, A merliña, Ratos de viaxe, A araña e máis eu, A familia C, Avós e O principio

A sexta:  O conto do outro día, Amora, Atrapamiradas, Chófer de sandías, Paxaros, Ratos na escola e Unha pantasma con asma. 

A número sete:  Chuvisca, A viaxe de Mamá, Soños á beiramar, O osiño Chispa, Tartaruga vs. Lebre. O desquite, Sete monstros e un gato e Moncho e a mancha. 

Sete caixas e sete libros en cada unha delas. Un número máxico para obxectos de culto porque, para que serven uns libriños tan pequenos cando podemos acceder aos magníficos álbums de bo tamaño e pastas duras? Pois, para levalos no peto coma un segredo ou coma un tesouro, para que vaian connosco a onde sexa que nos movamos e podamos lelos de novo case ás agachadas ou podamos compartilos con quen atopemos no camiño. Imaxinades sacar o conto e compartir a contada ou a lectura? Imaxinades ir onde o irmán pequeno e dicirlle: "Cando eu era coma ti tiña un conto que me gustaba moito. Mírao" e como se fose un truco de maxia aparece o contiño e podedes compartilo.

luns, 1 de xaneiro de 2024

Os versos da mariola de Antón Cortizas. Premio Arume de poesía para a Infancia

Os versos da mariola de Antón Cortizas acadou o Premio Arume de poesía para a Infancia e foi presentada a súa edición en decembro de 2023. Publicado por Embora, cunhas ilustracións impresionantes de Andrés Meixide que converten o libro nun verdadeiro xogo.

Reivindica o xogo tradicional a través da poesía e a ilustración. Un xogo literario sobre os vellos xogos da infancia e tamén un libro pensado para xogar coa súa lectura a través das propias ilustracións. Unha sorte de brincadeira coa palabra poética como vehículo para achegarse a un encontro entre a rapazada, máis alá da tecnoloxía ou as pantallas.

Volve o escritor ao empeño de defender o xogo tradicional e a maneira de xogar da rapazada noutros tempos de máis natureza e rúa e menos actividades dirixidas e pantallas, tal como se fixera na obra de teatro coa que ganara o premio Gala do Libro de 2016, Xogando con gatos.

No apartado "O porqué destes versos"  o autor mostra esta preocupación ante o cambio das formas de enredar da infancia, fala dos valores positivos e didácticos do xogo tradicional e busca que a lectura e a poesía sexan tamén unha brincadeira. Para iso, cada poema convértese nun xogo e desta maneira precisa a colaboración do lectorado para sentir que o libro acada o seu obxectivo. Todo tipo de recursos lúdicos e lingüísticos van no seu auxilio: caligramas, pareados, lecturas colectivas, cambios de letras por números ou palabras desordenadas... todo serve ao xogo, coa mariola como centro do mundo.

El ten máis libros relacionados con xogos como Chirlomirlos (Enciclopedia dos xogos populares, Ao pé da Laxa da Moa - recolleita da riqueza literaria oral en forma de adiviñas, trabalinguas, contos, lendas e refráns do concello de Carnota) e Tastarabás. Enciclopedia de brinquedos tradicionais).

domingo, 31 de decembro de 2023

Un libro homenaxe a Brueguel e O Bosco: A nave dos fatos

Un libro homenaxe a Brueghel, O Bosco e algún máis: A nave dos fatos. Así se presenta:"Un «rapaz moi listo» vive nunha cidade de parvos e, claro, abúrrese moito. Unha boa mañá, para superar ese aburrimento, decide gastar unha broma ao seu veciño: planta unha tomateira nunha xerra e engade esta misteriosa mensaxe «Tomates chegando a trece, quen conta desaparece». A partir de aí, encadéanse múltiples sucesos nos que a planta irá pasando de man en man nunha delirante e accidentada viaxe." Unha celebración do grotesco na que se fai visible o lado festivo e tamén a crueldade ou a morte, todo presentado con ese barroquismo e surrealismo anteriores á súa aparición artística. Figuras estravagantes, animais imposibles, situacións escatolóxicas, ovos camiñantes, escenas nas que o personaxe se repite simultaneamente na mesma escena, a cantidade de personaxes secundarios que contan múltiples historias en paralelo á principal de forma que cada lámina achega moita información... Certamente a rapazada vaise divertir con tanta comicidade e deixándose sorprender pola loucura que entra a caudais, xogando a adiviñar onde están os cadros, descubrindo as cousas de fatos que van aparecendo, as composicións imposibles ou as circunstancias impensables. Anxos, unicornios e dragóns, quimeras e pesadelos, xeografías inconcebibles, un mundo ao revés nos que as persoas pastan e os animais pastorean, muíños a piques de caer nas cimas das montañas, xente tendida a secar ao lado da colada, cegos que guían a cegos, porcos alimentados con flores e cabras que aiñan nas copas das árbores, galos subidos a cabalos e carneiros que comen a palla dos tellados. Un libro para mirar sen límite de tempo, para que cada un pode ver máis alá que o anterior e menos que o seguinte, nunha suma acumulativa na que entre todos imos descubrindo algo máis de tanta riqueza. E si, hai moito necio pero tamén moita loucura e sinrazón nunha obra complexa e marabillosa na que un exercicio de provocación sin límites nos paraliza a mirada. Esa mirada sobre o popular a finais do medievo, esa mirada primitiva e infantil case máxica que percorre a comicidade e o xogo cunha imaxinación sen límites. "Un álbum no que prima a risa alegre e a súa sombra cruel porque a festa inclúie sempre un lado de barbarie", en palabras de Estrig Aparicio. E, ao final, a moralexa: o burlador burlado porque o listo vaise ver envolto nun truco de maxia e o conto desaparece quedan unicamente algunha das pinturas para que unamos referencias.

Unha obra de Ana G. Lartitegui (que recontrúie en acuarela lenzos do Bosco, dos Brueghel e Patinir, así como debuxos de Desprez) traducida por Jose Luis Garrosa Gude e publicada por A fin de cuentos.

Semella ser a primeira obra traducida ao galego por esta editora que publica, normalmente, en castelán, catalán e euskera

xoves, 28 de decembro de 2023

Libros acartoados de Kalandraka


 Da cabeza aos pés
de Eric Carle preséntase así:"Descubrimos as partes do corpo xogando a movernos como algúns animais. Desafíos divertidos para prelectores e primeiros lectores neste libro en edición acartonada". Cada animal (pingüín, xirafa, bisonte, mono, foca, gorila, gato, crocodilo, dromedario, burro, elefante e loro poñen a proba ao neno e a nena para ver se son quen de facer o que eles fan e, de verdade, que o conseguen. Un divertido xogo  que nos obriga a movernos e ver ata onde podemos facelo, dende a cabeza aos pés.

Oso pardo, oso pardo, que ves aquí? con texto de Bill Martin Jr. e ilustracións de Eric Carle. Preséntase así: "Un oso pardo, un paxaro vermello ou un cabalo azul son algúns dos curiosos personaxes que se asoman ás páxinas deste divertido álbum acartonado, ideal para aprender as cores e os nomes dos animais." Cada un dos animais di que ve ao seguinte que se vai presentar e así pasamos do oso ao paxaro, do paxaro ao pato, do pato ao cabalo, do cabalo á ra, da ra ao gato, do gato ao can, do can á ovella, da ovella ao peixe, do peixe á profesora e dela aos nenos que a miran. E agora, "nenas, nenos, que vedes aquí?". Toca contestar...

Ambas traducidas por Iago Nicolás para a colección Tras os montes de Kalandraka

As obras de Eric Carle son recoñecibles pola técnica, unha especie de colaxe impresionista, coas figuras case sempre recortadas sobre fondo branco.