martes, 24 de novembro de 2026

Hai libros que avisan...

Hai libros que avisan do que está por vir, dos perigos aos que teremos que enfrontarnos. Fíxoo Jules Verne con algún dos seus, Bradbury e tantos outros. Agora, chéganos o que foi Premio Edebé de Literatura Xuvenil. A cazaría da autoría de David Lozano, traducido por Belén Rodríguez Suárez e publicado por Rodeira Edebé.

Así se presenta: "Que nos fai humanos? É posible que unha intelixencia artificial aprenda as emocións humanas e as faga súas? Seis mozos son convidados a participar na proba experimental de VENARI, un misterioso videoxogo de realidade mixta do que ninguén oíu falar. Illados nunha localidade abandonada, que marca o seu recinto de xogo, vanse ter que enfrontrar como cazadores a monstruosas criaturas virtuais concibidas por unha IA. Porén, VENARI axiña vai amosar o seu lado máis escuro e eles descubrirán, demasiado tarde, que non están alí para competir como cazadores, senón como presas. Cando a partida comeza, xa non hai volta atrás."

Todas as criaturas monstruosas que foi quen de crear a humanidade e as mesturas que consegue poñer en pé a IA. Unha cazaría. Tres parellas de diferentes campos que teñen en común a afición aos videoxogos. Unha gran empresa disposta a xogar duro, a crear o mellor de todos eles e poñer a proba a eses xoves. Un ordenador central que nun momento determinado toma o poder e non atende ás razóns dos empresarios e investigadores, certamente nalgún momento lle outorgaron esa capacidade, o problema é que deixa de ser imparcial como se agarda del, que intervén na proba, que toma por fillos as criaturas que creou e quere que sobrevivan, que pode querer vinganza... como paralo?

Unha esperanza, o amor segue a ser quen nos salve máis alá dos cartos e o dominio, quen pode falar cunha máquina? Sabémolo polos contestadores automáticos, polos asistentes persoais que responden as nosas chamadas, sabémolo pero continuamos xogando a ser deuses, a pensar que faremos avanzar a ciencia para o ben despois das bombas atómicas, da desfeita do planeta... Igual llo estamos preparando para a IA para que o herde unha vez que remate con nós ou o fagamos nós mesmos. Este debería ser un libro para falar, para pensar, para reflexionar, para pararlles os pés a esas empresas que buscan unicamente os beneficios, para eses investigadores que buscan destacar...

Aquí tedes o enlace ao primeiro capítulo, para entrar en tema.  

luns, 23 de novembro de 2026

Franky Frankenstein




Franky Frankenstein de José Carlos Andrés e Gómez, está traducido por Iria Carballo e publicado por NubeOcho. A ver, puxen o enlace á edición vasca porque reproduce varias páxinas co cal nos facemos unha idea máis segura de como funciona o álbum e, tamén, porque foi máis doado atopar a información nesa lingua que en galego. Así están as cousas...

Agora atopeina en galego e aí vai. Que non se diga. Pero seguirei dicindo que cando entredes na páxina da editorial atoparedes a información en español, inglés, italiano e catalán. Penso moitas veces quie é unha boa entgrada ás linguas, poñer a rapazada a ler o que aparece sobre o libro que acaban de ler noutras linguas e acostumarse a atopar diferentes idiomas, anticipar, adiviñar...

Da presentación editorial: "Franky é unha nena monstra grande, moi grande. Papá Frankenstein fabrica xoguetes para a súa filla; Hera, a caveira, é a súa profesora; e as súas amigas son a piraña que raña e a serpente mordente. Pero o que Franky realmente quere é ir á escola. Seu pai ten medo de que os nenos e nenas da vila se asusten ao ver á súa filla e non queiran xogar con ela. Conseguirá Franky ir á escola?"A

A ver, o problema está en que ela quere xogar con outras nenas. Vai á vila e escápanlle todas ata que atopa unha pequeniña que lle fala, dille que se chama Chiqui, cada unha ten o nome que lle corresponde ao seu tamaño...  Ve que a pequena vai á escola e ela tamén quere ir, cando o fai, a pequen arecíbea abrazando o seu xoenllo (a onde dá chegado), ao entrar racha a parede, non deixa ver aos demais rapaces, non hai cadeira que lle serva... Volve á casa desesperada e dille ao pai que quere ser do tamaño das demais, pero el e Chiqui convéncena para que o pense porque tal como é pode chegar máis alto, ve máis, pode facer o que os demais non poden... cadaquén é perfecto como é!, e... un día confésalle ao pai que ela de maior quere ser feliz, así de simple.

O pai de Franki é tenro e quérea como fan todos os pais. O amiga acéptaa como é, igual que ela o fai con Chiqui. Cada unha é como é, o importante é que poidan ser felices.

venres, 20 de novembro de 2026

Unha nova novela en Fora de Xogo: Só para adultos de Iria Misa.

 

Só para adultos de Iria Misa é unha obra necesaria. 

A presentación editorial dío claramente: "Unha novela que afonda, con crueza e tenrura á vez, na adolescencia actual atravesada polas pantallas, o contido sexual e as redes sociais. Daniela vive nun mundo onde os límites da intimidade e do consentimento están desdebuxados. Xandre e o seu grupo de amigos son rapaces educados polo consumo masivo de pornografía, que converte os corpos das mozas en trofeos e contido para compartir. A través da amizade, das traizóns, do «bullying» e dunha dura representación da normalización da violencia sexual que está latente na nosa sociedade, a obra cuestiona o modelo relacional do que se está a nutrir unha xeración que medra co móbil na man". 

A cita coa que comeza "Os rapaces teñen o cerebro cheo de porno e o porno, hoxe en día, é violencia contra as mulleres. É urxente abordar este tema" dun chío de Leticia Dolera, a feminista actriz, guionista, directora de cine e escritora. A cita final de Maruja Torres devolve a reflexión -despois de toda unha vida- sobre o que vale a pena, o que realmente permanece das relacións e o que se perde.

As conversas a través do whp (ou outras aplicacións) achegan unha frescura e actualidade que seguramente anima ao lectorado ao que vai dirixido a lela.  

Co dedo daslle a entrar no sitio web +18 e comezas a ler. Un texto duro de instituto, con grupo de mozas e de mozos, coa aula inmanexable, cos rapaces comentando os ligues do fin de semana na rolda informativa (ligues ou sexo contabilizado). Trunfos duns e derrotas daqueles que non o conseguen, frustración e distribución de roles, o papel de machos cazadores e conquistadores de corpos, mozos consumidores de porno que humillan ás mulleres tal como ven nas películas porno, mozas dispostas a enviar fotografías ou practicar o sexo que non lles gusta para non quedar no grupo das estreitas ou das que ninguén escolle. Sexo que non se disfruta pero non se confesa, porque o que vale é entrar na selección, non importa como. A presión por compartir fotos que non quixeras que anden pola rede, por practicar un sexo que non apetece... e a onda vai a máis, ata que explota. 

Moi ben trazadas as personalidades deses catro rapaces e as catro rapazas. Ben retratado o ambiente. As situacións poden resultar duras, violentas... pero o título avisa e o lector ou a lectora puxo o dedo na tecla de "entrar". Entrar é o que ten, unha vez que estás dentro é complicado saír, pero pódese; esa é a mensaxe, necesaria (tamén).

A trama co ritmo acaído, a información entregada na dose axeitada e no momento adecuado para ser dixerida. 

Moi boa novela e sobre todo imprescindible despois de todo o que levamos visto e lido sobre a pornografía que consumen os homes e o dano que esta lle pode facer ás mulleres, despois da manosfera e das acusacións de feminazis, despois de todo o ataque ao feminismo. Isto é o que hai e con isto hai que xogar.  

Un aviso: ninguén está a salvo cando non o está alguén; non é posible a indiferenza nin a neutralidade.

Non nos defrauda a autora como non o farán tampouco as mulleres que está escribindo sobre esta temática como Chis Oliveira, Amada Traba e Priscila Retamozo que nos entregaron Las trampas de la pornografía. La sexualidad que deseamos.

... Grazas a todas elas!  

mércores, 18 de novembro de 2026

LIbros que son novidade en Antela editorial

 A fábrica de nubes con texto e ilustracións de Carmen Rodríguez acaba de ser publicado por Antela editorial.

Preséntase así: "Que sucede cando un pequeno erro muda todo o ceo? Na fábrica secreta de nubes, onde cada nube se crea con coidado, un inesperado contratempo convérteo todo nun auténtico caos… ou quizais nunha oportunidade para descubrir que os accidentes tamén poden dar lugar a algo marabilloso?

A fábrica secreta de nubes é un álbum ilustrado cheo de imaxinación, humor e tenrura que invita a descubrir a beleza do inesperado e a importancia de aceptar que non sempre todo sae segundo o previsto."

Na colección Pitiños, para primeiras lecturas, debuxos sinxelos que completan a páxina, gardas con bubes típicas na primeira parte e nubes con diferentes formas na segunda. Imaxinamos unha fábrica de nubes? Sabemos recoñecer as nubes? acostumamos observar a forma de nubes no ceo e imaxinar con que se corresponden? sabiamos que hai quen ten que definir as nubes que hai no noso ceo cada día?

Si: cirros, cúmulos, nimbos e as súas combinacións. Dependerá da forma pero tamén da altura á que se sitúan. Algo máis que engadir a todas as posibilidades de observación da natureza. Unha riqueza máis! 


 

martes, 17 de novembro de 2026

Zodiakids 1 e 2 de Ledicia Costas en Xerais

Zodiakids 1 e 2 de Ledicia Costas, ilustrados por Paula Cheshire están publicados en Xerais. Uns libros con narración, ilustración e cómic. Superheroes en serie, agora con representantes do horóscopo, as súas casas e signos. 

En O poder das estrelas entramos na historia, coa presentación dos personaxes: Estela (que é a voz narradora e acaba de cumprir 10 anos), Leo, Santiago, Ariel, o Mestre das estrelas e o antagonista: Ras (o que matou unha estrela, se fixo dono da escuridade e agora busca a morte de toda a luz). Unha marca, un  animal ou zooiko ao que teñen que adestrar. En Lúa de sangue continuamos, neste caso vivindo o eclipse.

Estela ten un irmán pequeno que é o rei dos chistes. Viven en Altoceo. Ela leva a marca do Ofiúco, o signo perdido, o deus da medicina, por iso é tan importante. Pertence á Casa do Lume con Leo, Aries e Saxitario. 

Así se presentan: "Na véspera do seu décimo aniversario, Estela descobre que o seu sinal de nacemento non era unha simple marca na pel con forma de serpe, senón un zooiko: unha criatura de luz que salta fóra do seu corpo e desata un poder que aínda non sabe controlar. Mentres intenta entender que lle sucede, atopa un observatorio máxico no subsolo da biblioteca que resulta ser a base de operacións dos Zodiakids: gardiáns do zodíaco que se preparan para unha batalla cósmica. Alí Estela coñece a Leo, Ariel e Santiago, liderados polo Mestre das Estrelas, pero tamén un segredo que ninguén lle quere contar. O seu signo é Ofiúco, o número trece, o máis poderoso... e o máis perigoso."

"Mentres a vila de Altoceo se prepara para a eclipse máis espectacular do ano, algo vai escurecer o ceo moito máis ca a sombra da Terra sobre a Lúa. Ras, o Señor da Noite, ten un plan: darlle vida a Sirius, o can da constelación, para que esperte o seu amo. E o seu amo é Orión, o cazador xigante que leva séculos durmido no ceo cun rancor enorme gardado dentro. Os Zodiakids nunca se enfrontaron a nada semellante. Mover constelacións significa abrir ocos no universo, e ninguén sabe que pode aparecer tras eles. Estela, Leo, Ariel e Santiago terán que unir forzas coas outras casas do zodíaco antes de que a Lúa se tinga de vermello. Porque cando iso ocorra, xa será tarde para calquera plan." 

domingo, 15 de novembro de 2026

Un novo libro para a colección Pequena memoria de Xerais: Cachita, o paraugas e máis eu


 

Cachita, o paraugas e máis eu de Rosa Aneiros e Miguelanxo Prado está publicado na colección Pequena Memoria de Xerais.

Da presentación editorial: "De súpeto, unhas mulleres guindaron pedras contra a casa do alcalde e, coma unha castaña sen picar no lume, estourou a rebelión. A irrupción da Infantería e Cabalería da Garda Civil desatou o pánico e comezaron caer corpos ao chan. Cachita liscou a fume de carozo. "Teño que ir, Lucía, pareceume ver a mamá!" Corrín atrás dela, subín ao faiado, apañei o meu prezado paraugas encarnado e tendinllo: "Toma, necesitarás algo para te defenderes".» En 1918 prodúcese na bisbarra de Ferrol a coñecida como «Revolta das pedradas», un movemento liderado por mulleres que protestaban pola alza do prezo da fariña e a escaseza de provisións. Como consecuencia da Gran Guerra, os comerciantes acaparaban produtos de primeira necesidade para vendelos fóra a un custe máis elevado e, o pouco que distribuían, tiña prezos prohibitivos. Fartas das restricións e da inacción das autoridades, as mulleres (labregas, panadeiras, obreiras...) e os traballadores do arsenal organizaron comisións e convocaron folgas, manifestacións e asaltos a comercios para requisaren alimentos de primeira necesidade. Nese contexto convulso nace a amizade inquebrantable entre as nenas Lucía e Cachita. «Cachita, o paraugas e mais eu» é o quinto título da colección Pequena Memoria, para recuperar as voces silenciadas da historia."

Coma sempre, nas gardas aparecen fotografía reais relacionadas cos feitos e lugares dos que se fala. Un apéndice final sitúa a historia na Historia do movemento reivindicativo desa época e nese lugar, e tamén da emigración. Desta maneira vemos que o que se relata está baseado na realidade demostrándose con datos. 
Esa denuncia de tratos coma o da "vaca posta" onde ata había que pagar con rapaces, a soedade da vellez, as escolas feitas por emigrantes, as viúvas de vivos, esa prohibición de mostrar o que tes (aínda que sexa un agasallo) porque vives de fiado, as mulleres e os seus traballos, a diferenza entre as dúas rapazas (unha toda inocencia e a outra xa afeita a enfrontar a vida)... pero tal vez, o cerne do relato está nestas palabras "Vina marchar coxeando, como se cargase todo o peso do mundo no lombo, e pensei no pouco que se parecía a aqueloutra rapaza afouta que dera na miña mellor amiga". Unha carga policial polo medio e todo pode cambiar. 
A autora aproveita para contarnos unha historia da que derivan moitas outras, dun paraugas vermello que regresa branco, da emigración que nos salvou da miseria e do analfabetismo, de América como utopía, das escasas mostras de afecto que ocultaban todo o amor e sensibilidade (por exemplo entre nai e filla). 
As ilustracións de Miguelanxo Prado do que nos gusta todo, ata a sinatura que é ese selo que lle dá conformidade á obra.  
Moita sorte e orgullo pola historia, polas ilustracións e pola colección. 

venres, 13 de novembro de 2026

De cando foi o ano de Castelao, unha obra de Teófilo edicións

 


No ano de Castelao, 2025, unha obra de Teófilo edicións asinada por Paco López - Barxas e Isabel Pintado, chega a nós (con retraso) da man da Xunta de Galicia e o Parlamento.

Un neno vainos presentando a historia. Chámase Eduardo e dinos que Castelao tiña tre nomes (Alfonso, Manuel e Daniel), introdúcenos a toda a familia (avós e pais cos seus oficios), de como aprendeu historias (e tamén as primeiras letras), fálanos de cando os dous (Eduardo e Daniel) eran pequenos e xogaban xuntos, das inxustizas ás que era tan sensible o pequeno Castelao, de como sempre falaba e pintaba en galego (que tamén se pode facer, sen dúbida), de cando emigran a Arxentina para estar co pai e nacen as súas irmás, de como volven, da súa fascinación polo mapa de Galicia e de como nesa mapa pinta a casa de tía Ádega que colle vida... Isto anímao a seguir pintando engadindo debuxos pola xeografía ata que descubriu que por cada cousa que debuxaba outra desaparecía. Esa noite aparecéuselle Fontán, o autor do mapa e explicoulle que pintar o país que levaba na cabeza non o podía facer el só, que había que facelo coa axuda de moitos. Esa era a lección: non se pode debuxar un país sen soñalo xuntos!  

Debuxos que ocupan unha ou dúas caras, letras que cambian de cor (do negro ao verde, vermello, branco, azul, marrón...) Unha bolsa de rede cun lazo azul para gardalo... Todo un luxo de  presentación, tal como son estas publicacións das institucións e deste editorial 

xoves, 12 de novembro de 2026

Non é unha palabra bonita. Un título que se pode entender...

Non é unha palabra bonita de Bharti Singh e Urvashe Dubey está traducido por César Lorenzo e publicado por Aira.

Da presentación editorial: "Algunha vez che apeteceu dicirlle «non» a alguén, mais non quixeches mancalo? Hai veces que queres dicir «non», mais acabas por dicir «si» e sénteste a desgusto? Acompaña a Sia nunha fascinante viaxe na que ha aprender a dicir «non» con seguridade e elegancia. Un libro que axuda a comprender o valor da asertividade, a sermos amables sen ignorar os nosos propios sentimentos."

Trátase de reivindicar a palabra "non", de axudar a entender que se pode utilizar sen sentirse mal. 

En primeira persoa unha nena vai explicando unha situación: unha compañeira pídelle sentarse ao seu lado, contesta que si, pero cando esta lle pregunta se pode usar a súa caixa de pinturas contéstalle que non. Case chora do desgusto e a compañeira ao darse conta explícalle que lle presta outras pero non esas. A esta nena non lle costa traballo negar algo mentres que á que nos conta a historia resúltalle difícil e pensa que pode incomodar ao outro; ela déixase levar aínda que ás veces lle mnolesten determninadas condutas dos demais, tenta ser amable... pero a primeira obriga é cunha mesma, quererse, tratarse ben, estar a gusto. Por iso hai que practicar a maneira de dicir "non" con respecto pero asegurándonos de que nos toman en serio, nas relacións persoais e nas reivindicacións sociais dicindo "non" aos abusos, atendendo á intuición. Certo, débese practicar o "non" para mellorar nós e o mundo, pero non para cumprir os nosos caprichos. Hai que saber cando dicir "si" e cando "non".

Nas ilustracións aparecen personaxes como Gandhi que dixo "non" para liberar un país, aparece carapuchiña e o lobo tentando enganala, escritos como o de Novoneyra "Chove para que eu soñe" traendo a historia ao noso mundo. Polo tanto, estamos ante un libro que nos vai permitir traballar a asertividade na súa xusta medida, reflexionar sobre o uso da palabra e das diferentes situacións que se nos presentan no día a día e, ao tempo, atopar as referencias culturais que nos integran nun mundo. 

martes, 10 de novembro de 2026

Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado

 

O Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado do ano 2026 (e xa van 19!) recaeu en Noite de lúa de Guia Risari e Paolo Domeniconi.

Na entrada  uns versos de García Lorca (porque a lúa sempre nos remite a el): "Cando sae a Lúa, / o mar cobre a terra / e o corazón séntese / illa no infinito." do poema "La luna asoma" do Canciones de luna.

No ano do eclipse, cando os corazóns se estremeceron ante a escuridade momentánea do día feito noite, cando a luz asombrou cunhas cores e movementos nunca vistos, cando a natureza respondeu co silencio e a algarabía e, como na primeira vez ante o milagre do universo, a humanidade se sentiu unha mota de polvo no espazo sideral... Nese instante máxico que permanece na caixa do peito para relembralo, veu a nós Noite de lúa. Porque a noite non é igual sen a lúa e porque nela vemos a xeografía misteriosa pola que o astronauta paseou para demostrar que eramos poderosos (ou mellor, para garantir que somos animais investigadores).

Unha ave da noite recíbenos e a historia comeza porque un home (con can) vive nun val perto do mar, nunha casa de pedra e ten unha pequena camioneta. El, dende sempre, está atento ao ceo, especialmente na noite, cando pode observar a lúa nas diferentes fases. Fálalle, chámaa; ela semella non escoitalo ata que unha noite baixa ao seu xardín. Alí é recibida sobre unha manta cuberta de flores. O home cántalla unha desas vellas cancións que falan dela dende sempre, cóllea nas mans e lévaa para compartila coa xente do pobo... E, partir de aí, teredes que ler e, sobre todo, mirar. Unhas cores que comezan coas gardas dun azul noite, a luz establecendo as horas do día, iluminando as imaxes cunha mestría impresionante, os fondos que nos falan, igual que o fan as gafas de Paulo que nos impiden verlle a cor dos ollos. O texto escaso e poético. Cóntasenos a historia de alguén sensible que atende ao ceo e quere compartir a beleza do mundo cos demais, porque a fermosura fainos mellores. Alguén que non lastima o que toca senón que con delizadeza o devolve ao seu lugar. Alguén que ensina á seguinte xeración que hai que coidar o planeta para poder seguir tendo relación coa lúa, abaixo ou arriba, baixando ela ou subindo a nena. 

Por riba, ese home, Paulo, semella o noso Castelao. Porque el tiña esas gafas que lle impedían ver moi ben e aínda así pintou para nós o bo e o malo e, tendeunos o seu quefacer para que aprenderamos e puideramos continuar. Niso estamos. mentres unha man humilde, como a de Paulo, lle pon unha planta de crisantemos na tumba en novembro, igual que a todos os mortos.   

É o can quen o esperta cando a lúa baixa. Os animais sempre máis receptivos á natureza.  

Lembremos que o libro sae nas linguas peninsulares e o italiano. Así mesmo, non esquezamos que esta autora xa tiña publicado en galego Aquiles o puntiño e máis O tranvía chamado Flor. 

sábado, 7 de novembro de 2026

Superheroes na escola. Imos a primaria!

Superheroes na escola. Imos a primaria! de José Carlos Román e Leire Martín está traducido `por Iolanda Mato e publicado por Triqueta Verde. Un álbum ilustrado con letras maiúsculas que nos fala dese gran paso entre Infantil e Primaria e de como ese temor polo cambio se pode converter nunha aventura. 

Supergoleadora está preocupada porque lle dixeron na casa que para o próximo curso vai estar nunha escola nova, os compañeiros tampouco saben a razón desa mudanza pero Superprofe explícalles que ese novo lugar se vai chamar Primaria e toido o que van facer alí; fálalles das "materias", de como van ler e escribir, falar, facer operacións matemáticas (poara resolver os problemas da vida diaria xa que as matemáticas están en todas partes), de como aprenderán o que fixeron os antepasados e todo o que hai no planeta, de aprender a falar outros idiomas para comunicarse con outras culturas, de como van adestrar a mente e o corpo; van bailar, cantar, debuxar... Terán un patio novo máis grande e novo amigos, libros novos, mochilas máis grandes; ademais vanse ver nos días especiais que celebrarán todos xuntos e el acompañaraos o primeiro día á nova aula. En vez de medo, o que agora teñen é emoción e ganas de entrar xa nesa aventura que lles agarda. 

Rapaces e rapazas son superheroes, certamente, pero o profe tamén o é. É marabilloso ver o ben que lles sabe verder ese paso a primaria, todo o que van ganar cando medren e, sobre todo, ese acompañamento que se compromete a facer o primeiro día pero tamén ao longo do curso cada vez que se reúnan para festexar xuntos. Os papel de xénero ben traballados, a supergoleadora é unha nena e o superprofe de Infantil un home, para rachar estereotipos! Ademais, ten en conta a diversidade na pel da rapazada pero tamén nesa cadeira de rodas na que se conduce unha compañeira.

Nunha das ilustracións vese a celebración do Día do Libro e na estantería están este e outros libros da editorial. Unha chiscadela que sempre se agradece porque obriga á rapazada a fixarse. Tan alegres as imaxes que dan ganas de irse a ese mundo de superheroes e camiñar con eles. 

xoves, 5 de novembro de 2026

Un libro imprescindible. Unha banda deseñada que magoa. Guerra en Gaza

Un libro imprescindible. Unha banda deseñada que magoa. Guerra en Gaza de Joe Sacco, aparece traducida por Clara Barcia e publicada por Rinoceronte.

Da presentación editorial:"Joe Sacco é coñecido como un inquebrantable cronista da inxustiza inflixida sobre o pobo palestino (Palestina, 1993; Notas a pé de Gaza, 2010). Continúa a súa misión con Guerra en Gaza, un conxunto de comentarios gráficos sobre o masacre israelí que comezou hai máis dun ano e continúa sen descanso ata hoxe. Publicado por entregas na páxina web do Comics Journal, Guerra en Gaza consiste nunha serie de cómics e ilustracións que mostran a núa inmoralidade da propia “guerra” e as súas directas e tráxicas consecuencias. Empregando os seus habituais sinais de identidade, a honestidade, a compaixón e o humor negro, Guerra en Gaza achega unha crítica inflexible ao xenocidio israelí e á complicidade do presidente Joe Biden e dos Estados Unidos." 

O autor comeza falándonos en primeira persoa, dexbuxándose a si mesmo, reflexionando ante a situación, comentándonos incluso algunha das súas propostas e o mal resultado que deron (que facer ante o que sucede en Palestina?), o papel de Bin Laden (o presidente que semellaba o mal menor diante de Trump pero que dotou de todo tipo de armas a Netanyaju cos cartos dos contribuíntes norteamericanos (tamén cos impostos de Sacco que se representan completando unha bomba a enviar), as mentiras que crea e como estas foron amplificadas e repetidas, de pano de fondo a nai de Sacco con problemas de memoria pero angustiada polas lembranzas da guerra, esas viñetas nas que Laden e Netanyaju xogan ao diálogo entre deus e interlocutor sobre se é posible salvar aos xustos ou eses deben ser tomados como escudos humanos ou potenciais terroristas. Occidente e a seu orgullo democrático remata en Gaza. A partir de aí, que imos explicar e a quen? Unha mirada atgrás lévao a Atenas, aquela democracia que era escravista, excluiu ás mulleres ou destrúe a Cidade - Estado de Milo.Remata cunha petición a Dante para que conxure o inferno.  

Unha obra dura pero necesaria, porque máis dura é a realidade á que nos enfrontamos cada día nos medios de comunicación.  

mércores, 4 de novembro de 2026

Algo máis sobre o magosto




 

O magosto está moi dentro da nosa cultura, recollemos alguúns testemuños na poesía culta e na popular, cantigas e ditos, xogos e músicas de variado ritmo, informacións na rede... con agradecementos á AC Alexandre Bóveda, biblioteca do CEIP de Portofaro, Noelia Antelo e Paco Veiga. 

O poema de Francisco Añón: O magosto.

"E d’esta sorte pasamos

A noite con grande gosto,

De parolar nos cansamos,

E defuntado o magosto

C’as meniñas rebuldamos."

O poeta berciano, Antonio Fernández Morales tamén lle dedicou uns versos:

"En bon amor e compaña

co mosto e castañas, presto

se papan toda a merenda

i alegres tornan pra o pueblo.

A xente de máis posibles

ou Señoritos, o mesmo

van ós campos de jolgorio

dos magostos co pretesto.

Cargaos levan os fámulos

ca merenda nunhos cestos

composta de an

guilas, truitas,

polos, pampalliños tiernos,

e sobre todo empanadas

con salmón ou lomo dentro."

O poema de Manuel María "O ourizo"  en Os soños na gaiola:

"Co seu ouro vello, mol,

o ourizo ouriceiro

toma o sol

no bico dun castiñeiro.

Tal un señor moi mandón:

no bico dun castiñeiro

o ourizón

toma o sol moi riseiro.

O ourizo está moi ledo

coa súa casa ben pechada

-ouh, que medo!-

de espiñas toda cercada.

Quer botar unha risada

e os seus dentes arregaña

case un nada:

e xa fuxiu a castaña...!"

O poema de Florencio Delgado Gurriarán: 

“Inda que rendas non cobre,

no outono de ouro vai cheo

o seu verdecente pazo

o ourizo, bon cabaleiro,

e cando olla tal tesouro

o ourizo, que xa vai vello,

sorrí, e ao sorrir amostra

a nobreza do seu peito”

Un anaco do poema de Curros Enríquez

"Aí ven o maio

De frores cuberto…

Puxéronse á porta

Cantándome os nenos;

Y–os puchos furados

Pra min estendendo,

Pedíronme crocas

D’os meus castiñeiros."

No comezo de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro

«Has de cantar,

que che hei de dar zonchos;

has de cantar,

que che hei de dar moitos».

Algunha cantiga:

Non chas quero, non chas quero,
castañas do teu magosto,
non chas quero, non chas quero,
que che cheiran ó chamosco.

--- 

Acabáronse as castañas, 
secáronse os castiñeiros,
acabáronse as rapazas;
 quedan os mozos solteiros
"Acabáronse as vendimas
 ahí veñen as esfolladas
para comer coas nenas
 catro castañas asadas"
---
As castañas son castañas, 
os ourizos son ourizos;
os ollos da tua cara,
 para min son dous feitizos"

"Canta a rula, canta a rula, 
canta a rula naquel souto;
Probiño daquel que espera 
polo que está na man doutro"
 
 Ditos

“As castañas queren en agosto arder e en setembro beber ”.

“Agosto seco, castaña en cesto”.

“Polo magosto, castañas e mosto”.

“Auga de agosto, nen bo viño nen bo magosto”.

“Castañas no Nadal saben ben e parten mal”.

“A castaña no ourizo

eu ben sei como ela fai,

dende que pinta madurece

e dende que madurece cae”.

“Castañiñas a roer,

piolliños a nacer ”.

“No outono veñen as castañas

que nós comemos con moitas ganas”.

“Con castañas e viño novo

xa non morre o pobo”.

“Castaña que cae no camino

deixa ao amo vense comigo”.

“Castañas, noces e viño

son a ledicia de San Martiño”.

“En decembro vense as canas

e ábrense as castañas”.

"Polo San Martiño, castañas e viño”

“Castañas, noces e viño, fan a ledicia do san Martiño”

 “Con castañas asadas e viño novo xa non morre o pobo” 

Música:

Canción de Magosto 13 Lúas – Mercedes Rivera

O Rap do Magosto

Chegou Magosto – Jesús Pareja

Sol de outono – Luar na Lubre

O outono xa se acerca – Casa do Neno

 Xogos:

O gran magosto: o xogo de cartas do apalpador de Fernando Cimadevila, publicado por Urco. 

Na rede, recollidos por Paco Veiga: dende o CEIP Campo Lameiro, dende o CEIP de Foz e do CEIP San Luís Romero coa nota: magosto e xogos tradicionais (sexan cales sexan) van sempre de par, só hai que lembrar “Polo San Martiño, peóns ao camiño”. O peón ten que ser o rei.

A castaña na cultura popular galega

https://gl.wikipedia.org/wiki/A_casta%C3%B1a_na_cultura_popular_galega

Magosto na galipedia

Galicia encantada  buscar magosto https://galiciaencantada.com/buscador.asp

APOI (Arquivo do Patrimonio Oral e da Identidade). Buscar magosto

Orella pendella (Ditos, recitados e cancións infantís). Buscar magosto.

O castiñeiro na rede.ttp://www.galicias.com/camba/traballos/t/castineiro.htm

Faltaban as adiviñas, non?

 Teño unha coroa e non son rei

 vivo nun ourizo e ben dura son.

 No magosto todos me queren comer. Que son? (A castaña)

 Boto fume cara ao ceo,

 dou calor sen ser o sol,

e no magosto son o centro.

 Que son?  (A fogueira)

 No outono dou un froito,

 redondiño e saboroso,

 e no magosto son famoso.

 Que son?  (O castiñeiro).

Teño moitos pinchos,

pero non son ourizo de mar;

gardo dentro un tesouro 

 que che gustará probar.

Que son? (O ourizo da castaña)

Caio das árbores no outono,

 son marrón e moi redonda;

 se me asan na fogueira, 

que rica estou!

 Que son? (A castaña)

 Sobre as brasas me colocan,

 e para non estoupar,

 fanme unha pequena ferida

 antes de me asar.

 Que son? (A castaña)  

Outo me vexo no mmeu lugarexo. 

Por unha risada, perdín miña anada.

---- 
"Outo, outo cabaleiro
dalle a risa e caelle o diñeiro"

"Alto foi meu nascimento de doncela recollida;
cando ia para me rir, tal foi a queda que dei
que a casa non máis voltei"

"Altetes, altetes con seus carrapetes;
con o riso que lle deu, todo se perdeu"

Ten pelexo coma a xente,
e é moi boa para comer;
chega polo mes de Santos
e todo o ano a tés.

 Alto me vexo
no meu capelexo,
por unha risada
quedeime sen nada.

Alto está,
barbas ten,
ri e solta o que ten .
 
No aire se cría,
no aire se ten;
bota unha risada
e perde o que ten.
 
EXPRESIÓNS COTIÁS 

 Auga de castañas: dise do café frouxo.

Quedar en auga de castañas: algo que non tivo importancia.

Estalarlle a castaña na man: cando un cae na propia trampa.

Non estar para asar castañas: non ter ganas de festa.

Sacarlle as castañas do lume: librar a un dun problema.

Darlle unha castaña: zurrarlle na cara.

¡Toma castaña!:
 levar un chasco.

¡
Pegarse un castañazo!: Pegarse un golpe forte.    Estoupou como unha castaña: unha explosión seca.

¡Manda castaña!
: Algo que non ten xustificación, que sorprende a un.